Paco Martín |
Un xa botaba de menos a
palabra de Paco Martín en Versos
e aloumiños. Unha palabra cálida, irónica. Unha palabra ateigada de
humor fino. Unha palabra que, por outra banda, acariña o lector, quen se sente seducido pola
humanidade que desprende.
Nesta ocasión fálanos de telefilmes,
lobos, medos, loitas pola supervivencia, avoas sabias e invernos duros.
Unha auténtica delicia lelo.
Paco Martín é un mestre sabio que nos
convida a entrar no seu mundo fantástico-realista, para que alimentemos decote
os nosos soños.
Todo un pracer que, grazas á súa
imaxinación, saboreamos felices.
Un texto máis da súa sedutora serie Auga lizgaira.
A tella do lobo
Paco
Martín
Nun telefilme de produción francesa e
argumento con base nun documentado estudio antropolóxico, que eu un día vira na
compaña de Uxío Novoneyra, entre outros –non sei con exactitude onde estabamos
nin cantos eramos, pero teño unha pouco menos que irresistible tendencia a crer
que fora na súa casa de Parada polo ben que o tema acaía ó lugar e ó momento- e
do que conservo unha lembranza bastante nidia e favorable polo interese do
relato e o cumprido da súa feitura, contábasenos a loita pola supervivencia dunha
pequenísima comunidade rural situada no agreste das montañas no noroeste do
Macizo Central daquel país acosada, no máis cru dun rigoroso inverno, por unha
grea de lobos famentos e desesperadamente feros.
Novoneyra na súa casa de Parada |
Hai na aldea unha muller,
vella e sabia, que será a encargada de preservar a integridade de veciños e
familiares grazas a unha ancestral experiencia e a un profundo coñecemento da
natureza, coa que demostra unha enorme capacidade de comuñón até o punto de ser
quen a se meter na propia esencia da fera e mesmo chegar a ser case coma unha
delas. As artes daquela avoa, froito da aprendizaxe de moitas xeracións de
xentes montesías, abondaban para vencer o perigo que ameazaba á comunidade e, ó
mesmo tempo, ían sendo lección a asimilar polos seus elementos máis novos,
aqueles nos que un día viría dar a responsabilidade de manter a integridade da
tribo.
“A tella do lobo”, creo, era o
título do telefilme, e viña dado porque nalgunha das casoupas que formaban a
aldea aquela os encargados de lle poñer a cuberta colocaban unha ou dúas tellas
dun xeito especial e estudado de maneira que cando sobre o lugar sopraba un
vento de características moi definidas producía, ó bater nelas, un agudo
asubío, avisador do violento temporal que se aveciñaba coa conseguinte baixada
do lobo famento. Despois lin que idéntico artificio aparecía tamén en
determinadas cabanas de pastores do Tras os Montes portugués e do occidente
zamorano, nunha clara demostración da universalidade dos recursos cos que as
persoas de todas a latitudes houberon de se enxeñar para a súa supervivencia.
E hoxe, cada vez que a nós nos toca vivir un inverno de mar brava,
ventos fortes, chuvias longas, xeadas duras e neves incómodas é cando
comprendemos que xa hai demasiado tempo que deixaramos a avoa sabia abandonada
en calquera estación de servicio e non queda ninguén capaz de colocar a xeito
as tellas do lobo na cuberta da nosa casa,acabamos tendo medo...