Foto: Anxo Cabada
Un novo “papel recobrado”. Unha figura imprescindible para entender o que significou a renovación pedagóxica: Gianni Rodari.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
Un novo “papel recobrado”. Unha figura imprescindible para entender o que significou a renovación pedagóxica: Gianni Rodari.
Gianni Rodari |
Non quero ser paxaro de mal agoiro, pero
teño para min que este escritor e pedagogo italiano – universal, diría eu- está
caendo no esquecemento. E non se pode consentir.
Sobre todo nestes tempos de ensino inmobilista.
Neste tempo de estúpidas reválidas e de informes que confunden o persoal. Neste
tempo de noxentas burocracias, de comodidades diversas e de falta de rumbo e de
criterio na docencia.
Resístome a que Rodari e mailas súas
técnicas tan abertas e motivadoras sexan algo remoto. Non pode ser. Non
perderon vixencia endexamais para ese maxisterio que segue a motivar o seu alumnado máis aló da
monotonía e da rixidez do libro de texto
De aí que recobre outra columna publicada en
A Nosa Terra sobre o mestre
italiano. Sigamos as súas liñas de acción alegres, intelixentes e divertidas.
GIANNI RODARI
Hai xa ben anos, coñecer o seu nome
significou unha auténtica revolución para aqueles que desexabamos que a imaxinación,
á hora de crear historias, estivese presente nas aulas.
Gianni Rodari, de vocación escritor, sempre quixo que os nenos
descubrisen por si mesmos quen son. E non só por medio da lectura, senón tamén
a través do uso da palabra, Rodari teimaba con que os nenos escribisen. Por
iso, a Gramática da fantasía foi unha
descuberta, un libro innovador, no que expoñía as ferramentas necesarias para
motivar o alumnado na marabillosa tarefa de crear.
Técnicas, tan simples coma orixinais, que nos permitiron revisar a nosa
concepción literaria e que motivaron a escritores,pais e docentes a inventar
historias fantásticas e diferentes.
A obra literaria de Rodari, ampla e, ás veces, algo descoñecida, é unha
referencia esencial polos seus finais abertos, pola fina ironía que destilan os
seus relatos, pola xenerosidade dos planteamentos, pola cordialidade que desprende
e pola súa xenial visión crítica do mundo desde o humor, a fantasía e a imaxinación.
Rodari revisouno todo.
El fala dos ensinantes como animadores e promotores de creatividade. E
fala, ademais, dunha escola capaz de favorecer nos cativos aquelas cualidades e
tendencias que foron sinaladas ao longo do tempo como características do modelo
creativo. A creatividade por riba de calquera outra cousa.
O seu é un legado
con plena vixencia que debemos coñecer e ter presente. Na casa ou na escola,
sós ou acompañados, os nenos deberán tomar a palabra.
Para iso
están os libros de Rodari.