Galicia
infinda é
unha colleita de poemas a través de vinte anos de traballo de Florencio
Delgado Gurriarán, onde as tres primeiras partes (”Cantarenas”,
“Valdeorras” e “Castiñeiros”) recordan o estilo animista de Bebedeira (Nós,
1934), a súa primeira obra.
Nas
dúas últimas partes inclúe algunhas mostras de de poesía civil de temática
galega (“Varia”) e, sobre todo, nos “Poemas mexicanos”, con poemas dun ton
diferente e trazos da cultura mexicana e da música do país, que o autor
denominou como exemplos de “creoulismo multiétnico”.
Eu
permitinme recoller cinco
poemas
que, sen ningunha dúbida, poden lerse en voz alta e traballar con eles nas
aulas e así gozar da palabra deste avogado a quen se lle dedica este ano o “Día
das Letras Galegas”.
RESPOSTA A ROSALÍA
No
cabo do século dos
seus
Cantares Gallegos
Eu cantar, cantar,
cantei,
a grasia non era moita…
Ti cantar, cantar,
cantaches,
ti cantaches, Rosalía;
ti cantar, cantar,
cantaches,
da grasia de Deus
unxida,
concertos de reiseñores,
malvises e cotovías,
de rulas que loitos
choran,
de galos na amañecida,
de airiños que tollen
mágoas,
de mozas pernas que
brincan
e de xogorais punteiros
de gaitas nas romarías.
Do río, na florida beira
do mar ao pé das ondiñas,
cantaches, nova alborada,
o abrente dun claro día.
E, teu cantar, foi roibén,
foi diana de ledicia,
pois cantaches o
resurrexit
de lene fala esquecida.
Ti, cantar, cantar, cantaches,
cantaches, que ben
sabías;
cantaches de grasia
chea:
voz gloriosa de Galicia!
A CALDEIRA
Do río de Farelos
aí vén a caldeira
para matar a sede
de todas as terras.
Espelliño ledo,
cristal manseliño,
vén cantaruxando
beira dos camiños.
O seu ben reparte,
cal samaritana,
e acaba pobriña,
e morre escoada.
Bebe o boi marelo,
bebe a mansa besta,
beben as herbiñas…
todos beben dela!
Pasou a caldeira,
camiño das hortas,
a falar soíña,
a cantar saudosa.
ANDAN OS PAXAROS
Andan os paxaros,
co medo, a chiar…
(Do Xapón, mandaron
castiros enáns
para que os nenos poidan
os niños pillar
sen rubir á gallas,
sen agatuñar,
sen rachar as calzas…
dende o mesmo chan!)
Andan os paxaros,
co medo, a chiar.
·castiros=castiñeiros
XACARANDÁ
A esta terra da infinda
primavera
a nova primavera vai
chegar
e a xacarandá teima en
estoupar
foguete malva, na mañá
marceira.
Das súas pólas penduran,
churrusqueira,
axóuxeres azuis, a vibrar
nun ourente tanguido que
enche o ar
e espalla o seu engado
feiticeira.
Orballada de flores no
solo deita,
a choiva malva-azul o
parque enfeita…
E, verde muiñeira polo
vran,
peneira o ardente sol,
coas súas folliñas
da brisa arrandeadas, e
as herbiñas
recadan, a bulir, a luz
do chan.
TABACHÍN
Florece o tabachín…
súa vermella fogueira
alumea o xardín
-ledo roibén do abrente-
Quéimase a primavera
no tabachín ardente!