martes, 12 de abril de 2016

MANUEL MARÍA: O HOME QUE ASPIRABA A COÑECER A TODOS OS GALEGOS, UN A UN, SEGUNDO MANUEL VEIGA ( E LASTRA MURUAIS)





Dende hai unas datas comezamos a entrar con forza no “Ano Manuel María”.
     
A ninguén se lle pode pasar que o “Día das Letras Galegas” se lle adica este ano ao poeta, narrador, autor teatral e académico da Real Academia Galega nado en Outeiro de Rei en 1929 e falecido na Coruña no ano 2004.
     
Manuel María

     Manuel María foi un mestre, sen dúbida, para todos aqueles que amamos a poesía e escribimos poemas para a rapazada. O xa milleiros de veces mencionado “Os soños na gaiola” foi un libro que abriu canles e marcou un camino que algún e algunhas decidimos seguir para darlles aos nenos e nenas poemas para que desfruten coa lírica. Pero Manuel María foi máis, moito máis.

    
Manuel Veiga
     Alguén que o coñeceu moi ben foi o escritor, xornalista e doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, Manuel Veiga. Nas moitas conversas con el, chegou a comentarme  a relación amigable co poeta, a quen lle debe a lectura de certos libros nunha época complicada. Lecturas e momentos impagables que o axudaron a ver luz nuns intres de formación persoal e literaria.
     E é Manuel Veiga quen nos agasalla dous volumes, dous magníficos achegamentos á obra e á vida de Manuel María, o segundo deles compartindo libro cunha ampla escolma de poemas realizada por Xosé Lastra. Dous volumes necesarios, cun enfoque intelixente de quen coñece o autor no plano persoal, pero que foxe da haxiografía.

     No primeiro deles, “Manuel María, buscando un país” (Ed. Xerais. Col. Libro X), o autor penetra no máis fondo da alma do poeta chairego e relaciona cada parte da súa vida cos poemas escritos neses momentos. Fai fincapé Veiga na intensa relación que existe entre as súas mellores páxinas e aquilo que o poeta sente máis preto del: o afecto pola súa terra máis próxima, pola súa casa e polo súa muller, Saleta Goi.
     

     
     Deste xeito, cunha prosa limpa e clara, moi pedagóxica no mellor sentido do termo, e cunha emoción comprensible, Manuel Veiga achéganos as calmas e as teimas, a forte unión cunha terra que o apaixona, as súas arelas para cubrir os baleiros sociais e culturais que o rodean (de aí esa faceta súa de cronista), a ilusión, o entusiasmo que o guía a partir do ano 1969, as desilusións posteriores ou a ocultación dunha idea bohemia da existencia,entre outros moitos temas.
     
     Manuel Veiga escribe magníficas reflexións sobre algún dos seus libros, pon exemplos do que afirma e déixanos, de maneira case coloquial, un retrato dun home para quen o acto de escribir foi unha necesidade vital para entenderse mellor a si mesmo.
 
Ilustración de Víctor Tizón
     
     O segundo libro, “Manuel María. Vida, versos e rebeldía” (Ed, Xerias. Col. Merlín), é unha obra perfecta para a divulgación poética do autor de Outeiro de Rei. Un manual imprescindible para a escola. A súa estrutura non pode ser mellor pensada. Ten unha primeira parte a cargo de Manuel Veiga. Un relato engaiolante da súa vida cotiá que transcorre polas diversas actividades do poeta: procurador, libreiro, editor, xornalista, autor teatral etc. Un relato que convida a gozar das súas páxinas, porque nelas está un Manuel María próximo. Cunha linguaxe comprensible, repasa os avatares do escritor, “o home que aspiraba a coñecer a todos os galegos”, en diversos capítulos: o personaxe, a vida cotiá, Saleta, o franquismo, a democracia e a súa obra poética dividida en dous apartados: 1950-1980 e 1980-2000.
     

     
     Para mostrar o ton que emprega o autor do texto, deteñámonos no comezo do libro. Un comezo pouco habitual nas biografías, pero que está abrindo portas con naturalidade: “Manuel María era guapo, tiña barba e un pelo abundante. Miraba aos ollos, cunha ollada intelixente que case nunca trataba de impoñlerse. Noutro país podería ter sido actor de cine…” Un principio así xa invita a seguir lendo e a introducirse na vida e na obra de alguén. Un acerto de enfoque. Unha razón para coñecer un poeta.
    
     O libro complétase cunha cronoloxía básica e cunha antoloxía de poemas, “Ferrados do corazón”, escollida por Xosé Lastra. Unha recompilación ampla e diversa, dos poemarios “Terra Chá”(1954), “Documentos persoaes” (1958), “Mar maior” (1963), “Os soños na gaiola” (1972), “Cantos rodados para alleados e colonizados” (1976), “Poemas ao outono” (1977) e “As rúas do vento ceibe” (1979).
    
     
Ilustración de Nuria Díaz e dous poemas da escolma.

     Dicir, ademais, que o primeiro libro, cun trazo austero, está ilustrado por Víctor Tizón, acorde co contido do texto. O segundo, moito máis lúdico e a cor, ten o selo dunha ilustradora que irrompe con moita forza, Nuria Díaz, que fai un discurso plástico moi vivo, sinxelo pero dun enorme expresividade.

     Estamos, pois, diante de dúas obras básicas, para gozar da vida e da obra dun home, Manuel María, que foi o primeiro mozo que publicou unha obra en galego despois da Guerra Civil.
     Profundamente recomendables.


        
Manuel María
                                                                                                            

                                                                                                                        ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO