TÍTULO: 22 segundos.
EDITORIAL: Edicións Xerais. Colección: Fóra
de xogo.
Edicións Xerais
achégalles aos lectores adolescentes esta novela, pioneira no tratamento da
temática da transexualidade dentro da nosa LIX.
A súa autora, a xornalista e escritora, Eva Mejuto, pon de manifesto, a través dela, a importancia de
sentirse a gusto coa propia identidade sexual, independentemente do sexo co que
se naza, e de asumila coma parte do ser
que un é, coma camiño cara á realización persoal e á felicidade.
O diferente nunca coma sinónimo de marxinación e , xa que logo,
sufrimento e a literatura coma canle de denuncia e reivindicación social,
ademais de coñecemento da realidade na que vive este colectivo estigmatizado
demasiadas veces coma enfermos.
22 segundos conta en primeira persoa e ao longo de
vinte e dous capítulos curtos e escritos cunha prosa fluída e directa, non
exenta de tenrura e humor, a historia de Álex, un mozo transexual que decide
tomar as rendas da súa vida e trousar diante dunha cámara todo o que leva
dentro agardando dende hai moito tempo.
Deste xeito descubrimos como xa de
pequeno amosaba gustos e intereses ben diferentes, tanto na estética coma nas
afeccións e xogos, do resto das nenas da súa idade, por moito que a súa nai, as
monxas do colexio e a xente que o rodeaba se empeñasen en non decatarse do
obvio e de ignorar a realidade. Cada confidencia por parte de Álex vai
espertando dun xeito natural a empatía e o respecto do lector cara a el. E así
é quen de comprender a súa impotencia, frustración, rabia e rancor diante duns
sentimentos e sensacións, que dende cativo recoñece coma propios pero aos que
non lles sabe poñer nome porque o descoñece.
Será grazas ao agarimo e ao apoio da
súa familia, avó (personaxe entrañable) e nai, xunto coa súa amiga Ana e a axuda
dunha psicóloga especializada e comprometida, como logrará reunir todas as
forzas necesarias para dar o paso cara á felicidade e asumir o seu tránsito de
Ánxela a Álex.
Novela recomendable para todo aquel
lector que busca vivir nunha sociedade máis xusta, plural e equitativa sen
prexuízos retrógrados que o único que fan é provocar dor e illamento.
ALBA PIÑEIRO