TÍTULO: Allumette.
AUTOR: Tomi
Ungerer.
TRADUCIÓN: Sandra Senra Gómez e Óscar Senra Gómez.
EDITORIAL: Kalandraka. Colección: Tras os montes.
Intelixente,
interesante e necesario o labor que a editorial Kalandraka está a levar a cabo coa súa aposta de recobrar clásicos
da Literatura Infantil e Xuvenil dos andeis do tempo e achegárllelos aos novos
lectores a fin de que poidan ampliar a súa bagaxe lectora con autores de
referencia.
Este é o caso de Tomi Ungerer, debuxante, ilustrador e escritor francés de gran
recoñecemento internacional e gañador do Premio Hans Christian Andersen en
1998.
Allumette viu
a luz por primeira vez en 1974 e é unha homenaxe ao conto clásico de Andersen,
ao que Ungerer agradece explicitamente ao comezo do libro, xunto cos irmáns
Grimm e a Ambrose Bierce polo seus traballos a prol da literatura.
Como sucedía no clásico do século XIX de
Andersen, a protagonista deste conto ilustrado é unha nena pobre e orfa que
vive na rúa e que experimenta toda a crueza e ruindade dunha sociedade deshumanizada
e demasiado centralizada no materialismo. Situación que se agrava na noite de
Nadal ao poñerse de manifesto as grandes desigualdades sociais. A diferenza
radica no desenvolvemento da acción e os seus diferentes finais, mentres que no
clásico se amosa unha situación real e pesimista, neste aparece unha luz de
esperanza nun futuro mellor sustentado no traballo en equipo dunha sociedade
máis solidaria, plural e equitativa.
Todo o texto vai
acompañado por unhas expresivas e coloridas ilustracións onde se poden observar
detalles que complementan a narración textual e permiten varios niveis de lectura.
ALBA PIÑEIRO