martes, 31 de mayo de 2022

A "ESTELA" DO FARO DENDE A MIÑA FIESTRA (3) "Ao alumnado de Maxisterio"

 



                  


                                              

                        AO ALUMNADO DE MAXISTERIO


Mentres vai rematando o disco The Sky Moves Sideways da banda inglesa de rock progresivo, Porcupine Tree, liderada polo máis que interesante Steven Wilson, asómome á fiestra e sobre o cristal embazado debuxo uns garabatos co dedo mentres reflexiono sobre algúns parágrafos do libro que estou a ler, Deseo de ser egipcio, do escritor Alaa Al- Aswani, unha auténtica descuberta para min.



E leo no prefacio destes  relatos que “unha gran parte do gozo que nos proporciona a lectura se debe a que nos permite xogar coa imaxinación e que, por exemplo, os personaxes e os feitos dunha novela adoptan na nosa mente a forma que máis nos convén, algo que non é posible sen a intervención de fantasía”. Nada novo baixo o sol, pero que convén ter presente nunha sociedade que non é demasiado lectora. Sempre pensei – e sigo a pensalo – que a literatura é a vida feita arte.



Matino nestes conceptos e chego ao mesmo porto: é fundamental que os nenos lean, que acaden o hábito lector e que a semente continúe agromando malia algúns períodos ermos que se dan durante a vida das persoas.

A lectura, o amor aos libros ten que comezar na casa xa dende as primeiras idades. E debe continuar – e correr paralelamente – na escola. De aí que sexa fundamental que os e as docentes lean. De aí que sexa primordial que o alumnado de maxisterio teña a lectura e o coñecemento de autores/as e de libros de LIX como un obxectivo innegociable. Eu levo as mans á cabeza ao saber que non hai unha materia específica de LIX na carreira docente para o alumnado que vai impartir clase a nenos e nenas nas primeiras idades. Tan só uns meses como optativa e dependendo do entusiasmo dese profesorado que cre na importancia da lectura nos seus alumnos, futuros mestres.

Encontro con alumnado de Maxisterio en Santiago


Non hai moito tempo lin en FARO DE VIGO, unha información que, non por sospeitada, me volveu preocupar e moito. Afirmábase nela que nas probas da ABAU se constataba que moitos alumnos presentaban eivas importantes en análise, razoamento, ortografía e enormes dificultades de expresión. Nada novo que eu non detectase nos meus anos de docencia. E engadíase que o alumnado rexeita facer exercicios prácticos porque dese xeito evita a interrelación, a reflexión, a argumentación, a análise e a síntese. En definitiva,existe unha carencia de reflexión previa á fase escrita do exame.

Que pouco avanzamos, pensei. E buscando causas -que poden ser moi variadas- cheguei á conclusión de que había unha moi importante: non se le ou non se le en condicións. Este feito, afirmo, produce efectos moi negativos na mocidade e na propia sociedade.

Poucas semanas despois estaba eu dando tres conferencias en Escolas de Maxisterio. E tiña moi claro que debía incidir neste asunto falándolles desta anómala situación.

Porque, á marxe do dito anteriormente, estamos a privar os alumnos e alumnas dunha actividade moi pracenteira. A literatura, a boa literatura produce no lectorado unhas sensacións non só positivas en múltiples facetas, senón que causan un pracer infinito cando se adquire o hábito lector.

Outro encontro en Santiago (Maxisterio)


Dáme medo pensar que os docentes non lean. Que non coñezan os grandes autores e autoras da LIX. Que lles falte criterio para poñer nas mans do seu alumnado eses libros sedutores que os fagan lectores e lectoras para sempre. Porque, cando alguén se fai lector, a marca que deixa a literatura non se borra endexamais.

Aos alumnos de maxisterio -futuros mestres e futuras mestras- intentei convencelos e contaxialos cun discurso optimista e, ao tempo, cru co obxectivo de que reflexionen sobre a importancia da súa obriga en acadar que a lectura se faga viva nas aulas. Os mestres, as mestras teñen que ser bos lectores porque o seu labor de mediación resulta imprescindible. Teñen que seducir o seu alumnado a través do convencemento de que a lectura literaria é imprescindible na escola. Díxenlles que non caben desculpas, que hai unha oferta extraordinaria para elixir. Que non se debe reducir a importancia das humanidades con respecto ás tecnoloxías. Que ambas son compatibles. E deixeilles unha sentencia, algo apocalítica, para sacudilos:” Se vivides á marxe da lectura, mirádevos no espello e non vos enganedes. Non seredes bos docentes”.

Antes de comezar unha conferencia en Maxisterio (Vigo)


 Deseguido, fíxenlles ver que a lectura, ademais do pracer, estimula a creatividade e a imaxinación. Que esperta e educa a sensibilidade. Que provoca reflexión, e aguza o sentido crítico. Que abre a outras realidades, que axuda a coñecerse e coñecer o mundo que nos rodea, que estimula a confianza en nós mesmos, que provoca sentimentos de ledicia, tolerancia, solidariedade etc.

E rematei con estas palabras: “Querido alumnado de maxisterio, como dicía Álvaro Cunqueiro, o home precisa en primeiro lugar, coma quen bebe auga, beber soños”.

E soñando con eles fiquei convencido de que en alguén estas palabras non caerían no baleiro, ademais de relembrar as fermosas palabras de Juan Farias dirixidas aos docentes: “Non toquedes os nenos coas mans frías”.

 


                                                                                                                                        Antonio García Teijeiro