jueves, 7 de abril de 2016

A NOVELA "GLENN" LÉVAME DE NOVO Á FIGURA DE GLENN GOULD


Alejandro Castroguer publica na editorial Almuzara o seu libro Glenn. Vino na libraría e seduciume axiña. Todo o que teña que ver co meu admirado Glenn Gould interésame, e moito.
     
     O autor evoca a figura do pianista máis controvertido e xenial do pasado século nunha obra magnífica, gañadora do Premio Jaén de Novela 2015.
     
     Nela, dende unha óptica aguda e orixinal (en segunda e terceira persoas) o autor revela os comportamentos do xenio canadense, os seus caprichos, as súas filias e as súas fobias, a súa relación cos seus pais, as contradicións, os sentimentos íntimos, etc. E faino dende o agarimo, sen deixar de ficcionar unha traxectoria espléndida de difícil comprensión ás veces. 

     
Alejandro Castroguer
     Nótase que Alejandro Castroguer ama a Gould, pois a recreación da vida deste artista está escrita dende a inmersión nos seus sentimentos íntimos e desconcertantes. O relato, construído en trinta capítulos, dúas arias e unha coda, é cálido e achega eses sentimentos de Gould ao lector dun xeito eficaz que se agradece.

     Non podo deixar de lembrar aquí, o magnífico libro de Thomas Bernhard, El malogrado, unha novela sobre Gould que me cativou hai xa ben tempo. Ambas obras son distintas pero moi recomendables.

     


     E a aparición de “Glenn”, a súa lectura, levoume a revisar a figura de Glenn Gould. Volvín abrir os seus libros e os que del falan. Volvín ler algunhas cartas, algunhas conversas, algunhas páxinas da súa biografía tan sedutora.
     
     
     E volvín emocionarme cos recunchos do seu universo artístico e persoal. Os seus diálogos cos grandes músicos da época (Bernstein ou Stokowski, por exemplo), con amigos, admiradores ou intérpretes. Malia o seu carácter difícil, o pianista sorprende polo afecto que desprenden moitas das súas misivas. 
    
Arnold Schönberg
     Nelas queda patente que é marabilloso para el traballar con Yehudi Menuhin e así llo manifesta por escrito dándolle voltas ao feito de tocar a Fantasía de Schönberg con el ou unha sonata de Strauss ou de Prokofiev. E faino cun talante encantador.A satisfacción que lle produce que a Marshall McLuhan lle gustase un programa que Gould dirixía, no que entrevistou ao profesor da Universidade de Toronto e o afecto que amosa a admiradores que lle escriben con moito agarimo.
     
     


     Resulta moi pracenteiro ler certas afirmacións súas arredor da música. Apaixónalle a obra de Orlando Gibbons, porque valora a capacidade deste compositor para simbolizar o remate dunha época. Del afirma que, a pesar de escribir unhas poucas obras para teclado (escribía principalmente para voz),  xa dende os catorce anos se sentira atraído pola súa música.
     
     
Orlando Gibbons
     De William Byrd afirma que é un compositor expansivo e nostálxico e que Schumann é alguén que acaba rapidamente coa súa paciencia. Valora a Mendelssohn polas obras non dirixidas ao piano e que lle encanta tocar as transcricións dos poemas sinfónicos de Richard Strauss.

     


     Glenn Gould, como ben é sabido, cantaruxaba durante os concertos mentres tocaba, preséntábase no escenario vestido cun frac sen planchar, abrigo e luvas. En 1964, no cume da súa carreira, abandonou de maneira sorprendente os escenarios para centrarse nos seus escritos e nas súas gravacións.
     
     


     Non cabe a menor dúbida de que, malia a súa excentricidade, Gould posuía algo máis ca os sinais externos que, simplificando, o podían definir. Sería un erro imperdoable esquecer que Gould era un erudito e as súas ideas, mesmo levadas ao extremo, eran a consecuencia dunha reflexión profunda e estaban solidamente ancoradas na súa experiencia artística.
     
     
Glenn Gould

     Aínda que os seus fitos foron as dúas gravacións das Variacións Goldberg (1955 e 1981) de Bach, a obra de Glenn  Gould ábrese a compositores de diversas épocas que son tratados cun enxeño exemplar.
     
     
Edward Said


     Remato coas palabras de Edward Said sobre Glenn Gould, que definen perfectamente su figura como músico:
     
     “Glenn Gould é a excepción a practicamente todo o resto de intérpretes do século XX. Foi un pianista moi brillante, que parecía situarse moito máis alá do acto mesmo da interpretación grazas ao seu son único, ao seu estilo áxil, ao seu talento rítmico e, sobre todo, á súa capacidade de concentración”.

     
     Totalmente de acordo con estas afirmacións do intelectual palestino.
     
     Por iso é un referente, un dos máis grandes intérpretes de todos os tempos.


                                                                                                                             ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO





Unha xoia. Glenn Gould toca a Partita #2 de Bach, contida no documental "A Arte do Piano". Aquí podedes observar algunha das cousas mencionadas.