Mostrando entradas con la etiqueta xavier estévez. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta xavier estévez. Mostrar todas las entradas

sábado, 31 de octubre de 2020

A LUZ DAS PALABRAS (73) Xavier Estévez

 



Outra vez, en Versos e aloumiños, a voz necesaria de Xavier Estévez. E de novo nesta sección tas especial que contén textos dunha maneira moi especial. En A luz das palabras, xa o seu nome o di todo: esas verbas de persoas, que teñen tanto que dicir, aluman a lectura dos fieis seguidores/as do noso blog-revista para alegría de todos eles. E a palabra de Xavier Estévez, coma sempre,  reloce con brillantez, porque é un escritor sumamente comprometido coa literatura e co ser humano.

     De novo, Xavier, moitas grazas, por este conto tan inspirador.



Xavier Estévez



Xavier Estévez naceu en Bruxelas no ano 1969, fillo de emigrantes. Na capital de Bélxica pasou os seus primeiros anos ata finalmente regresar coa súa familia a España no ano 1977. Tras estudar EGB en Vigo, faría BUP e COU no Instituto da Guía da mesma cidade. En 1987 comezou os seus estudos de Maxisterio en Pontevedra para rematar en 1990. Os seguintes doce anos pasaraos dando clase en diferentes escolas públicas de Galicia, ata entrar no ano 2003 no Colexio Divino Salvador (Vigo), onde segue traballando na actualidade dando clase de Primaria.

Dende moi novo sentiu unha grande atracción pola lectura e pola escrita. Os seus primeiros contos datan de cando tiña nove anos e o seu primeiro relato foi publicado (Faro de Vigo) á idade de dezaseis. Precisamente ese mundo infantil-xuvenil vivido polo autor, é o que aparece reflectido nos seus libros..

A súa obra é a seguinte:

  • A lenda do Rei Lobo (Editorial Tambre, 2008)
  • A rapaza da fiestra (Editorial Tambre, 2010). Traducida ao castelán como La chica de la ventana (Edelvives, 2018) e ao éuscaro como Leihoko neska (Edelvives, 2020).
  • O corazón da maxia (Xerais, 2015)
  • Todos os soños (Editorial Tambre. 2015)
  • Avións de papel (Xerais, 2017)
  • Kibuko (Oqueleo, Santillana, 2017)
  • Aqueles momentos que perdemos (Oqueleo, Santillana, 2019)
  • Os camiños do vento (Xerais, 2019). Col. Merlín. (Infanto-xuvenil)


                                                                                                    A  PARTIDA

                                    

- Tes que marchar – dixera lacónico o seu pai coa mirada ensombrecida. E el rematara de cear rumiando aquelas palabras con tristeza. Ao rematar, saíu fóra e sentou na herba apoiando as costas nas luídas pedras do pozo. Ao lonxe escoitou o débil tanxido da campá da igrexa. As galiñas cabeceaban no luscofusco amparadas polas sombras que nacían. O sol, xa desaparecido, botaba á terra as últimas franxas de luz sobre o horizonte, onde se recortaban as siluetas dos afastados pinos. Levantouse unha brisa fresca que removeu o po da leira en pequenos remuíños e empezou a refrescar. Carlos decatouse de que pronto caerían grandes gotas de chuvia. A terra ulía a electricidade presaxiando outra daquelas tormentas de agosto. Ao lonxe, uns alustros iluminaron o val coa súa luz azulada. O rapaz escudriñou a inmensidade contemplando aquel mar de nubes grises e negras que axiña a escuridade cubriría.

O seu pai sentou ao seu carón. Aos seus cincuenta anos víase maior, maior e fatigado. Canso, demasiado canso.

- Xa o falei coa túa nai – comezou a dicir para retomar a conversa -. Está decidido.

O home, que nunca fora moi falador, rebuscaba no seu interior palabras que expresaran ben todo o que tiña que dicir. Non era doado. Pasou a man polo seu cabelo branco, e logo, sen saber que facer coas mans, deixounas sobre os xeonllos.

O rapaz sentiu que un enorme peso ameazaba con deixalo sen aire.

- Eu non quero ir…

- Aquí – continuou seu pai como se tivera o discurso ensaiado -, non hai futuro.

Deixou que a súa ollada percorrera a casa, que de tan humilde case semellaba un galpón, e a finca co millo que sementaran, xa máis alto ca el. Entre as plantas, o can xogaba incansable a perseguir pequenos ratos.

- Esta terra – proseguiu – non ten nada que ofrecerche. Aquí malvivirás o resto da túa vida. Cando isto sexa teu, non terás nada. Deixarás de durmir, pregándolle a Deus que nada lle pase ás vacas, que chova cando teña que chover, que os prezos non suban… Aquí só hai fame e nunca haberá outra cousa. Esta terra quitarache o sono pensando que os teus fillos estarán condenados coma ti a repetir a mesma historia. Así foi sempre, unha e outra vez, e témome que iso non vai cambiar. Os pobres non avanzamos, non nos deixan. O que che estou dicindo é que voes, que voes lonxe. América será para ti unha oportunidade. Esa que aquí nunca terás.

- E a quen coñecerei eu alí…? – preguntou Carlos vendo como unhas bágoas esforzábanse en saír e esvarar pola súa faciana.

- Tes quince anos, coñecerás a moita xente. Polo menos alí terás un futuro. Vivirás mellor, terás un traballo. E seguro que nuns anos poderás volver cos petos cheos de cartos e mercar unha casa moito mellor ca nosa, preto da vila, un lugar onde formar unha familia.

Un nó na gorxa cortaba o camiño a todo o que quería replicar. Seica a decisión estaba tomada e el non tiña nada que dicir. Sentíase como unha marioneta movida por fíos invisibles.

- Mercamos unha pasaxe de polisón nun barco que sae de Vigo o día quince. Seguro que alguén che deixa unha maleta, e darémosche as cen pesetas que temos aforradas. Non é moito, mais…

Ao pai tamén se lle quebrou a voz. Agarimou as mans do fillo entre as súas. Dentro da casa, a nai choraba en silencio mentres deitaba a súa irmá pequena.

- Eu non marchei canto tiven a posibilidade e mira… - coas súas mans cheas de engurras sinalou arredor. A miseria devorada polas sombras.

Carlos comprendía pero naquel momento os sentimentos que aniñaban no seu interior obrigábanlle a berrar, a berrar forte contra todo aquilo.

Non o fixo. Abrazou ao seu pai e prometeulle que faría o que lle dixeran. Se tiña que marchar, marcharía. E prometeulle tamén que traballaría arreo para regresar pronto. Outras promesas quedaron aboiando no aire sen necesidade de que ninguén as pronunciara. Non os esquecería, pensaría neles cada día; e non tería medo, agocharía o seu temor no máis fondo da súa alma para ser digno do amor que lle profesaban.

Non soubo Carlos que aquela aperta sería a derradeira que lle daría nunca ao seu pai.



                                                                                                                                     XAVIER  ESTÉVEZ





viernes, 7 de febrero de 2020

A BUTACA DO LECTOR (11) "Os camiños do vento", de Xavier Estévez




Ao lector non lle gusta nada un mundo no que hai persoas que teñen todo e outras, nada. Que unhas teñan moito e outras, moi pouco. Que unhas teñan algo e outras vivan na miseria.

     Ao lector gústalle que brillen a amizade real, a solidariedade e as emocións.
Por estas e outras razóns ao lector gústalle a literatura de Xavier Estévez, sempre clara, solidaria e cun toque humano que emociona tras poñer o dedo na chaga da inxustiza. Os seus libros – moi literarios – descobren as fraquezas dunha sociedade cruel cos débiles ou cos que son distintos.

    
Por isto foi un pracer volver atoparse con Sara e con Lucas na súa nova novela Os camiños do vento. Vellos coñecidos estes dous adolescentes, amigos íntimos, que descubrin no seu fermoso libro Avións de papel.
     Dúas persoas inquedas, con eivas unha delas  - Sara está en cadeira de rodas por  mor dun accidente -dispostas a vivir a aventura da solidariedade permanente.
Dúas persoas que comparten o amor pola lectura e a paixón por escribiren: ela, poesía; el, historias. Dous seres que transmiten enerxía, ademais de afouteza diante das situacións inxustas. Iso, alomenos, é o que sente o lector cando entra no seu mundo.

     Xavier Estévez tece unha historia en Os camiños do vento, na que combina aventura, amor polo ser humano e compromiso social. Con certos tintes poéticos, a novela achéganos á cruel realidade dos desprazados pola man negra das guerras que provocan fuxidas na procura de horizontes máis amables para as vítimas da violencia.

     E o lector convértese en testemuña activa dunha situación que o conmove. Séntese seducido pola figura dunha rapaza, pequena ladroa de peixe nun peirao da vila.
     O lector sofre pola odisea que certos personaxes viven – ou padecen, mellor – para acadaren un lugar no mundo, afastados da guerra. A que protagonizan Aisha e Yaram é unha máis das moitas que se dan, por desgraza, neste tempo.
     E o lector emociónase diante da disposición positiva dos nenos e séntese completamente en concordancia coa figura de Manuel, o vello pescador, todo bondade.
     Pensa o lector que persoas así tamén existen e que está moi ben que se lles dea voz, como fai Xavier, para que prendan nos corazóns da xente que non se conforma coa crueldade da sociedade.
     O lector resume Os camiños do vento con substantivos como solidariedade, amor, amizade, agarimo, tenrura, afouteza…, canso xa de tanta repugnancia como o envolve no día a día.

     Cando remata a narración séntese un pouco mellor que antes, pousa os seus ollos nas poeticamente marabillosas ilustracións de Xosé Cobas e cantaruxa en voz alta unha canción ben fermosa, que tanto lle gustara – e segue a gustarlle – no seu momento, na voz de Jimmy Fontana: Il mondo.

     E, mentres canta, decátase de que o mundo segue xirando sen deterse, mentres hai demasiadas persoas que sofren nesas voltas que di a canción.
Que triste!


miércoles, 14 de junio de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (27) "Avións de papel", de Xavier Estévez







TÍTULO: Avións de papel.

 
AUTOR:   Xavier Estévez.


ILUSTRACIÓNS: Marcos Viso.


EDITORIAL: EDICIÓNS XERAIS. COLECCIÓN: Merlín.





Avións de papel é unha engaiolante e fermosa novela que a editorial Xerais lles achega aos lectores preadolescentes da man de Xavier Estévez e que vén avalada por ser finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil, 2016.

     Trátase dunha novela iniciática e lineal a través da cal os seus protagonistas van dar o salto da nenez á madurez, descubrindo que a vida non sempre é como un desexa e que hai situacións e circunstancias  coas que temos que aprender a convivir por moi dolorosas que nos resulten.
 
Xavier Estévez
     Ao longo das súas páxinas o autor introdúcenos, a partir das voces narradoras dos seus protagonistas, nunha viaxe a través da emoción xurdida da arte plástica urbana, da palabra poética, da xenerosidade que vai ao carón da amizade, á vez que nos convida cara a un mundo máis humano, solidario e xusto.

      A trama comeza cando Lucas, un neno de once anos, espelido e curioso, pero tamén solitario, ás veces non por gusto, decide coñecer a persoa que fai voar avións de papel, sempre á mesma hora e dende a mesma fiestra dun alto edificio. Deste xeito coñece a Sara, unha nena da súa idade que vai en cadeira de rodas e coa que comparte o gusto pola lectura e a escrita. O que comezou coma un encontro casual vai converterse nunha fonda amizade chea de complicidades e descubertas. Entre os dous lograrán saber a identidade do misterioso Hopper, artista urbano que cos seus graffitis e murais contribúe a darlle vida á cidade na que viven. Pero co que non están de acordo as autoridades e certos veciños.

     Novela que abre as portas á imaxinación, á reflexión e ao debate e que nos amosa un percorrido da arte urbana de Vigo e outras localidades galegas na nota do autor, a xeito de epílogo.
 
Fermosa ilustración de Marcos Viso
     As vivas e suxestivas ilustracións de Marcos Viso están en perfecta sintonía co ton textual e engádenlle unha lectura plástica que complementa a historia narrada.


                                                                                                      ALBA  PIÑEIRO