jueves, 1 de diciembre de 2016

A LUZ DAS PALABRAS (62) Anxo Cabada




Hai ben tempo que admiro fondamente a Anxo  Cabada. E admíroo pola súa obra -verdadeira poesía fotográfica (“poesía da luz e da sombra”)-, polo seu compromiso humano e artístico, pola súa personalidade, cámara en mano ou sen ela, porque me encanta conversar con el, pola súa sensibilidade… e por moitas razóns máis.
     
     Anxo Cabada tiña que estar nesta sección d´A luz das palabras e aquí está.
     E faino cunhas fotografías prodixiosas e un texto no que nos fala desa festa tradicional –practicamente un rito-, como é a rapa destes cabalos ceibes.
     
Anxo Cabada
     Un  texto moi significativo sobre esta tradición, sobre a historia da “rapa” e a fascinación que exerce en fotógrafos, en grandes fotógrafos/as de moitas partes do mundo. Un texto adobiado cunhas fotografías que nos deixan pampos de admiración. Un texto que se refire a Sabucedo que, en palabras do autor, se converteu xa nun encontro de reporteiros de todos os continentes e as súas imaxes se esparexen por todas as revistas, os xornais e polas redes sociais. Sabucedo converteuse nun “couto” fotográfico de primeira orde.
     
     E Anxo Cabada cóntanolo a xeito de crónica e de exposición gráfica.  Unha gozada para os sentidos da man dun dos grandes fotógrafos deste noso país.

         
     Grazas, Anxo, pola túa xenerosidade e por permitirnos estar tan preto dun acontecemento desta importancia.



          
                   A RAPA E A FOTOGRAFÍA  

                                                                                     
                                                               Anxo Cabada (texto e fotografías)

           

          De pequenos todos levabamos un pau de moca ao monte.  Ao irmos  buscar as eguas a Montouto, os homes ou as mulleres preparaban con tempo, para os seus fillos ou netos, un bo pau de moca para axudar a baixar as bestas; os preparativos eran ben ceremoniais e a excitación dos máis cativos, conforme se achegaban as datas, ía medrando. Soñabamos cos rinchos dos cabalos no medio da noite.

            A Sabucedo o “Día das Eguas” ou “Día da Baixa” acudía xente da bisbarra de Tomonde, Soutelo, Quireza, Cerdedo, Forcarei, Codeseda, Castro, Vilalén...

           Daquela, a fotografía até os  anos 60 era só documental e costumista, por iso non temos moitas fotografías da primeira metade do século XX. A Sabucedo unicamente acudía o NODO e de cando en vez algún fotógrafo da bisbarra coma o  gran fotógrafo de Soutelo, Virxilio Viéitez, que co tempo  será  unha figura esencial da fotografía europea.

            De súpeto, a Sabucedo xa empezaron a chegar fotógrafos foráneos: eran viaxeiros-reporteiros que buscaban os costumes ancestrais do país e Sabucedo, cunha complicada accesibilidade, mantiña unha tradición única e moi atractiva visualmente, polo que constituie  un couto, e un lugar moi atractivo para os fotógrafos.

           
         É a partir dos anos 70 cando a fotografía empeza a ter vida propia, e comezan a xurdir nas asociacións fotográficas persoas inquedas que pensan que a fotografía é un grande medio de expresión para contar e narrar, a fotógrafa Cristina García Rodero co seu traballo “España oculta”, recrea fotograficamente todas as tradicións e festas pola península adiante; tamén pasa por Sabucedo, e realiza un traballo intenso que lle permitirá co tempo seguir profundando en todas as tradicións do mundo e así chegar a ser a única española da prestixiosa axencia Magnum. Outros fotógrafos da Magnum de gran prestixio,  como o checo Josep Koudelka ou o grande fotógrafo americano David Alan Harvey, a principios dos anos 70, tamén chegaron a Sabucedo e deixaron unha grande pegada cos seus traballos. Dende aquela xa é fácil atopar reportaxes na revista National Geographic, e nas máis prestixiosas revistas de fotografia de todos os recantos da terra.



            Outros fotógrafos que realizaron traballos destacados nestes anos foron: Rafael Sanz Lobato, Premio Nacional de Fotografía en 2011,  e Carlos Corcho, pertencentes os dous ás Agrupacións Fotográficas Madrileñas. Outros moitos aparecían por Sabucedo cargados de negativos e cámaras  e pasaban días na aldea, rexistrando todos os traballos da rapa, dende o monte do Cádavo até o vello curro pegado á igrexa.

A rapa foi evolucionando coa fotografía: nos anos oitenta a fotografía en España dá o paso do documentalismo a ser unha nova expresión artística; comeza a competir coa pintura nas salas de exposicións e as fotos da rapa a gran formato comezan a verse nas galerías de arte.
            En Sabucedo, desde finais dos anos 90, atopamos exposicións de fotografía que contribúen a salientar a forza icónica das imaxes da festa, e ao mesmo tempo recuperar as vellas imaxes da rapa espalladas polas casas da aldea.




            Os carteis da rapa son dos primeiros que empregan a fotografía e no ano 2008 o Concello da Estrada convoca o Concurso de Fotografía “Rapa das Bestas”, que vai  ser un atractivo económico e artístico para que a Sabucedo acudan unha chea de fotógrafos afeccionados e profesionais.

            
              Hoxe xa Sabucedo é un encontro de reporteiros de todos os continentes e as imaxes da rapa esparéxense por todas as revistas, xornais e redes sociais, ocupando espazos importantes nas publicacións e sendo premiadas en todos os certames mundiais; é un couto fotográfico de primeira orde. Xorde tamén unha nova maneira de contar a rapa a través de documentais realizados mesmo con cámaras fotográficas, con moi bos traballos; unha nova narración fotográfica, onde se borran as fronteiras entre a imaxe fixa e a imaxe en movemento.

            
           Fotógrafos que pasan tres ou catro días vivindo intensamente a rapa cos aloitadores e cos miles de persoas que se achegan  case todos os anos a Sabucedo, Miguel Riopa, Carlos Puga, Xavier Fernández, Miguel Vidal, Javier Teniente,  Denis Doyle, Marcos Míguez, Claude Le Gall, Cristóbal Hara, Tono Arias, Gustavo Marshall... entre outros, que rexistran e recrean imaxes do monte , da baixa e do curro, que logo divulgan nas máis importantes axencias e nas publicacións máis singulares e creativas.

            No paseo actual polas rúas  da aldea, xa atopamos fotografías en gran formato, realizadas algunhas polos anteriores fotógrafos,  que colgan das fachadas e paredes das casas e muros como representación permanente do latexo da aldea fondamente apegada á rapa.

     O desenvolvemento imparable da democratización fotográfica leva a que hoxe todas as persoas que se achegan á rapa fagan fotos, e o pau de moca conviva co pau “selfie“ nunha festa que ven sendo unha icona senlleira de Galicia, que aínda garda un dos esteos fundamentais da nosa tradición  e da nosa terra: a loita ser humano coa besta e a presenza ancestral no noso monte de cabalos ceibes, que xa desde a representación prehistórica nos petróglifos, até os milleiros de píxeles fotográficos dos nosos días, forman unha fermosa  imaxe centenaria que todos e todas queremos conservar e gozar.