Gústame moito ler relatos.
Coido que na nosa sociedade actual esta sorte de xénero literario non se valora
dabondo. Coma o teatro, coma a poesía. Literatura é para demasiadas persoas
sinónimo de novela. E non hai quen os afaste desa idea tan simple e tan trabucada.
Repito: gústame moito ler relatos.
Cando me poño a remexer libros na libraría
e dou cun volume de contos, detéñome, ábroo, folléoo e comezo a ler algún. Gozo
con isto. Procuro neles que teñan algo especial, que me inquieten ou que me envolvan
en atmosferas sedutoras.
Iso foi o que me ocorreu co libro De
cristal (Edicións Xerais. Fóra de
Xogo), de Silvestre Gómez Xurxo.
Interesoume dende as primeiras liñas que lin, algo que me ocorre con cada libro
deste prestixioso autor. Unhas liñas que, xa dende o principio, me atraparon.
Un comezo que me transportou aos moitos encontros que os escritores e
escritoras realizamos nos centros educativos.
Nesas primeiras páxinas conta o autor como
unha alumna de 4º de Primaria, á que lle encanta O marabilloso Mago de Oz propón ao escritor que fala con eles que
escriba un conto cun mago e un home de cristal. Sobre este feito, Gómez Xurxo
fai unha serie de reflexións ben interesantes sobre algunhas fontes do acto de
escribir.E esta introdución está chea de agarimo literario.
Deseguido, atopámonos con cinco relatos dunha
orixinalidade enorme. Cinco relatos que teñen un denominador común: a
emoción. Si, son emocionantes e debo dicir que un deles (O ratiño branco) me emocionou ata
límites extraordinarios. Talvez foi o momento ou o estado de ánimo, pero
goceino e sufrino moi intensamente. Acerto indubidable do autor.
Hai máis puntos en común,
xaora, entre eles, pero a emoción marca, alomenos para min, a súa lectura.
Nestas historias hai loita para intentar
saír dos infernos, para non deixarse vencer polo mal, para acadar a liberdade,
para atinguir a felicidade por medios diferentes aos que provocan as cousas
materiais, para enfrontarse ao maltrato animal, para canear o destino.
E todos os relatos posúen unha estrutura
que me parece orixinal e acertada: trátase da relación comportamento animal co
que comezan e comportamento humano co que se desenvolven e rematan. No medio,
unhas reflexións que moito teñen que ver coa historia contada.Fondura e claridade.
Razóns para pensar. Como a boa literatura.
En definitiva: relatos ben narrados, estruturados
cunha grande intelixencia e moi equilibrados á hora de expresar as sensacións
dos seres humanos.
Encantoume este libro. Gocei con el,
sufrín con el e permitiume reflexionar, un verbo que, coma amante da literatura
grande, me resulta imprescindible para sentirme intimamente vencellado ao
feito literario.
Parabéns a Sivestre Gómez Xurxo por
presentarnos un libro, dende o meu punto de vista, absolutamente necesario.
Engadimos a esta reseña, a "Muiñeira da Moa", coa letra de Silvestre Gómez Xurxo e música de Paulo Nogueira, músico de Treixadura. Esta muiñeira, para agradable sorpresa do escritor, foi estreada na presentación do libro De cristal.
Foi case unha improvisación da mesma, pero é un testemuño magnífico que dá realce a este texto que Versos e aloumiños publica con enorme pracer.
Treixadura estreando a Muiñeira da Moa.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO