AUTORA: Paula Carballeira.
Editorial Galaxia. Colección: COSTA OESTE.
“Nunca mascotas” é unha interesante achega poética para un público
xuvenil da escritora, actriz, contadora de historias e directora teatral Paula Carballeira.
Trátase dun
poemario vertebrado por vinte e catro poemas de diferente extensión e verso
libre, onde destaca a forza evocadora da palabra. Esta convértese, xa dende o
título, na guía polo percorrido dos suxestivos versos cara ao interior do noso
ser, para amosarnos a nosa parte máis irracional. A autora, ben coñecedora do
valor e importancia da palabra, xoga con ela, recréaa e dótaa dunha carga
semántica emocional que convida á reflexión. A través dela, reivindica a
liberdade tanto individual coma colectiva nun mundo sen ataduras.
Cada un dos
poemas está protagonizado por un ser do mundo animal: insectos, mamíferos,
paxaros, peixes…todos se unen para presentar, coma se dun desfile se tratase, o
lado máis escuro da nosa existencia: a soidade, o abandono, a discriminación, a
envexa, o medo, o amor fatal…pero tamén, a esperanza, a tenrura, a lealdade, a
memoria, a amizade…, é dicir, a esencia da vida.
Versos directos, cargados de ritmo e musicalidade e adubados
con certa dose de humor irónico, que non deixan indiferente o lector, que
buscan a súa complicidade e ábrenlle cancelas no camiño do coñecemento persoal.
Intelixente
proposta editorial da editorial Galaxia para todo aquel que é quen de
emocionarse coa palabra poética e sobre todo, para os mozos que están nunha
etapa vital onde abundan as preguntas pero non as respostas dentro do complexo
mundo dos sentimentos.
“As avelaíñas
téñenlle un medo terrrible á escuridade,
por iso prefiren
morrer na procura dunha luz
que escorrente as
súas pantasmas.”
ALBA PIÑEIRO