Páginas

viernes, 5 de diciembre de 2014

"TES ATA AS DEZ", DE FRANCISCO CASTRO: UNHA VIAXE SORPRENDENTE E MISTERIOSA POLAS ARESTAS DA VIDA

  Antonio non daba creto ao correo que viña de entrarlle no seu ordenador. Era de seu pai. O problema é que o seu pai leva morto un día… Así arranca esta novela para todos os lectores, sen idade definida, do escritor Francisco Castro (Vigo, 1966).

       
     Tes ata as dez, que así se chama a novela, é un exercicio arriscado por parte do seu autor,  pois non é doado construír unha obra de case trescentas páxinas (si, 291, concretamente) sen caer na monotonía e non producir cansazo no lector.
      
     Dende o meu punto de vista, o autor consegue o seu propósito de interesar a quen ten o libro nas mans cunha historia de suspense, de intriga, de amor, dun certo erotismo. Unha historia poliédrica.
      
     Cartas, correos electrónicos, descubrimentos misteriosos, referencias á historia recente de España, o xornalismo polo medio,  sucesos  estraños, son algúns dos elementos dos que se vale Francisco Castro para recrearse no feito de contar. E abofé que o fai francamente ben.
      
Francisco Castro
     Ten a novela un ritmo rápido, ás veces, e contido e ralentizado, noutros momentos. Isto permite aos lectores e lectoras ir atando cabos, reflexionando e, xaora, desexar seguir lendo para ver o que os agarda á volta da páxina.
      
     Os personaxes están ben construídos. Toni, claramente enfrontado coa nai, leva o peso da trama. Independizarse das gadoupas dunha relación familiar que o fere foi o primeiro paso que decidiu dar na procura doscamiños de seu e non impostos. Converteuse nun editor esixente dunha pequena editorial. Á súa beira, unha amiga e colaboradora no traballo, Celia, resulta un contrapunto excelente para o equilibrio da historia. Entre os sous intentarán descubrir o que se agocha tras unhas mensaxes sorprendentes.
     
     A relacións de/con os pais, a aparición de persoas que se descoñecen, a radiografía de lugares e feitos da cidade de Vigo, a reivindicación da figura de Jules Verne, a descuberta de sucesos tempo atrás, as liñas editoriais dos xornais nos tempos difíciles da ditadura e moito máis, converten  esta novela nun relato de historias, ben ensambladas para chegar ao desenlace final.
      
     Todo isto expresado cunha linguaxe coidada e moi directa.
      
Estatua de Jules Verne en Vigo.
     Mención especial merecen os chamados na novela Textos náufragos ou Cartas náufragas, a voz do seu pai, onde o autor emprega unha prosa poética interesante con referencias, mesmo, á filosofía (Nietzsche ou Wittgenstein) a través da cal, fai Francisco Castro, unha vez máis, unha sólida defensa da palabra. Coas palabras doulle corda ao reloxo do planeta. Coas palabras sento nas nubes, mergúllome no teu escote e navégasme entre as coxas. Palabras. Estou feito de palabras. Morarei e morrerei dentro delas… podemos ler nun destes textos poéticos e cun evidente aire erótico. Pero estes textos son moito máis ca iso. Podo afirmalo. As pegadas que a vida vai deixando nos seres humanos e as decisións que estes deben tomar en determinados momentos póñense de manifesto no texto cun ton exquisito e unha claridade meridiana.
     
     En definitiva. Tes ata as dez (Editorial Galaxia. Col. Costa Oeste. 2014) é unha novela para ler con agrado. Permíteche gozar da narrativa en estado puro e acada o propósito de todo escritor: que o interese non se perda ao longo da súa lectura. E, como dixen ao principio, é un libro dos chamados fronteirizos. Non ten unha idade definida. Son novelas e punto. Para achegármonos a elas sen medo.
                                                                            
                                                                                                    ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO