Páginas

miércoles, 11 de mayo de 2022

ENCONTROS 2022 (4): Programa de radio "Menudo Castillo" e Feira do Libro de Córdoba

 



Esmorecía o mes de abril,  e o un tempo amable de primavera douraba as 

ilusións tanto literarias coma afectivas.

Tras a participación nun programa de radio, Menudo Castillo, dirixido por Javier Jiménez, con participación de nenos e nenas, e desenvolvido en Fuenlabrada, nun acto aberto ao público, enfilei cara a Andalucía. Susi, Juan e Lurdes completaban a expedición literaria.

Un momento do programa de radio en Fuenlabrada


Agardábame alí un encontro con dous centros públicos na Feira do Libro de Córdoba. O acto  foi realmente positivo.

Máis de setenta rapazas e rapaces viviron unha hora de poesía -e música- cun interese verdadeiramente exemplar.

O encontro xirou arredor da Triloxía do mar e , particularmente, Poemar el mar.




Linlles uns poemas de Rafael Alberti contidos no seu poemario Marinero en tierra. Porque o poeta gaditano foi o meu auténtico detonante poético para que eu unise a través do tempo os conceptos literarios de poesía e mar.


Un momento do encontro na Feira do Libro

Os nenos e nenas repetiron versos, xogaron cos mesmos, fixeron preguntas e sentiron fondamente a maxia poética dentro deles.

En la cuna del mar, a lectura en galego duns poemas de Palabras do mar e as actividades propostas arredor do libro Poemar el mar deixaron pegada no alumnado e no profesorado.




Por se fose pouco, Juan Carlos Martín Ramos e Lurdes López interpretaron unha canción moi fermosa, que eles mesmos compuxeron, a partir do meu poema Por la acera de mi calle, que se atopa no libro conxunto con Jordi Sierra i Fabra, Cuentos y poemas para un mes cualquiera (Ed. Oxford).


Juan C. Martín Ramos e Lurdes López cantan "Por la acera de mi calle"

A poesía, moi viva nesta Feira anual que fai de Córdoba un lugar para gozar dos libros.

Esa mesma tarde tivo lugar o espectáculo do noso libro Versos e viceversos,  que contiña recitados e 10 cancións nacidas dos nosos poemas. Sempre é un pracer deixar no aire música e poesía, pero debo recoñecer que a organización non estivo á altura do acto.

Espectáculo "Versos e viceversos"



Unha mágoa, pero aí quedaron as notas, a voz de Lurdes e as palabras.