TÍTULO: Os días lebre.
AUTORA: Clara López.
ILUSTRACIÓNS: Marcos Viso.
EDITORIAL: Kalandraka.
Os días lebre é o primeiro poemario que a súa autora, a artista e
docente na Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, Clara López, dedica ao público
infantil. Supón a través da ollada da súa protagonista, a verbalización poética
do cotián por medio da sucesión de momentos vividos e sentidos acompañados da
carga emocional que espertan as palabras.
Os días lebre está estruturado en quince poemas (todos cun título
significativo e suxestivo) de diferente extensión e tamén de dobre lectura.
Cuns versos que convidan a ser ditos en voz alta, desfrutando da súa
sonoridade, do seu ritmo, e mesmo, da súa disposición tipográfica, para amosar un mundo simbólico e onírico que chega ao
lector para compartir con el a acumulación de emocións que a experiencia deixa na
imaxinación. E así, atopamos a crítica á vertixe do noso tempo, todo ás présas,
que proporcionan os días lebre fronte ao repouso e a ledicia dos días tartaruga, onde un é dono do seu tempo,
do seu mundo exterior e, sobre todo, interior para viaxar e gozar do intre.
Pero tamén hai tenrura, desexos, reflexións, reivindicacións que atopan o seu
sentido e encaixan no mundo dos soños, cando no real non se cumpren.
Marcos Viso é o encargado de darlles vida aos poemas cunha proposta
plástica engaiolante, que abre a porta a ese mundo propio do universo onírico
plasmado tanto nos trazos deseñados coma nas cores empregadas.
Ilustración de Marcos Viso |
Un exemplo de todo o dito:
PARA SENTAR UN SENTIMENTO
[….]
Pintado ou escrito, / un sentimento é inofensivo, / coma
un pemento. /Pero se te equivocas, / e non o sentas, / e o sentes, / vólvese
moi perigoso, / máis cá selva ou ca unha bomba, / pois estoura ou roxe, /
directamente ao corazón.
ALBA PIÑEIRO