Antonio
non daba creto ao correo que viña de entrarlle no seu ordenador. Era de seu
pai. O problema é que o seu pai leva morto un día… Así arranca esta novela para
todos os lectores, sen idade definida, do escritor Francisco Castro
(Vigo, 1966).
Tes
ata as dez,
que así se chama a novela, é un exercicio arriscado por parte do seu
autor, pois non é doado construír unha
obra de case trescentas páxinas (si, 291, concretamente) sen caer na monotonía
e non producir cansazo no lector.
Dende o meu punto de vista, o autor
consegue o seu propósito de interesar a quen ten o libro nas mans cunha
historia de suspense, de intriga, de amor, dun certo erotismo. Unha historia
poliédrica.
Cartas, correos electrónicos,
descubrimentos misteriosos, referencias á historia recente de España, o
xornalismo polo medio, sucesos estraños, son algúns dos elementos dos que se
vale Francisco Castro para recrearse no feito de contar. E abofé que o fai
francamente ben.
Ten a novela un ritmo rápido, ás veces, e
contido e ralentizado, noutros momentos. Isto permite aos lectores e lectoras
ir atando cabos, reflexionando e, xaora, desexar seguir lendo para ver o que os
agarda á volta da páxina.
Os personaxes están ben construídos. Toni,
claramente enfrontado coa nai, leva o peso da trama. Independizarse das
gadoupas dunha relación familiar que o fere foi o primeiro paso que decidiu dar
na procura doscamiños de seu e non impostos. Converteuse nun editor esixente
dunha pequena editorial. Á súa beira, unha amiga e colaboradora no traballo,
Celia, resulta un contrapunto excelente para o equilibrio da historia. Entre os
sous intentarán descubrir o que se agocha tras unhas mensaxes sorprendentes.
A relacións de/con os pais, a aparición de
persoas que se descoñecen, a radiografía de lugares e feitos da cidade de Vigo,
a reivindicación da figura de Jules Verne, a descuberta de sucesos tempo atrás,
as liñas editoriais dos xornais nos tempos difíciles da ditadura e moito máis,
converten esta novela nun relato de historias,
ben ensambladas para chegar ao desenlace final.
Todo isto expresado cunha linguaxe coidada
e moi directa.
Mención especial merecen os chamados na
novela Textos náufragos ou Cartas náufragas, a voz do seu pai, onde
o autor emprega unha prosa poética interesante con referencias, mesmo, á
filosofía (Nietzsche ou Wittgenstein) a través da cal, fai Francisco Castro,
unha vez máis, unha sólida defensa da palabra. Coas palabras doulle corda ao reloxo do planeta. Coas palabras sento
nas nubes, mergúllome no teu escote e navégasme entre as coxas. Palabras. Estou
feito de palabras. Morarei e morrerei dentro delas… podemos ler nun destes
textos poéticos e cun evidente aire erótico. Pero estes textos son moito máis
ca iso. Podo afirmalo. As pegadas que a vida vai deixando nos seres humanos e
as decisións que estes deben tomar en determinados momentos póñense de
manifesto no texto cun ton exquisito e unha claridade meridiana.
En definitiva. Tes ata as dez (Editorial Galaxia. Col. Costa
Oeste. 2014) é unha novela para ler con agrado. Permíteche gozar da narrativa
en estado puro e acada o propósito de todo escritor: que o interese non se
perda ao longo da súa lectura. E, como dixen ao principio, é un libro dos
chamados fronteirizos. Non ten unha idade definida. Son novelas e punto. Para
achegármonos a elas sen medo.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO