domingo, 11 de diciembre de 2016

PAPEIS RECOBRADOS (11) Poesía necesaria

    Foto de Anxo Cabada



 Temos que seguir en garda.
     Temos que estar cos ollos ben abertos, cos oídos ben atentos e encher o noso espazo de versos.
     Temos que seguir insistindo na necesidade da presenza da poesía na escola, nos fogares, nas bibliotecas, no noso medio.
     De aí que recuperemos este artigo, “ Poesía necesaria”, que foi unha columna en “A Nosa Terra” e que ten vixencia plena.
     Xa xubilado, emociónome cando releo esas liñas nas que comento que cada clase miña, tanto en castelán coma en galego, comezaba cun poema en voz alta.

     Por todo isto (e moito máis) seguiremos dicindo que a poesía é un alimento como o pan de cada día (Celaya, dixit).





                         POESÍA NECESARIA

                                                                             


Poesía para seducir e ser seducido. Poesía para conmover, para sorrir, para chorar, para vivir. Poesía para ter os pés na terra e andar polos camiños da emoción. Poesía  para voar polos tellados que cobren as penas.
Fran Alonso
     Porque, como dixo Fran Alonso cando nos invitaba a poetizarnos, os poemas son como caixas de ferramentas que valen para todo: para sentilos,cheiralos, gardalos nun armario ou penduralos na parede, entre moitas máis cousas. Os poemas, sempre o pensei, curan doenzas que non avisan, dores producidas polo amor e gripes infinitas.

     Emociónome ao ler que Guy Clark, un importante músico de country-folk,di as seguintes palabras:”Meus pais amaban a palabra falada e escrita e, como aínda non había televisión, despois da cea sentabámonos na cociña a ler poesía”.
     
Guy Clark
     Imaxe conmovedora. Ler poesía en voz baixa, pero tamén en voz alta. Poesía na casa (canto lles recitamos aos meus fillos a Alberti, Celso Emilio e tantos outros!), poesía nos xornais, poesía na radio, na televisión, na escola.
     
   Leo en Cuadernos de Pedagogía, que unha profesora da Universidade de Málaga inicia as súas sesións coa lectura dun poema. E recoñece que os alumnos, nun principio, o reciben con sorpresa; logo, acéptano con gusto e bótano de menos se falta.
  
 Hai ben anos que comezo as miñas clases lendo/escoitando/compartindo poemas en voz alta cos rapaces. Resúltame pracenteiro. Alégrome que alguén o faga , tamén, na universidade.Por aí deben ir as cousas.
     
     É que como escribiu Celaya e cantou Paco Ibáñez, “poesía para el pobre, poesía necesaria/ como el pan de cada día…”

                                                                                          ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO