jueves, 9 de diciembre de 2021

PROFES QUE ESCRIBEN, por Raquel Castro

 




Non hai moito tempo que Versos e aloumiños publicou unha magnífica obra teatral, unha delicia, de Raquel Castro.

Así que non imos abundar aquí sobre a interesante traxectoria desta autora que enche de teatro e de ilusións o panorama da nosa LIX.

     Raquel enviounos un texto magnífico sobre “profes que escriben”. Pareceunos tan interesante que decidimos publicalo para deleite dos e das nosas seguidoras.

     Gozade con el porque paga a pena.

     Unha vez máis, prezada Raquel, moitas grazas.


Raquel Castro



Profes que escriben


Hai un par de anos, ía polo corredor do meu instituto abríndome paso entre alumnos e alumnas que, coma min, facían cambio de aula. De súpeto, unha alumna, á que eu non lle daba clase, encarou comigo.

- Ola, ti es a profe que escribe, non?

Ao principio non souben que contestarlle. Dicirlle que si, antollóuseme un alarde  e responderlle cunha frase tipo “ Todos os profes escribimos” unha parvada, que a rapaza non merecía, despois de que se atrevese a falarme no corredor. E, entón, respondín cunha pregunta e saín do paso.

- E iso?

- Porque lin o teu último libro e gustoume moito. Díxome ela.


Aquela mañá andei radiante polo instituto. Fixérame inmensamente feliz que unha alumna, á que non lle daba clase, se tivese achegado a un libro meu e, por suposto, que lle gustase. Se o libro lle dixera algo a aquela rapaza, xa valera a pena escribilo.


Agustín Fernández Paz

Coñecín a Agustín Fernández Paz cando comecei a traballar no ensino público, el xa era un escritor e un profesor consagrado e eu tiña que substituílo por un mes. Conservo del, escritos a man, dez folios onde me dá instrucións de como afrontar as clases con cada grupo. Tamén conservo, xa no curso seguinte, o recordo dunha conversa , xantando no Carballiño, na que me dixo que tiña a sorte de ter as dúas profesións que máis lle gustaban: profesor e escritor. Ser profesor permitíalle estar sempre en contacto coa xente nova, en contacto con aqueles e aquelas para quen escribía. Certo que tamén me dixo que ser profesor lle daba de comer e lle permitía dedicarse a ser escritor, profesión que lle daba moita satisfacción, pero da que non se podía vivir.


Agustín non é o único exemplo de profesor que escribe para lectores e lectoras da idade do seu alumnado. Poderiamos citar tamén a Fina Casalderrey, a Helena Villar Janeiro ou a Antonio García Teijeiro entre os máis prolíficos. O contacto coa xente nova fai que se  vexa a súa problemática de forma directa, de primeira man e, tamén, permite coñecer os seus gustos literarios e os ocos que quedan por encher, aínda, canto a temáticas e a xéneros no mundo editorial.

      Eu traballo con adolescentes. Esas persoas que, como adultos, acostumamos  mirar con certa condescendencia. Aos problemas da xente nova non lles damos importancia e clasificámolos baixo etiquetas tan pouco acertadas coma  está na idade do pavo” ou “xa lle pasará, está na idade da bobeira”  para non darlles importancia á infinidade de problemas que xorden cando unha persoa pasa da nenez á idade adulta.

Fina Casalderrey


Moitos destes problemas teñen que ver con presións sociais ou familiares que, ás veces, non son directas, mais iso non implica que non estean no aire, na atmosfera que respiran de forma sutil, esperando para colárselles nalgún oco do seu cerebro.

Que pode levar a unha adolescente a pecharse no seu cuarto? Que ocorre na cabeza das mozas que no canto de saír e divertirse, se agochan e tentan pasar desapercibidas, como se a vida non fose con elas? Este é o problema que tento enfrontar en Dormente, a miña última peza teatral.

Helena Villar Janeiro

Non é a primeira vez que boto man dos contos tradicionais para achegarme aos lectores e lectoras. Gústame darlles a volta aos contos, aos contos que nos contaban de nenas.  Aínda que pareza que hai distancia entre a Dormente e as mozas do século XXI, só tedes que consultar nas redes, como é un príncipe ou unha princesa dos nosos días. Como se pode falar así? Temos que ser princesas ou príncipes?

Antonio G. Teijeiro
Sabedes como debe ser unha princesa do século XXI? Unha das primeiras entradas do buscador dinos que as princesas de hoxe deben ser seguras e crer en si mesmas, intelixentes, responsables e, ademais, non abandonarán nunca os seus obxectivos, esforzaranse sempre, preocuparanse polos demais, mirarán o lado positivo das cousas, coidaranse e serán valentes. A priori podemos pensar que son calidades positivas, se as comparamos con aquelas que tiñan as princesas dos contos tradicionais das que o seu espertar dependía do bico dun príncipe, mais eu se teño que posuír todas esas calidades xa me dá algo, o nivel de esixencia é tanto que me asfixia. 


En A formiga fóra do carreiro, outra peza teatral, tento amosarlles o importante que é escoitar o teu corazón á hora de escoller. Nesta idade tómanse decisións constantemente e non é nada fácil: inglés ou francés, mates ou latín, a roupa que poñer, as actividades ás que anotarse, falar co rapaz ou rapaza que che gusta, caer ben, ir ao bacharelato ou facer un ciclo, seguir estudando ou poñerse a traballar, atrévome e falo galego ou non me complico e falo castelán.



Si, porque falar galego nos nosos institutos é un acto de valentía. A rapazada que fala galego cóntase cos dedos das mans e aqueles e aquelas que chegan falando galego, apártano nun caixón e, chegado o Nadal, xa son castelán falantes de cara á galería, que todo o pode. Disto fálolles en A vendedora de palabras, unha das primeiras pezas que publiquei.




Escribir converteuse nunha necesidade para poder traballar co meu alumnado nas aulas de teatro calquera tema. Un xeito de comunicación activo e directo que me achega á rapazada, porque me axuda a escoitalas e escoitalos sen filtros e aprendo cada día coas súas experiencias.

Escribir obedece, tamén, e penso que as autoras e autores arriba mencionados senten o mesmo, á necesidade de facer lectores e lectoras, de que a mocidade se achegue ás bibliotecas, colla libros e os devore. A lectura, que tantos beneficios nos aporta, non está de moda entre os máis novos. Cando un alumno ou unha alumna len moito, máis alá das lecturas “obrigatorias”, celebrámolo coma un acto heroico, porque non é o habitual, por iso escribir literatura infantil e xuvenil convértese nunha especie de obriga para as profesoras e profesores que desexamos atopar o tema, o fío que os enrede coma gatiños detrás do novelo.


Di Ursula K. Le Guin en The Wave in the Mind : Talks and Essays on the Writer, the Reader, and the Imagination O que ocorreu cos contos e cos poemas logo da invención da imprenta é algo estraño e terrible. A literatura perdeu a voz. Agás no escenario, quedou en silencio. Gutenberg púxonos un bozo.”

 

 


 

Raquel Castro, 23 de agosto de 2021