AUTOR: El Hematocrítico.
ILUSTRACIÓNS: Alberto Vázquez.
Edicións Xerais. Colección: SOPA DE LIBROS.
Edicións Xerais achégalle ao público infantil este conto
traducido ás nosas letras por Anaír
Rodríguez e cuxa autoría pertence a El
Hematocrítico, coñecido pola súa presenza activa nas redes sociais. Ademais
vén avalado polo Premio Fundación Cuatrogatos no 2015 e por ser incluído nos
White Ravens dese mesmo ano.
Feliz
Feroz é un conto enxeñoso que cativa a grandes e pequenos dende o
primeiro momento.
O seu autor, amosando
un humor intelixente, consegue captar a atención do lector a través do emprego
dun léxico claro, directo e moi expresivo onde o humor e mais a tenrura se dan
a man para presentarnos o seu protagonista Feliz Feroz.
Este é un
lobiño atípico: é educado, estuda e gústalle ler, algo que a súa nai non atura,
pero o que baixou o grao de tolerancia no termómetro da ferocidade materna, foi
que tamén sexa amable e axude as persoas maiores a cruzar a rúa. Isto provocou
que chamase ao seu irmán, Lobo Feroz, para que educase e ensinase o seu sobriño
o que significa ser un lobo con ese apelido. O lobiño, como tamén é obediente,
acata os desexos da súa proxenitora e vai pasar o verán co seu tío. Alí o noso
protagonista, no seu afán de aprendizaxe e de agradar o seu educador, vai
rachar cos estereotipos clásicos e tradicionais dos contos de lobos, dando
renda solta a súa especial personalidade baseada na bondade. Esta covértese
nunha arma poderosa que será quen de influír e, mesmo mudar, os sentimentos de
desesperación, vergonza e carraxe que experimenta o seu tío na teima de facelo
un lobo como mandan os canons.
A diversión
para os máis pequenos e a reflexión para os maiores están aseguradas coa
lectura deste libro, que reivindica a importancia das diferenzas, do distinto como elemento enriquecedor na
convivencia e creación dun mundo máis solidario e, xa que logo, mellor.
As
ilustracións de Alberto Vázquez
están en total sintonía co ton narrativo, resultando moi suxestivas.
ALBA PIÑEIRO