martes, 16 de diciembre de 2014

RECOLLER UNHA MENSAXE NUNHA BOTELLA DE...PAPEL: UN TEXTO MOI CURIOSO DE HELENA PÉREZ.


Helena Pérez



     Hai historias que emocionan.
     
      Historias que se atopan pechadas nos elementos cotiáns e que, por diversos motivos, pasan desapercibidas un día si e outro tamén. Historias que se agochan e só debido a unha casualidade saen á luz.
      
     Historias emocionantes. Historias que provocan sentimentos profundos. É o poder silandeiro das pequenas cousas. As que nos chaman en voz baixa.
      
     Casualidade? Embruxo? Maxia? Todo pode ser. Pero como gozamos con elas!
      
     Disto trata esta crónica marabillosa que transita por feitos literarios, pola xustiza social, pola liberdade, pola dignidade humana e os seus dereitos. Pola descuberta dun gran poeta e editor, polo recoñecemento dun home, Mandela, recto e xeneroso.Resultado, dende logo, das inquedanzas das persoas.
      

     Esta historia aconteceulle á miña querida amiga Helena Pérez, a miña editora. A esa muller que leva ben anos editando libros cun gusto exquisito en Edicións Xerais de Galicia. Canto lle debemos os escritores…!  A súa humanidade e a súa intelixencia son chaves para querela. É unha das persoas máis sensibles que coñezo. Chea de inquietudes, dá gusto compartir a palabra e as sensacións da vida con ela. Un pracer.
      
     E, claro, só unha persoa sensible pode vivir algo como o que se conta no texto que, coa súa xenerosidade habitual, escribiu para o noso blog-revista.
      
     Uns feitos que se foron enleando para chegaren a un descubrimento que me entusiasmou en canto escoitei a Helena relatalos. Non me custou demasiado convencela para que escribise a historia para Versos e aloumiños.
     
      Fíxoo e moi ben. Con moito agarimo. E iso non ten prezo.
      
     Grazas, Helena, por estas liñas feiticeiras. Os lectores e lectoras vancho agradecer.








     Camiñaba eu pola zona do antigo cuartel da ETEA –antes propiedade da Armada e hoxe recuperado para gozo das xentes de Vigo–, unha tarde de domingo de outubro, para aproveitar o cálido outono co que os deuses do clima nos regalan ás veces en Vigo.
      
     Coma sempre, ía cámara en man, atenta ás cousas que me chaman a atención: o cambio das follas dos liquidámbar, as cores cambiantes da auga na praia, os cons, as cunchas, os camiños trazados na area polos vermes… cando nunha poza algo chamou a miña atención: un anaco de papel mergullado na auga.
      
     Achegueime e, ao anicarme, distinguín unhas palabras escritas no papel cuadriculado, á man e en francés. Inicialmente, pensei nuns apuntamentos, se cadra uns exercicios feitos por un rapaz ou rapaza que, aburrido xa da materia, tirou con eles á auga. Pero a curiosidade puido máis que a suposición e levoume a comprobar o contido: desencartei o papel cun garabullo que collín na mallante da area e apareceu completo o texto, que semellaba un poema en francés.
       

     A lectura do texto traíame vagos recordos de algo que non lograba concretar, porque algo me dicía que o francés non era o idioma orixinal do poema.

     Para a miña sorpresa, no reverso do papel, aparecía a tradución ao castelán do poema, que transcribo:

 


Más allá de la
noche que me cubre,
negra como un abismo
insondable, doy gracias
al Dios que fuere
por mi alma inconquistable

       

Ao remate dos versos, unha rúbrica e unha sinatura: Ana María

      
      Na mesma cara, e de arriba a abaixo, estaba escrita tamén unha frase, neste caso en éuscaro: Zu eta mila / itsaso arteko, e Maite Zaitut («Quérote»). Unha declaración de amor? O título  dunha canción de Mägo de Oz?


      



     Tras moito buscar –e non teño nada claro que sexa iso o que significa– a tradución podería ser: “Ti e mil / mar intermedio”
     Deixei o papel tal e como o atopei, dobrado e dentro da auga.

      Aquela frase seguía dando voltas e máis voltas na miña cabeza. Sabía que a escoitara noutro contexto e con máis versos polo medio, mais non daba lembrado onde nin cando.

      Nada máis chegar á casa comenteillo ao meu fillo maior Airas, que rememorou axiña uns versos de Invictus, a película de Clint Eastwood que foramos ver toda a familia. Consultouno en internet, e o buscador confirmouno: trátase do poema que recita Morgan Freeman, no seu papel de Nelson Mandela, mentres os xogadores da selección sudafricana de rugby –os chamados Springboks– visitan a illa Roobenas e as celdas onde penaron Mandela e o resto dos compañeiros do Congreso Nacional Africano durante vinte e sete anos.
     
      O presidente, que fala previamente co capitán do equipo François Pienaar, comparte con el un poema escrito por William Ernest Henley, Invictus, que durante os seus anos de cárcere lle servira de inspiración.





    
     O poema di así en galego:


Máis alá da noite que me envolve,
negra coma un abismo insondable,
dou grazas ao deus que for
pola miña alma inconquistable.

Nas poutas deste circunstancial lugar

xemín pero non chorei.
Sometido aos golpes do destino
a miña cabeza sangra, mais está ergueita.

Máis alá deste lugar de ira e prantos
onde xace o horror da sombra,
a ameaza dos anos atópame,
e ha de atoparme sen temor.

Non importa o estreito que sexa o camiño,

nin o cargada de castigos que estea a sentenza,
son o amo do meu destino,
son o capitán da miña alma.

     Solucionada a primeira incógnita, xurdiu a segunda: Quen era William Ernest Henley?
      
William Ernest Henley
     Volta outra vez –bendita tecnoloxía– a internet, e nova sorpresa.  O noso poeta foi tamén dramaturgo e editor e nada menos que amigo de George Bernard Shaw, de H. G. Wells, de Sir James Barrie, de Rudyard Kipling e de Robert Louis Stevenson, quen se inspirou nel para crear o personaxe de Long John Silver, xa que a Henley lle amputaran unha perna a raíz dunha tuberculose cando era neno.

Helena Pérez
     A nota levoume así a un descubrimento dun gran poeta: William Ernest Henley, amigo e editor de autores que lin e admiro profundamente e a unha película, Invictus, que conta a historia dun gran home, Nelson Mandela, capaz de perdoar a aqueles que o encerraron durante vinte e sete anos e que creu que a través do deporte nacional, o rugby, podía comezar a construír unha nación rota polo apartheid.
     
     Grazas, moitísimas grazas, á persoa que escribiu os versos de Henley no seu caderno e os lanzou ao mar. Eu tiven a sorte de recoller a mensaxe da súa «botella de papel».