martes, 8 de marzo de 2016

" A TELLA DO LOBO ", UN ARTIGO DE PACO MARTÍN DA SÚA SERIE "Auga lizgaira"

Paco Martín

Un xa botaba de menos a palabra de Paco Martín en Versos e aloumiños. Unha palabra cálida, irónica. Unha palabra ateigada de humor fino. Unha palabra que, por outra banda, acariña  o lector, quen se sente seducido pola humanidade que desprende.
     Nesta ocasión fálanos de telefilmes, lobos, medos, loitas pola supervivencia, avoas sabias e invernos duros.

     Unha auténtica delicia lelo.
     Paco Martín é un mestre sabio que nos convida a entrar no seu mundo fantástico-realista, para que alimentemos decote os nosos soños.


     Todo un pracer que, grazas á súa imaxinación, saboreamos felices.
     Un texto máis da súa sedutora serie Auga lizgaira.



                         
                                 A tella do lobo  

                                                                                              
                                                                                                  Paco Martín

           
        
     Nun telefilme de produción francesa e argumento con base nun documentado estudio antropolóxico, que eu un día vira na compaña de Uxío Novoneyra, entre outros –non sei con exactitude onde estabamos nin cantos eramos, pero teño unha pouco menos que irresistible tendencia a crer que fora na súa casa de Parada polo ben que o tema acaía ó lugar e ó momento- e do que conservo unha lembranza bastante nidia e favorable polo interese do relato e o cumprido da súa feitura, contábasenos a loita pola supervivencia dunha pequenísima comunidade rural situada no agreste das montañas no noroeste do Macizo Central daquel país acosada, no máis cru dun rigoroso inverno, por unha grea de lobos famentos e desesperadamente feros. 
Novoneyra na súa casa de Parada

     Hai na aldea unha muller, vella e sabia, que será a encargada de preservar a integridade de veciños e familiares grazas a unha ancestral experiencia e a un profundo coñecemento da natureza, coa que demostra unha enorme capacidade de comuñón até o punto de ser quen a se meter na propia esencia da fera e mesmo chegar a ser case coma unha delas. As artes daquela avoa, froito da aprendizaxe de moitas xeracións de xentes montesías, abondaban para vencer o perigo que ameazaba á comunidade e, ó mesmo tempo, ían sendo lección a asimilar polos seus elementos máis novos, aqueles nos que un día viría dar a responsabilidade de manter a integridade da tribo.


“A tella do lobo”, creo, era o título do telefilme, e viña dado porque nalgunha das casoupas que formaban a aldea aquela os encargados de lle poñer a cuberta colocaban unha ou dúas tellas dun xeito especial e estudado de maneira que cando sobre o lugar sopraba un vento de características moi definidas producía, ó bater nelas, un agudo asubío, avisador do violento temporal que se aveciñaba coa conseguinte baixada do lobo famento. Despois lin que idéntico artificio aparecía tamén en determinadas cabanas de pastores do Tras os Montes portugués e do occidente zamorano, nunha clara demostración da universalidade dos recursos cos que as persoas de todas a latitudes houberon de se enxeñar para a súa supervivencia.
 
Unha vista de Tras-os-Montes
   E hoxe, cada vez que a nós nos toca vivir un inverno de mar brava, ventos fortes, chuvias longas, xeadas duras e neves incómodas é cando comprendemos que xa hai demasiado tempo que deixaramos a avoa sabia abandonada en calquera estación de servicio e non queda ninguén capaz de colocar a xeito as tellas do lobo na cuberta da nosa casa,acabamos tendo medo...