viernes, 7 de junio de 2019

PODCAST DISCOS MEMORABLES: PACO IBÁÑEZ NO OLYMPIA

Este ano cúmprese o quincuaxésimo aniversario do lexendario recital de Paco Ibáñez no mítico teatro Olympia de París (polo que pasaron tantas grandes estrelas de tantos estilos musicais diferentes) que tivo lugar no ano 1969. Por fortuna, ese concerto ficou rexistrado para a posteridade e pode atoparse nun dobre disco que nalgún intre volverá ser reeditado pero que polo de agora non é sempre doado de localizar. O álbum é unha clase maxistral de poesía en lingua castelá, de tódas as épocas e de varias procedencias xeográficas, pasada sempre polo tamiz musical e pola sensibilidade rítmica e poética de Paco. É, ademais, un acto con contido político, nunha época marcada en España polos derradeiros anos da ditadura franquista, coa poesía cantada coma esa "arma cargada de futuro" da que falaba Gabriel Celaya e que tan ben soa na voz do trobador valenciano.


Para Antonio, o seu amigo Paco foi dende sempre o seu mellor profesor de literatura, un home cunha voz persoal e atemporal que non pode desprenderse xa de composicións poéticas coma o "A galopar" de Rafael Alberti, as "Palabras para Julia" de José Agustín Goytisolo ou as "Coplas a la muerte de su padre" de Jorge Manrique. Por iso, a Antonio pareceulle preciso homenaxear a Paco nun recente episodio do podcast Discos Memorables, no que se repasa polo miúdo a historia do concerto no Olympia e cada unha das cancións que nel interpretou Paco, con comentarios sobre o contido dos poemas musicados e mesmo anacos dos mesmos cantados a cappella polo propio Antonio. O episodio completo aparece ao remate desta entrada na súa totalidade para quen estea interesado en escoitalo.




                                                  ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ