Acabo de recibir, con gran
pracer, o último número , o XXXI, dos Cadernos Ramón Piñeiro, que
edita o Centro Ramón Piñeiro para a
Investigación en Humanidades en colaboración coa Xunta de Galicia.
Non me cansarei de loar o inmenso labor
que esta institución está a realizar para achegar aos estudosos, investigadores
e demais preocupados por estes temas traballos de grande interese no eido da
cultura galega, en especial da literatura.
Este tomo que vén de saír está dedicado
monograficamente á figura do profesor Filgueira
Valverde.
Quíxose con primor e feitura é o
título desta homenaxe que se lle fai ao eximio polígrafo a quen se lle dedicou
este ano o Día das Letras Galegas.
Máis de vinte e cinco artigos asinados por
autores e autoras galegos, que intentan dar a coñecer polo miúdo a
personalidade, a obra e os avatares ideolóxicos de Filgueira. Que escriben
sobre as distintas facetas das traxectorias intelectual e humana dun home controvertido polo seu pasado
franquista, pero que exerceu como galeguista sincero ao longo da súa
existencia.
O profesor Luís Cochón inicia este traballo, tras un poema de Arcadio López-Casanova, cunha
interesantísima Miscelánea introdutoria
na que afirma que Xosé Filgueira Valverde tiña como primeiro labor o feito de
ser profesor, sempre. Que nunca se negou a ir cando o chamaron a moi diversos
foros, ben fose a Universidade, a Academia, o Padre Sarmiento, casas de
cultura, ateneos, asociacións culturais ou asociacións de veciños. E fala da
década dos cincuenta no que no país había unha ditadura, que Filgueira era home
de situación, mentres que a súa
familia era de esquerdas. Malia iso, Cochón amou decote o recordo do Filgueira
profesor como unha figura sabia, memoriosa, cabal, intelixente de primeira orde
que “convertía o arduo en algo de toda
sinxeleza”.
Neste voluminoso libro de máis de catrocentas
cincuenta páxinas, atopamos artigos dun interese incuestionable nos que se
tratan as múltiples actividades que o “vello profesor” abordou ao longo da súa
vida, como a súa visión de Rosalía, a reformulación da identidade galega, a
xeira nacionalista (1920-1936), o seu labor coma investigador e divulgador do
feito trobadoresco, a súa tentativa teatral cunha farsa para rapaces (Agromar), os estudos que levou a cabo da
épica galego-portuguesa, a súa tarefa científica, a poética e a poesía das 6 canciones de mar in modo antico.
Salienta Basilio Losada a importancia de Adral
(Adrais ou Adrales como a don Xosé
lle gustaba dicir),cuxos volumes foron
para Filgueira Valverde, segundo el mesmo aclarou, “un espello de min e un froito do
meu lecer”.
Hai referencias epistolares,
vivencias cabo del, legados seus (os
cantores do instituto), a súa rica presenza no Padre Sarmiento, o feito de ser
procurador en Cortes, a historia da arte galega,o seu papel na creación do
Consello da Cultura Galega, o seu labor no Museo de Pontevedra, o seu
achegamento a Camões e ás Cantigas de Santa María.
Vinte e nove artigos de 32 autores:
musicólogos, xornalistas, científicos, médicos, estudosos, críticos, poetas e
profesores que tentan explicar (e
conseguen) a magnitude da obra intelectual de Xosé Filgueira Valverde
(1906-1996), pontevedrés ilustre, posuidor dunha obra case inabarcable en
tantos e tantos eidos nos que traballou.
Como se afirma nunha nota de edición desta
homenaxe, “quédanos tanto por saber sobre
a biografía persoal do autor, o talante, a pulsión. Quen foi en definitiva, na
intimidade de si propio, o eu máis verdadeiro. Saber quen estaba no fondo
irredutible cada vez que Filgueira dicía ou escribía ou facía na soidade do decidir”.
Sexa como for, estamos diante dun volume
rico e poliédrico que nos abre o mundo de Filgueira Valverde, dende a visión de
quen o quixeron, valoraron, estiveron nalgún momento preto del, interesoulles
por motivos varios e conformaron un traballo certamente modélico.
Para todos, benzón.
ANTONIO
GARCÍA TEIJEIRO