Páginas

viernes, 12 de mayo de 2017

EDICIÓN MAGNÍFICA DO MANUSCRITO INÉDITO DO POEMARIO "DE CATRO A CATRO", DE MANUEL ANTONIO




Agasalloumo unha amiga moi querida que coñece a miña paixón poética. Ela sabe, tamén, que Manuel Antonio é un dos poetas polos que sinto verdadeira devoción.
    
     O manuscrito inédito de De catro a catro xa ocupa un lugar privilexiado entre os libros especiais na miña biblioteca.
     
     


     Editado por Alvarellos Editora e o Consorcio de Santiago e coa colaboración da Universidade de Compostela, este libro é unha xoia. Manuscrito inédito, edición facsimilar que respecta fielmente o formato orixinal no que foi creado un poemario que é un cumio da poesía vangardista , non só galega, senón tamén universal.

     
Anxo Tarrío Varela
Un traballo magnífico do profesor e catedrático Anxo Tarrío Varela (USC), que transcribe o texto coa identificación das súas variantes. reproduce fotografías e ilustracións dun dos libros relevantes da nosa poesía, escrito entre os anos 1926 e 1927. Este manuscrito é o documento polo que se guiou o seu editor Ánxel Casal –moi controlado polo propio poeta- para compoñer o libro De catro a catro. Follas dun diario d´abordo, que sairía do prelo de Nós. Pubricacións Galegas e Imprenta, na rúa Real, nº 36-1º d´A Coruña, en marzo de 1928.
     
     O manuscrito  presenta  moi bo estado de conservación polo que foi posible abordar esta edición facsimilar e a transcrición íntegra do texto nun traballo fondo do profesor Tarrío Varela. Manuscrito, peza única, propiedade dos herdeiros de Domingo García-Sabell, que o cederon xenerosamente para proceder á súa divulgación.

     

     
     Fisicamente, trátase dunha libreta común de asentos contables, como as que aínda se poden atopar nas papelarías. Nela atópanse os poemas dun poeta, Manuel Antonio, tan meticuloso, obsesivo, que non nos permite saber cantos borradores precederían a este que, con seguridade, é o que tivo diante o impresor para levar a cabo a primeira edición, datada, segundo lemos no colofón, en “vintesete de Marzal de MCMXXVIII”.


     
Manuel Antonio
     Un libro imprescindible para todos aqueles e aquelas que aman a poesía; que aman o libro ben feito e que saben da importancia  dos versos para consolidar aínda máis unha cultura necesitada de divulgacións imprescindibles.


                                                                                                                                           ANTONIO  GARCÍA TEIJEIRO