TÍTULO: O
lapis máxico de Malala
AUTORA: Malala
Yousafzai
EDICIÓNS XERAIS. 2017.
Nestes “tiempos de
ignominia” que diría José Agustín Goytisolo,
cando faltan referencias que poden axudar a acadar un sentido ás nosas vidas,
cando a xente nova precisa espellos nos que mirarse, un ten que celebrar a
aparición de aálbums como O lapis máxico de Malala (Edicións
Xerais, 2017).
A figura de Malala
Yousafzai faise
necesaria. Cando tiña once anos levaba
un blog en urdu, para a BBC, sobre a vida baixo o poder dos talibáns. Utilizaba
o pseudónimo de Gul Makai, para
escribir sobre a loita da súa familia pola educación das nenas na súa
comunidade.
Foi en outubro de 2012 cando Malala se
converteu en obxectivo talibán e un día, ao volver do colexio en autobús,
disparáronlle na cabeza. Sobreviviu de milagre e continúa a súa campaña pola
educación. Recibiu diversos premios pola súa afouteza e á súa defensa activa e
no ano 2014 concedéronlle o Premio Nobel da Paz, que compartiu co activista
indio Kailash Satyarthi, sendo a
persoa máis nova en recibir este galardón. En 2017 Malala foi nomeada
Mensaxeira da Paz da ONU, con especial énfase na educación das nenas.
O lapis máxico de Malala é a súa
propia historia. Un relato a partir dunha serie de televisión, na que o
protagonista era un rapaz chamado Sanju que podía converter en realidade calquera
cousa debuxándoa cun lapis máxico que atopara e que lle permitía saír dos
apuros que nos que se metían el e mais os seus amigos.
Durante un tempo Malala soñaba con ese
lapis máxico. Pouco tardou en comprender que, cando unha persoa atopa a súa
voz, calquera lapis pode ser máxico.
O seu pai, que era director de escola,
estaba a prol da educación das nenas, pero a elas se lles prohibía asisitir á
escola. Decatouse axiña de que tiña voz e decidiu empregala. Estaba convencida
do dereito que a rapazada debía ter acceso á educación. E así se converteu en
voceira desta idea, dando charlas polo mundo sobre aimportancia da educación
universal.
Máis de cento trinta millóns de nenas non
poden ir á escola. Moitas delas, refuxiadas. Por iso, en 2015 e 2016, a
fundación que creo, a Fundación Malala, abriu escolas no Líbano e Xordania para
as refuxiadas sirias.
Este álbum é unha preciosidade. Permite
entrar na vida desta moza paquistaní dun xeito sinxelo e enternecedor.
María
Alonso Seisdedos encárgase dunha magnífica tradución ao galego, as
ilustracións, tenras e expresivas, delicadas, son obra de Kerascoët, pseudónimo dun famoso equipo de ilustradores formado
por Marie Pommepuy e Sébastien Cosset. Viven e traballan en
París no eido da animación e da ilustración.
En definitiva, un álbum moi coidado, moi
elegante, para ler e gozar coa vista. Para penetrar no seu contido e para
reflexionar. Un álbum sen idades, no que a beleza estética e a beleza moral van
da man. Un álbum que remata dun xeito emocionante:
Un
neno, un mestre,
un libro e un
lapis
poden mudar o mundo.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO