“Os beixos son a nosa fonte principal de
enerxía, non hai nada máis enerxético no Universo ca un bico”.
Entrañable e acertada afirmación dunha personaxe, a repartidora de bicos, que
deixou abraiado a Manuel, o protagonista da fermosísima historia que María Solar nos conta no seu libro O meu
pesadelo favorito.
Gañador en 2014 do prestixioso Premio Lazarillo, esta novela para
rapaces de 10 a
100 anos brilla con luz de seu. Namora. Enfeitiza.
É unha historia curiosa que
protagoniza Manuel e os soños que vive cando ten febre. Uns soños, ás veces
pesadelos, outras veces sensacións, que o confunden pero que sempre o levan a
tomar decisións imprevistas e divertidas.
Hai moito, moito nesta novela editada por Galaxia na súa colección Árbore.
En primeiro lugar –e iso é
o importante- atopamos literatura da boa. María Solar escribe moi ben. Ten
claro o mundo que quere construír e faino cunha claridade que engaiola. Utiliza
o onírico para expresar realidades que son duras. Porque, a través dos soños,
nos fala do amor, do afecto, da morte, da diferenza (algo que recalca ao longo
da historia), da mentira e, mesmo, da clonación grazas aos entrañables
personaxes que son o doutor Ensaio e a doutora Probeta. Unha referencia
científica que, ademais dos doutores, nos presenta a través de dous seres,
animais imposibles, Dinorrinco e Hipodrilo nacidos de cruzamentos divertidos
que nos fan pensar na soidade tantas veces presente no noso mundo.
Tamén atopamos neste libro o gusto polo
belido: os bicos e o seu efecto beneficioso e afectivo nos seres humanos, os
olores que nos permiten recordar e vivir momentos inesquecibles, a aparición
definitiva de Alicia…
Entre a fantasía dos soños hai lugar para
un pequeño achegamento á ciencia ficción coa aparición de ZZC5, un extraterrestre
explorador que chegou á terra para informar de como vivimos os humanos. Un ser
verde, de aspecto xelatinoso, non moi alto e cun único ollo dentro dun
escafandro. Con el, e outros personaxes, a autora pon o dedo na intolerancia co
“diferente”, ademais do exercicio, da alimentación, das cidades, etc.
E faino con elegancia, como
quen non quere a cousa.
Detéñome aquí. Co comentado
abonda para animar a entrar neste libro. Hai moitas situacións engaiolantes.
Situacións que farán as delicias dos lectores e lectoras. Gozarán
descubríndoas.
O meu pesadelo favorito é
un paso máis na consistente carreira literaria de María Solar. Unha carreira na
que une a boa literatura e un coñecemento moi claro das persoas ás que van
dirixidos os seus textos. Persoas que somos todos, sexa dito.
Un libro intelixente, enxeñoso, divertido,
crítico que atesoura unha dose enorme de literatura, que conta coas
ilustracións de María Lires
expresivamente divertidas.
Un libro para gozar.
Un libro para pensar.
Un libro para perderse por el, nas súas
aventuras e que fai que respectemos e queiramos
máis o que nos rodea.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO