viernes, 7 de febrero de 2020

A BUTACA DO LECTOR (11) "Os camiños do vento", de Xavier Estévez




Ao lector non lle gusta nada un mundo no que hai persoas que teñen todo e outras, nada. Que unhas teñan moito e outras, moi pouco. Que unhas teñan algo e outras vivan na miseria.

     Ao lector gústalle que brillen a amizade real, a solidariedade e as emocións.
Por estas e outras razóns ao lector gústalle a literatura de Xavier Estévez, sempre clara, solidaria e cun toque humano que emociona tras poñer o dedo na chaga da inxustiza. Os seus libros – moi literarios – descobren as fraquezas dunha sociedade cruel cos débiles ou cos que son distintos.

    
Por isto foi un pracer volver atoparse con Sara e con Lucas na súa nova novela Os camiños do vento. Vellos coñecidos estes dous adolescentes, amigos íntimos, que descubrin no seu fermoso libro Avións de papel.
     Dúas persoas inquedas, con eivas unha delas  - Sara está en cadeira de rodas por  mor dun accidente -dispostas a vivir a aventura da solidariedade permanente.
Dúas persoas que comparten o amor pola lectura e a paixón por escribiren: ela, poesía; el, historias. Dous seres que transmiten enerxía, ademais de afouteza diante das situacións inxustas. Iso, alomenos, é o que sente o lector cando entra no seu mundo.

     Xavier Estévez tece unha historia en Os camiños do vento, na que combina aventura, amor polo ser humano e compromiso social. Con certos tintes poéticos, a novela achéganos á cruel realidade dos desprazados pola man negra das guerras que provocan fuxidas na procura de horizontes máis amables para as vítimas da violencia.

     E o lector convértese en testemuña activa dunha situación que o conmove. Séntese seducido pola figura dunha rapaza, pequena ladroa de peixe nun peirao da vila.
     O lector sofre pola odisea que certos personaxes viven – ou padecen, mellor – para acadaren un lugar no mundo, afastados da guerra. A que protagonizan Aisha e Yaram é unha máis das moitas que se dan, por desgraza, neste tempo.
     E o lector emociónase diante da disposición positiva dos nenos e séntese completamente en concordancia coa figura de Manuel, o vello pescador, todo bondade.
     Pensa o lector que persoas así tamén existen e que está moi ben que se lles dea voz, como fai Xavier, para que prendan nos corazóns da xente que non se conforma coa crueldade da sociedade.
     O lector resume Os camiños do vento con substantivos como solidariedade, amor, amizade, agarimo, tenrura, afouteza…, canso xa de tanta repugnancia como o envolve no día a día.

     Cando remata a narración séntese un pouco mellor que antes, pousa os seus ollos nas poeticamente marabillosas ilustracións de Xosé Cobas e cantaruxa en voz alta unha canción ben fermosa, que tanto lle gustara – e segue a gustarlle – no seu momento, na voz de Jimmy Fontana: Il mondo.

     E, mentres canta, decátase de que o mundo segue xirando sen deterse, mentres hai demasiadas persoas que sofren nesas voltas que di a canción.
Que triste!