Páginas

martes, 14 de mayo de 2024

REMUÍÑO DE LIBROS (81) "O corazón dos paxaros", de Xerardo Quintiá


 


O corazón dos paxaros

 

Xerardo Quintiá

 

Ilustrado por Nuria Díaz

 

Edicións Xerais de Galicia. 2023

 

 

A dedicatoria do libro xa indica o camiño por onde transita O corazón dos paxaros, unha fermosa, sinxela e directa historia, escrita por Xerardo Quintiá e ilustrada belidamente por Nuria Díaz: A todas as persoas que aman a natureza e a queren viva e ceibe”.

 

Crisantemo, un velliño que ama os paxaros e vive nunha casa coas paredes tortas e á que non lle puña portas, séntese feliz cando os oe trilar. Debúxaos nun caderno que sempre leva canda el. Vive en Vilachosca, onde hai unha camarilla de cazadores que disparan aos paxaros e o noso protagonista failles fronte, porque non pode aguantar que disparen e que cada vez nas inmensas fragas do lugar vivan menos paxaros.

Diso vai esta preciosa historia: unha alegación contra a caza. Un intelixente planteamento do autor para concienciar destes actos.

O corazón dos paxaros móvese entre o humor e o compromiso coa natureza. Neste álbum ateigado de humanidade atopamos un discurso literario excelente no formal, un motivo para falar da importancia dos animais e como nos relacionamos con eles, ademais de gozar do traballo espléndido de Nuria Díaz, cunhas imaxes moi coloristas, cheas de vida e dunha enorme expresividade.

 

Xerardo Quintiá. Foto Xerais

Unha historia para ler tamén en voz alta, moi poética, cun ritmo axeitado ao desenvolvemento do relato.

Fixéronme graza os xogos de palabras dalgúns nomes (Os Dis-para- dores ou Dionisio Tira Parriba, por exemplo) e estou seguro de que fará as delicias de pequenos e maiores.

Un acerto, sen dúbida, de Xerardo Quintiá e de Nuria Díaz, para remover conciencias, provocar a reflexión e facer boa literatura acompañada por unhas ilustracións cheas de vida. Non é doado e é algo que se agradece.

 

 

                                                                                                       Antonio García Teijeiro