O corazón dos paxaros
Xerardo Quintiá
Ilustrado
por Nuria Díaz
Edicións Xerais de Galicia. 2023
A
dedicatoria do libro xa indica o camiño por onde transita O corazón dos
paxaros, unha fermosa, sinxela e directa historia, escrita por Xerardo
Quintiá e ilustrada belidamente por Nuria Díaz: “A todas as
persoas que aman a natureza e a queren viva e ceibe”.
Crisantemo, un velliño que ama os paxaros e vive nunha casa coas paredes tortas e á que non lle puña portas, séntese feliz cando os oe trilar. Debúxaos nun caderno que sempre leva canda el. Vive en Vilachosca, onde hai unha camarilla de cazadores que disparan aos paxaros e o noso protagonista failles fronte, porque non pode aguantar que disparen e que cada vez nas inmensas fragas do lugar vivan menos paxaros.
Diso
vai esta preciosa historia: unha alegación contra a caza. Un intelixente
planteamento do autor para concienciar destes actos.
O
corazón dos paxaros
móvese entre o humor e o compromiso coa natureza. Neste álbum ateigado de
humanidade atopamos un discurso literario excelente no formal, un motivo para
falar da importancia dos animais e como nos relacionamos con eles, ademais de
gozar do traballo espléndido de Nuria Díaz, cunhas imaxes moi coloristas, cheas
de vida e dunha enorme expresividade.
Unha
historia para ler tamén en voz alta, moi poética, cun ritmo axeitado ao
desenvolvemento do relato.
Fixéronme
graza os xogos de palabras dalgúns nomes (Os Dis-para- dores ou Dionisio
Tira Parriba, por exemplo) e estou seguro de que fará as delicias de
pequenos e maiores.
Un
acerto, sen dúbida, de Xerardo Quintiá e de Nuria Díaz, para remover
conciencias, provocar a reflexión e facer boa literatura acompañada por unhas
ilustracións cheas de vida. Non é doado e é algo que se agradece.
Antonio García Teijeiro