TÍTULO:
A ciencia do día a día
Coordinación
da edición: Emili López Tossas
Redacción:
Caterina López Rigo
Debuxos:
Bruno Martínez Tabares
Para
a versión en galego: Edicións Xerais de Galicia
Que
gratificante resulta ter nas mans calquera dos volumes de divulgación da
colección E logo… por que? que publica Edicións Xerais na
colección Xerais Básicos. Ciencia.
Moi
atractivos na súa presentación a xeito de caderno, coas páxinas de cartón plastificado,
con cores moi vivas e moito humor nas viñetas de cada capítulo.
O
libro que hoxe nos ocupa leva por título A ciencia do día a día e está
dividido en dous temas diferentes: Ciencia en cousas da casa e Ciencia
para ir polo mundo.
Nel
podemos atopar unha chea de curiosidades científicas que a rapazada decoñece e,
como non, tamén os adultos. Que interesante achegar o lectorado á ciencia e ás
súas sorprendentes características. Cunha linguaxe moi clara, con ilustracións
cheas de sorpresas, A ciencia do día a día amósanos respostas sinxelas,
intelixibles, que colman a nosa curiosidade. Podemos ler no capítulo 1 que “pasan
moitas cousas ao noso redor e cando queremos saber por que ocurren xa estamos a
facer ciencia”. E deixa algo moi claro: todo o que non se pode demostrar non se
pode considerar ciencia.
No
primeiro tema do volume podemos atopar respostas a cuestións que nos pasan na
casa. Por exemplo: Que é alta definición? Por que se derrete a manteiga?
Podo tocar os electrodomésticos cos pés mollados? Por que o xabón fai escuma?
No
segundo tema saímos polo mundo e damos con respostas a preguntas coma
estas: Hai lixo no espazo? Pode caer á Terra? Por que o aceite non se
mestura coa auga? Por qué flotan os globos no aire? Que é o fume? E así un
monllo de cuestións que resulta magnífico coñecer. Entreteñen e forman dun
xeito lúdico e con moita claridade, onde non falta o humor.
Vivimos
case sempre afastados da ciencia e ese é un erro. Xogando a preguntar, a
responder, a coñecer as causas dos fenómenos habituais gozamos moito máis do
cotián.
Facémonos
máis “sabios” lendo estes temas tan próximos como curiosos.
A
ciencia do día a día coas
súas respostas rápidas a preguntas enxeñosas convértese nunha deliciosa lectura.
Temas, como dixemos, diferentes, ilustracións sorprendentes e respostas
sinxelas a cuestións arrevesadas.
Un
acerto de Edicións Xerais a publicación desta colección para desfrutar individualmente
ou coa familia. Un proxecto suxestivo, dunha gran riqueza, cheo de engaiolantes
propostas.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO