martes, 3 de junio de 2014

CADERNO ÍNTIMO (XVIII)





                                                                       Páxina decimoitava



Sigo de costas ao mundo.

Estou a piques de rebentar.

A situación supérame.

Teño ganas de  berrar e escoitar os meus berros.
"Treboada na Costa da Morte". Acrílico de Xulio Gª Rivas

Que sociedade é esta que permite atropelos e non reacciona??

Están a gobernar ou están a eliminarnos como seres humanos que pensan?

Pensan? Pensamos? Analizamos? Rebelámonos? Resignámonos?

Que loucura! Que vergoña!

Temos as mans atadas e a lingua encadeada?

É isto un estado de dereito?

     

      Desculpádeme. Trabuqueime de escrito. Non era isto o que tiña pensado expresar. Pero, claro, mire a onde mire, síntome agredido. Que horror!

    Non hoxe non estaban estas preguntas e estes lamentos(non me gusta esta palabra. Bórroa). Mellor, reflexións ou algo semellante.

      Non, hoxe ía por outro camiño.
         
Alicia Alonso Romero
Hoxe quero dicir que hai persoas que non marchan nunca, porque permanecen no máis profundo dos sentimentos de quen as rodean.
      
     Son persoas que forman parte da esencia afectiva daqueles que as queren, que as queremos e que estes se senten queridos á súa vez e fúndense con elas.
      
     Poden desaparecer fisicamente, habitar outras estancias; poden voar sobre as flores, mergullarse nos mares diversos e facerse intanxibles. Pero viven, si. Viven fondamente no discorrer cotián daqueles que están próximos.
 
Algunhas das moitas persoas que a querían.
     E isto é o que sucede (négome a empregar aquí o tempo verbal en pasado) con Alicia Alonso Romero, con quen tanto quero, parafraseando a Miguel Hernández.
      
     Agora, xa deixando o presente, direi que ela foi unha ondada de rechouchíos nesta miña andaina por este mundo. Non perdeu, endexamais, o sorriso aberto, a alegría de vivir e agasallaba unhas apertas sentidas que a permitían camiñar.
      
     Alicia non percorreu as sendas con espírito efémero. Alicia, malia os atrancos que padeceu, buscaba perdurar para seguir querendo con abraiante xenerosidade.
      
     Alicia avanzaba cara a diante coa convicción de que a súa existencia só tiña sentido se facía felices aos demais. Contaxiaba a súa vitalidade e acadaba que todos estivésemos cheos de ledicia á súa beira.
      
     Alicia estaba en moitos dos meus poemas. E seguirá a estar.
Sempre estará presente nos meus poemas. Canto a quería!
      
     Alicia estaba en cada pincelada que Xulio daba. E seguirá a estar.
      
     Alicia estaba en todo proxecto artístico deste home excepcional, o seu marido. E seguirá a estar.
      
     Alicia estaba nos bicos, nas conversas, nos abrazos, nos plans dos que a queriamos. E non deixará de estar. Non, nunca.
      
     Estivemos na Coruña con ela.
     Estivemos na Coruña sen ela.
      
O mar da Coruña que garda as súas cinzas.

     Fomos ver, ulir, sentir, saborear e gozar do brillo do mar.
     Ese mar, vixiado pola  Torre de Hércules, que acolleu as súas cinzas.
     Non puideramos asistir a ese acto íntimo, familiar. Colleunos de viaxe.
     Mais ese mar bravo agardou pacientemente por nós durante unha semana.
     Agardou para dicirnos que Alicia vivía con el.
     E sei que o mar, en silencio, chorou comigo. Non se decatou case ninguén, pero choramos os dous.
      
Con Xulio Gª Rivas.
     Bágoas de sal, os dous.
     Bágoas de néboa, os dous.
     Bágoas de vidro, os dous.
     E ese mar, cos ollos chorosos, comentoume que bebía da serenidade de Alicia, da súa alegría, do seu espírito positivo sempre, da súa bondade, da súa intelixencia.
    
      
     Quixen facer un poema. Penso que llo debía á miña amiga.
     Pero non fun quen. Non me saían os versos.
     Vinos, agochándose de min, nas apertas de Xulio e de Javier. Vinos nas súas esperanzas, nas súas conversas, nas súas ilusións, no seu futuro. Vinos nos seus ollos, nas súas forzas, nas súas miradas.
     De aí que o entendín todo ou case.
     O poema ficaba dentro e era imposible darlle forma.
     Non aceptaba as palabras.
     Era o poema dos acenos.
      
Con Xulio, Susi e Javier.
     O poema da dor que rompe a realidade.
     O poema da luz afogada nas lembranzas.
     O poema do sorriso infantil desvanecido.
     O poema que só existiu na sede oculta, na fervenza en tránsito cara á nada.
     O poema dos que non agardan límites no amor, na amizade.
     O poema dos que senten que os días pasan amodo e dos que queren que pasen axiña.
     O poema, en fin, que moumea silencios intanxibles arredor das nosas vidas collidas por fíos sen cores.
No estudio de Xulio na Coruña.
      
     Xa digo. Quixen escribir un poema e non quixo saír.
     
      Talvez notou que abondaban os xestos; que hai palabras invisibles nos anacos do agarimo; que imaxinar paisaxes sentimentais en determinados intres non fai que esvaeza a néboa  do río.
      
     Non saíu o poema, non, pero Alicia, toda ela un poema de amor, vai seguir deitando os seus versos interminables nas nosas mans para apagar lumes inútiles.
      
     Para que escribir, pois, un poema?


"Alicia vendo a televisión". Debuxo de hai tempo de Xulio GªRivas.

                                        
                           
                                                                                                                                                                 O VELLO SOÑADOR