lunes, 22 de diciembre de 2014

AS MAIMIÑAS, MAMÁ CABRA, PIRILAMPO: "SONÁRBORE" SEGUE ENFEITIZANDO.



                                        En Versos e aloumiños non cansamos de loar o labor poético-musical que, a través da sección Sonárbore, está a levar a cabo a Editorial Galaxia.

    
     O tempo falará, pois é un xuíz inapelable, da importancia que esta serie de libro-discos ten dentro da normalización da canción destinada aos rapaces e rapazas do noso país galego.

     É un gozo ben patente poder escoitar estes grupos de persoas, sensibles á palabra e á melodía, que están a desenvolver unha tarefa importantísima para achegar composicións musicais cheas de fermosura e frescor ás escolas, ás biblioecas as e, tamén, aos fogares tan necesitados de materiais desta categoría.

     Cada volta caben menos as desculpas de que non hai libros, cancións, proxectos para que gocen os cativos co galego como vehículo fundamental. Hai xa ben tempo que esas desculpas son unicamente iso, desculpas. Agora, con estes agasallos musicais xa non valen excusas que agochen o desinterese e a comodidade dos adultos.

     Parabéns a Galaxia por esa liña aberta cuns libro-discos que un agarda con impaciencia cada aparición. Isto chámase seguir facendo camiño. Seguir facendo país. Seguir contando cos nenos/as no presente, pensando no futuro.

    Ímonos ocupar hoxe de tres títulos, que nos emocionaron cando fixemos a súa escoita. Son dun nivel altísimo e a ledicia que nos produciron queremos compartila con todos vós, lectores e lectoras deste blog-revista.


     O primeiro deles, con ilustracións de Patricia Castelao, chámase Unha volta polo mundo. Son As Maimiñas as causantes de que se poida viaxar, convidándovos a facelo con elas,cruzando mares, montes e países sendo a música un transporte de luxo.
     As Maimiñas (Mai e Miña), tras presentarse e contarnos que o que máis lles gusta e cantar e bailar, deciden viaxar cantando, atravesar os Pireneos, chegar ao Tirol, visitar a muralla chinesa, ir de safari por África, moverse polo mar, cruzar o océano e chegar a América do Sur, bailar rock en Nova York e volver en avión.
     Toda esta viaxe, chea de cancións, está salferida de melodías dos lugares que visitan: mambo, tango, música oriental na China, aire tirolés etc.
     Preciosas cancións que convidan a cantar e moverse grazas ao ritmo e a unhas letras moi doadas de repetir.

      


     As outras dúas obras, magníficas, son do coñecidísimo grupo Mamá Cabra , unha, e  de Pirilampo, a outra.

    Mamá Cabra non pode faltar á súa cita co Nadal. O seu libro-disco chámase, precisamente, Estación Nadal. Con ilustracións de Kristina Sabaite, Gloria Mosquera e o seu grupo fan un traballo na súa liña ben coñecida polos moitos seguidores que xa levan á súa beira dende hai tempo.


     Con letras e música de Antón Cortizas, Susa Herrera e de Gloria crean unhas cancións cheas de vida, con onomatopeas simpáticas, cunha música apegadiza e de calidade coma no grupo é habitual.
     O libro comeza cunha carta das Mamá Cabra ás Maxestades e remata coa contestación dos Reis Magos, nunha carta entrañable.Entre ambas misivas, cantigas de Nadal, a figura do Apalpador, os dinosauros nestas festas, algunha panxoliña moi orixinal, o son das badaladas deste tempo, Melchor, Gaspar e Baltasar peiteando os camelos… En fin, un mollo de cancións que nos fan sentir a felicidade e que nos animan a vivir a música a fondo. A gaiteira Susana Seivane é unha colaboradora de luxo neste novo proxecto.


     
      E o terceiro supuxo para nós unha grata sorpresa. Pirilampo presenta o seu libro-disco chamado Lucecús, ilustrado por Federico Fernández.
     Pretenden animar a cantar ao oínte/lector; a que sumen as súas voces ás deles nun percorrido máxico e festivo que quere dar a volta á Terra, esa que nos acolle.


     Cancións que, como outros grupos, anuncian a chegada do Apalpador (que xa anda polo Courel vestido de branco). E contan moitos contos (que son contos pequeniños,/ que cando eu era un neno/ contábamos o padriño). E cántannos que ven o mundo ao revés (un elefante con plumas, / un pato con catro patas…/), que van ao mercado, que teñen un barco de papel, que o ano ten doce meses ou que nos presentan a casa do tío Nicanor.
     Son quen de arrolar un pequechiño no mar (As ondas vanse deitar / no seu berce dos cantís, / van arrolar o meu neno / que agora xa vai durmir…) Unha cantiga de berce serena que se une á emocionante  Cantiga de Pedro Chosco, unha das pezas que máis nos gustaron.
     Acordeón, piano, guitarra, frauta travesa, baixo, gaita, batería, percusión tradicional, violonchelo, saxofón, pandeireta e efectos especiais, coas voces de Xosé Lois Seixo, Andrea Seijo Ares, María Xosé Silvar-Sés, Lydia Botana e a voz infantil de Antía Seixo Varela, de nove anos, fan un conxunto fantástico que nos permite gozar da música e mover o corpo con alegría.

      



     O dito, grande iniciativa a de Galaxia coa liña Sonárbore.
     Unha auténtica delicia.
      

    


 Que non deixen de soar nas aulas, nos cuartos, nas salas de estar, nas bibliotecas etc. estas mostras artísticas que fan sentirnos moi fachendosos a aqueles que amamos os nenos e nenas e sabemos da necesidade de educar a súa sensibilidade.

                                                                                     ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO