lunes, 9 de mayo de 2022

DARDO POÉTICO (LXXXIV) CINCO POEMAS DE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN PARA TRABALLAR EN PRIMARIA

 




Galicia infinda é unha colleita de poemas a través de vinte anos de traballo de Florencio Delgado Gurriarán, onde as tres primeiras partes (”Cantarenas”, “Valdeorras” e “Castiñeiros”) recordan o estilo animista de Bebedeira (Nós, 1934), a súa primeira obra.

 


Nas dúas últimas partes inclúe algunhas mostras de de poesía civil de temática galega (“Varia”) e, sobre todo, nos “Poemas mexicanos”, con poemas dun ton diferente e trazos da cultura mexicana e da música do país, que o autor denominou como exemplos de “creoulismo multiétnico”.

 

Eu permitinme recoller cinco poemas que, sen ningunha dúbida, poden lerse en voz alta e traballar con eles nas aulas e así gozar da palabra deste avogado a quen se lle dedica este ano o “Día das Letras Galegas”.






RESPOSTA A ROSALÍA

 

                                             No cabo do século dos

                                             seus Cantares Gallegos

 

 

Eu cantar, cantar, cantei,

a grasia non era moita…

 

Ti cantar, cantar, cantaches,

ti cantaches, Rosalía;

ti cantar, cantar, cantaches,

da grasia de Deus unxida,

concertos de reiseñores,

malvises e cotovías,

de rulas que loitos choran,

de galos na amañecida,

de airiños que tollen mágoas,

de mozas pernas que brincan

e de xogorais punteiros

de gaitas nas romarías.

 

Do río, na florida beira

do mar ao pé das ondiñas,

cantaches, nova alborada,

o abrente dun claro día. 

E, teu cantar, foi roibén,

foi diana de ledicia,

pois cantaches o resurrexit

de lene fala esquecida.

 

Ti, cantar, cantar, cantaches,

cantaches, que ben sabías;

cantaches de grasia chea:

voz gloriosa de Galicia!

 

 

 

A CALDEIRA

 

Do río de Farelos

aí vén a caldeira

para matar a sede

de todas as terras.

 

Espelliño ledo,

cristal manseliño,

vén cantaruxando

beira dos camiños.

 

O seu ben reparte,

cal samaritana,

e acaba pobriña,

e morre escoada.

 

Bebe o boi marelo,

bebe a mansa besta,

beben as herbiñas…

todos beben dela!

 

Pasou a caldeira,

camiño das hortas,

a falar soíña,

a cantar saudosa.

 

 

 

 

 

ANDAN OS PAXAROS

 

 

 Andan os paxaros,

co medo, a chiar…

(Do Xapón, mandaron

castiros enáns

para que os nenos poidan

os niños pillar

sen rubir á gallas,

sen agatuñar,

sen rachar as calzas…

dende o mesmo chan!)

Andan os paxaros,

co medo, a chiar.

 

·castiros=castiñeiros

 

 

 

 

 

                                           XACARANDÁ

 

 

A esta terra da infinda primavera

a nova primavera vai chegar

e a xacarandá teima en estoupar

foguete malva, na mañá marceira.

 

Das súas pólas penduran, churrusqueira,

axóuxeres azuis, a vibrar

nun ourente tanguido que enche o ar

e espalla o seu engado feiticeira.

 

Orballada de flores no solo deita,

a choiva malva-azul o parque enfeita…

E, verde muiñeira polo vran,

 

peneira o ardente sol, coas súas folliñas

da brisa arrandeadas, e as herbiñas

recadan, a bulir, a luz do chan.

 

 

 

TABACHÍN

 

 Florece o tabachín…

súa vermella fogueira

alumea o xardín

-ledo roibén do abrente-

Quéimase a primavera

no tabachín ardente!