lunes, 8 de diciembre de 2014

CLAC, CLAC, CLAC... CLASE! DE NOVO, A PROSA PUNZANTE DE MANUEL VEIGA




Manuel Veiga. Foto de Sabela Veiga.

   Manuel Veiga, para satisfacción de quen fai este blog-revista e, sobre todo, dos lectores e lectoras que o seguen fielmente, asoma de novo a súa calidade literaria cun texto moi incisivo.
      
     Como quen non quere a cousa, este grande escritor e xornalista, deixa caer a súa visión irónica do que o rodea e, cunha prosa tan sinxela (que non simple) coma punzante, abre os ollos do lector a temas que, con frecuencia, se lle escapan.
      
     Precisamos moitos escritores coma el.
     
     Precisamos persoas críticas que utilicen a ironía dun xeito elegante. Que saiban escribir.
      
     Non o esquezamos. Toda a obra de Manuel Veiga está moi traballada, moi corrixida, moi pensada. Dálle moitas voltas a todo o que crea. E iso é algo que se agradece.
      
     O que estou a dicir pode comprobarse neste texto escrito con agudeza intelixente. Para el non hai diferenzas. Cando escribe afina sempre o seu discurso narrativo sexa cal sexa o seu destino.
     
     E iso é algo que lle agradecemos.
      
     Deseguido, podedes gozar coa súa palabra neste interesantísimo artigo.





Clac, clac, clac


             Manuel Veiga Taboada

      
      Na emisora Kiss FM soa Coldplay e un ouvinte acaba de dicir que a súa maior afección é a “pornografía para adultos”, no mesmo ton que se estivese citando a poesía romántica inglesa ou a música de cámara.
        
Coldplay

      Mentres os xenitais se descobren espectacularmente, converténdonos a todos en dermatólogos das partes íntimas, hai aínda palabras que se ocultan, expresións que ofenden o pudor, palabras como clase que a socioloxía alemana de posguerra proscribiu.   

     Mais, aínda hai clases, dito nun sentido distinto ao que entendían os burgueses e algúns nobres de hai cen anos, cando o socialismo parecía o destino ineluctábel da maioría dos países. Os zapatos, por exemplo, debían producir ruído ao andar, sobre todo o bo calzado dos xerentes e dos donos, para que os empregados percibisen deseguida a súa presenza disuasoria: clac, clac, clac.


 Rafael Chirbes escribiu unha pequena novela chamada La buena letra que, desde o título, pretendía referirse aos que gozaran dunha boa educación e, polo tanto, tiñan posibilidades de ascender na escala social. A boa letra era un síntoma inconfundíbel que acompañaba o clac, clac dos zapatos.



A caligrafía era daquela obxecto de perseverante aprendizaxe até que o alumno conseguía acadar un virtuosismo case artístico que o elevaba sobre a cohorte de simples usuarios das catro regras e sobre a gran masa de analfabetos.



De modo en parte parecido e durante séculos, a poesía evitou tratar os detalles da vida cotiá, indicando así a quen ía destinada: a reis, nobres e xentes distinguidas que podían permitirse o luxo de vivir só preocupadas polos problemas do espírito, pero nunca por se había algo para cear ou se o neno estaba enfermo de anxinas. Foi á prosa a quen lle tocou narrar a “vulgaridade” dos sucesos ordinarios e poucos o fixeron tan ben como Balzac, no século XIX, quen, de modo paradoxal, toda a súa vida perseguiu ser nobre, e Ferdinand Céline, no século XX, quen politicamente simpatizaba coas ideas selectivas da elite nazi.

 
Balzac
As clases sociais son barreiras delicadas e ao tempo sólidas, non tan sutís que non se poidan ver, pero si tan arraigadas que parecen formar parte da natureza. Eu coñezo mulleres que sentan na punta da cadeira e din que vai frío cando acoden a unha casa ou a un café do centro da cidade, só porque se notan desprazadas. E sei de homes que viaxaron por medio mundo horizontalmente pero que nin sequera poden imaxinar como é a súa cidade no sentido vertical.



A esas persoas non lle veñen as palabras á boca cando se dirixen a un médico ou a un avogado. En tales casos non son capaces máis que de expresarse con monosílabos incomprensíbeis, e moven dilixentemente a cabeza, arriba e abaixo, de modo que, máis que afirmar algo, parece que tartamudean.