miércoles, 18 de marzo de 2015

MARÍA SOLAR, UNHA REPARTIDORA DE SOÑOS NO SEU LIBRO "O MEU PESADELO FAVORITO".




     “Os beixos son a nosa fonte principal de enerxía, non hai nada máis enerxético no Universo ca un bico”. Entrañable e acertada afirmación dunha personaxe, a repartidora de bicos, que deixou abraiado a Manuel, o protagonista da fermosísima historia que María Solar nos conta no seu libro O meu pesadelo favorito.
      
     Gañador en 2014 do prestixioso Premio Lazarillo, esta novela para rapaces de 10 a 100 anos brilla con luz de seu. Namora. Enfeitiza.
É unha historia curiosa que protagoniza Manuel e os soños que vive cando ten febre. Uns soños, ás veces pesadelos, outras veces sensacións, que o confunden pero que sempre o levan a tomar decisións imprevistas e divertidas.
   Hai moito, moito nesta novela editada por Galaxia na súa colección Árbore.

     En primeiro lugar –e iso é o importante- atopamos literatura da boa. María Solar escribe moi ben. Ten claro o mundo que quere construír e faino cunha claridade que engaiola. Utiliza o onírico para expresar realidades que son duras. Porque, a través dos soños, nos fala do amor, do afecto, da morte, da diferenza (algo que recalca ao longo da historia), da mentira e, mesmo, da clonación grazas aos entrañables personaxes que son o doutor Ensaio e a doutora Probeta. Unha referencia científica que, ademais dos doutores, nos presenta a través de dous seres, animais imposibles, Dinorrinco e Hipodrilo nacidos de cruzamentos divertidos que nos fan pensar na soidade tantas veces presente no noso mundo.
      
María Solar
     Tamén atopamos neste libro o gusto polo belido: os bicos e o seu efecto beneficioso e afectivo nos seres humanos, os olores que nos permiten recordar e vivir momentos inesquecibles, a aparición definitiva de Alicia…

      Entre a fantasía dos soños hai lugar para un pequeño achegamento á ciencia ficción coa aparición de ZZC5, un extraterrestre explorador que chegou á terra para informar de como vivimos os humanos. Un ser verde, de aspecto xelatinoso, non moi alto e cun único ollo dentro dun escafandro. Con el, e outros personaxes, a autora pon o dedo na intolerancia co “diferente”, ademais do exercicio, da alimentación, das cidades, etc.
E faino con elegancia, como quen non quere a cousa.

     Detéñome aquí. Co comentado abonda para animar a entrar neste libro. Hai moitas situacións engaiolantes. Situacións que farán as delicias dos lectores e lectoras. Gozarán descubríndoas.
 
Ilustración a dobre páxina de María Lires.
     O meu pesadelo favorito é un paso máis na consistente carreira literaria de María Solar. Unha carreira na que une a boa literatura e un coñecemento moi claro das persoas ás que van dirixidos os seus textos. Persoas que somos todos, sexa dito.

     Un libro intelixente, enxeñoso, divertido, crítico que atesoura unha dose enorme de literatura, que conta coas ilustracións de María Lires expresivamente divertidas.
      
     Un libro para gozar.
     Un libro para pensar.
     Un libro para perderse por el, nas súas aventuras e que fai que respectemos e queiramos  máis o que nos rodea.


                                                                                                                                     ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO