jueves, 26 de julio de 2018

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXIX) "Gaiola aberta", de Xoán Neira





                                      XOÁN  NEIRA  (Meilán - Lugo, 1953)








A NEVE



Caen as frías folerpas
detrás dos cristais da escola,
un manto branco cobre o chan.
Lembranzas de xogos de infancia!
Entre farrapos de nube,
un brillante resplandor
pinta o riso dun boneco.
Gozosos xogos da infancia!

Regreso aterecido
á caloriña da casa
polos carreiros ocultos.
Pegadas de xogos da infancia!

Pola mañá, cando escampe,
as mornas raiolas do día
borrarán camiños de azucre.
Perdidos xogos da infancia!

Un soño branquísimo
derreteuse entre as mans.






O CERVO



O cervo pace na herba
do amencer da primavera.

Bebe, a mañá, na fonte
o fresco orballo da noite.

Corre áxil polo monte,
silueta esbelta ao lonxe.

Sobe enriba dos penedos,
para vixiar o terreo.

Os machos teñen por cornos
núas árbores de outono.

A súa tenra figura
dorme no cubil da lúa.

Cervo gravado na pedra
pegada e memoria eterna.

                   Cervo de luz.
                   Cervo na alba.
                   Cervo de pedra.
                   Cervo na auga.






O MAR



O mar é un misterio,
un abismo azul,
unha chaira inmensa,
un manto de luz.

Desde o amencer ao solpor
espéllase nel de día
o ceo, o seu cobertor.

Nas noites limpas e claras
tamén a lúa se espella
deitando sombras de prata.

O mar é un misterio,
un abismo azul,
unha chaira inmensa,
un manto de luz.






OS RELOXOS



O latexo do reloxo
non é do seu corazón,
o dono e señor do tempo
é frío e calculador.

Non sabe de taquicardias
nin baixadas de tensión
e se se lle acaba a corda
cala o seu pesado son.

Cando adianta ou atrasa
non precisa de doutor,
non sofre estrés nin cansazo
nin unha triste emoción.

Se parasen os reloxos,
sen horarios nin obrigas,
fariamos un gran recreo
desde a mañá á tardiña.





Xoán Neira





(Do libro Gaiola aberta. Escolma de poesía infantil, 1997-2017, editado por Baía Edicións)