Mostrando entradas con la etiqueta fóra de xogo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta fóra de xogo. Mostrar todas las entradas

lunes, 4 de febrero de 2019

REMUÍÑO DE LIBROS (56): "Memoria do silencio", de Eva Mejuto








TÍTULO:  Memoria do silencio


AUTORA: Eva Mejuto


EDITORIAL: Edicións Xerais. COLECCIÓN: Fóra de xogo




Cando caeu unas miñas mans o libro 22 segundos, de Eva Mejuto, comprendín axiña que estabamos diante dunha autora valente, directa, de moito percorrido e cunha sensibilidade especial polos comportamentos humanos. Era esta unha obra que buscaba visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas silenciadas e denigradas que sempre loitou para que as leis, ademais da sociedade, deixasen de consideraleas enfermas. Estou a referirme aos transexuais. Impactoume e emocionoume esta narración. Marabillosa narración e un tratamento excepcional.
     
     Dous anos máis tarde, leo a nova novela de Eva Mejuto, Memoria do silencio. E volvo interesarme polo seu discurso literario moi pegado aos sentimentos humanos e, de novo, reivindicativo. É esta, unha novela a tres voces coa que foi finalista do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil que convoca anualmente Edicións Xerais. Unha trama que ten lugar na nosa Galicia, en Ribadavia concretamente, no ano 1943 cos alemáns presentes. Un militar do Reich con moitas sombras quere ascender na Gestapo: Günter é o seu nome. Lola, unha desas mulleres loitadoras, dunha xenerosidade enorme que, na compaña das súas irmás e algún outro compañeiro, axuda as persoas que o precisan baixo o lema da liberdade. E Frieda, unha muller neerlandesa que foxe da súa Holanda natal, tras pasar por un campo de concentración e que aspira chegar a América para emprender unha nova vida como directora de orquestra. Os tres van soportar todo o peso do relato que a autora vai debullando.
     
Eva Mejuto  (Foto: Edicións Xerais)

     As tres voces van intercalándose ao longo da novela con acentos ben distintos. Existe unha trama internacional que axuda os xudeus a chegar a Portugal. Frieda vai no camiño. Lola agocha os fuxidos e facilita a súa fuxida e Günter intenta descubrir a trama para gañar puntos diante dos seus superiores.
     
     Eva Mejuto tece un relato onde o medo, a angustia, as dúbidas e silencios ocupan boa parte da vida destes seres. E faino dun xeito directo, sen fisuras nin ornamentos. Vai desenvolvendo a acción cos personaxes coma protagonistas da mesma (interesante, tamén, a figura de Jörg) e as intrigas sucédense dun xeito controlado pero eficaz. Porque, quero salientalo, esta novela é unha novela de personaxes. Nada falta nin nada sobra. Eles e elas, coas súas reflexións e cos seus actos van asentando un relato que nunca perde forza. Personaxes ben distintos, coas vidas diverxentes pero que fan un todo que non nos deixa respirar tranquilos.
     
     Cando Frieda vive, por exemplo, a necesidade de destruír en Ámsterdam un arquivo con documentos comprometidos, ilusiónase en participar no atentado pero o núcleo dos homes impide as mulleres participar no mesmo. Isto énchea de carraxe e afirma: -Eu tamén loito por un mundo no que as mulleres non teñamos que pedir permiso nin perdón por todo o que facemos, aínda que sexa bombardear un edificio público…”
     Un alegato a prol da igualdade das mulleres que a autora reivindica no medio de tanto comportamento machista e faino a través dunha muller con moita sensibilidade. Non menos reivindicativas son as palabras de Lola (personaxe dunha forza monumental), nun dos capítulos, cando di que “resulta ben triste pero non é habitual nestes tempos nin nestes lares ver mullerers escribindo.De feito, aquí ben poucas somos as que sabemos ler. O normal é mandar á escola só aos homes…As mulleres, cociñar, coser e parir”. Unha triste realidade que Eva Mejuto sinala. Unha realidade que vai cosida aos actos de afouteza que desenvolven as mulleres nesta novela.
     

     Dicir que as tres irmás, Lola, Xulia e Amparo Touza existiron na realidade, viviron na rúa Xuíz Viñas de Ribadavia e rexentaron o quiosco da estación do tren; un lugar, por certo, ben presente na narración.Explica a autora que grazas a ela e aos seus colaboradores se poden calcular que unhas 500 persoas, case todas xudeas, se salvaron da barbarie nazi e dunha morte segura. A novela recrea mesturando realidade e ficción o que talvez sucedeu naqueles momentos porque non queda nada rexistrado daquel tempo e as tres mulleres gardaron o segredo da súa fazaña e non quixeron que se soubese nada ata morreren.
     
     Unha novela, xa que logo, de silencios profundos, dura e tenra, á vez, que nos engaiolará, sen ningunha dúbida, e nos achegará algo máis a certos sucesos pouco coñecidos que ocorreron –co volframio de fondo- na nosa terra en plena 2ª Guerra Mundial.

                                                                                                ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

jueves, 26 de marzo de 2015

"AS PALABRAS PODEN MATAR", de MARCOS CALVEIRO: UNHA NOVELA XUVENIL QUE PON O DEDO NA CHAGA DA INXUSTIZA SOCIAL.



         
Marcos Calveiro
Un sempre agarda con expectación os novos libros daqueles autores e autoras que teñen algo que dicir cos seus escritos. Daqueles autores e autoras que conseguen ter unha voz propia e un compromiso claro coa literatura.
    
     Marcos Calveiro é un deles. Marcos Calveiro é un escritor cun discurso narrativo claro, comprometido. Un discurso de alguén que cre no que escribe (algo que se agradece) e faino a través dunha linguaxe coidada e viva.
    
     Así que agardaba expectante a nova novela xuvenil do escritor de Vilagarcía. As palabras poden matar é o seu título e está editada por Edicións Xerais de Galicia na súa colección Fóra de Xogo.  Non me defraudou.
    
     As palabras poden matar é unha novela valente. Pon o dedo na chaga nesa parte da sociedade na que morren moitas persoas cada ano vítimas da violencia. Homes, mulleres e nenos que semellan mudos, cegos, xordos, porque viven entre a miseria, o medo e baixo un estado de terror constante controlado por un cacique cruel e asasino que ten ao seu mando uns sicarios obedientes ata o límite.

     Pero, tras a lectura desta historia, creo que é a colonia de Seavia, situada nun dos outeiros da cidade de Santa Clara, a verdadeira protagonista da novela. Seavia, dominada por Chibo e os seus sicarios, convértese nun espazo no que os seus habitantes forman parte dun todo que non ten fisuras. Cada un dos personaxes do barrio está atado a el e séntese mimetizado coa dura realidade sen marxe de manobra. Perderon hai tempo os soños de fuxir de alí e malviven aceptando a dura realidade.
    
     Ao longo do relato aparecen algúns intentos de rebeldía mais  fican sufocados polo medo e o terror que sofren. Todos son conscientes de formar parte  dun tecido case uniforme debido a ese control asasino que exercen sobre el.

     A min doeume Seavia cando lin este libro. Sentín os personaxes impotentes con case ningunha posibilidade de superar esa situación angustiosa. Decateime de que Seavia contiña eses personaxes e que a estes lles resultaba imposible rachar as cadeas que os afogaban. Sentín moita tristeza, moita impotencia. A inxustiza, que está presente en todo o relato, chegou a oprimirme. E dentro desta atmosfera móvense rapaces e rapazas como Efrén, que garda algún soño e é algo rebelde, o seu irmán Marcelo, Alexandre, o seu amigo, que cae nas gadoupas do Chibo, Abimael, o mestre que lles conta historias aos que acoden ás aulas. E tamén Daiara, unha moza que traballa de costureira; Maisa, unha loitadora, nai de Efrén e Marcelo, que ten o seu home no cárcere, dona Rosa, á que o cacique eliminou os seus fillos.
    
      Hai neste relato un personaxe curioso, Silencio, un guedellán mudo, que fala con xestos, con expresións da súa faciana. Un personaxe que semella doutro mundo en Seavia, cuxa presenza no barrio servirá para remover espíritos e mudará, dalgún xeito, a dinámica dos habitantes da colonia.
    
     As palabras poden matar é a novela do fracaso da política, do abandono dos seres humanos, dos nenos e nenas sen esperanzas. A novela da humillación, da miseria física e moral incrustadas no máis fondo das persoas. A novela que pon no mapa os “meninhos da rúa”, as favelas, o sometemento. A que nos fala desa parte da sociedade escura, invisible, que amola e sofre. Da violencia agochada e, a miúdo, presente en múltiples lugares do mundo nos que prevalece a desigualdade permanente e sen trazas de solución. Lugares que son noticias nos xornais, nas imaxes de televisión ou motivo das películas de denuncia.
     
Meniños da rúa (Fonte: Uol)

      Marcos Calveiro relátanos todo isto – e máis – en case cento trinta páxinas e dezasete capítulos. Uns capítulos que seguen un desenvolvemento lineal e outros, moi ben intercalados, a xeito de monólogo. Neles o autor dá voz a certas persoas que conforman o tecido social de Seavia. O Chibo, Maisa, Efrén, Marcelo, Dona Rosa, Daiara, Alexandre e Abimael pensan en voz alta e cóntannos as súas preocupacións, os seus soños apagados e, mesmo, as súas xustificacións.Eles falan e son os elos precisos dunha cadea que empurra a historia. Unha maneira de afondar nas entrañas duns seres castigados pola vileza dos que ameazan ou, como no caso do Chibo – a quen ninguén coñece, pero todos temen e odian-, escoitar da súa boca  as viles razóns para constituírse no “pastor do rabaño”. Un recurso ben elixido que permite coñecer as reflexións dos personaxes e que encaixa perfectamente co desenvolvemento da obra.

     Certo desacougo produciume a lectura d´As palabras poden matar.
     Cando rematei, fiquei pensativo. Deilles voltas aos feitos relatados. Unha dobre sensación apoderouse de min: a ledicia por ler boa literatura e a tristeza de saber que o lido está a suceder na actualidade sen que se lle poña remedio.

     Ai, a palabra literaria!
     Tamén poderá matar?

                                                                                 ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO