domingo, 24 de noviembre de 2013

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (XXXIV) Aurora Vidal Martínez







                AURORA VIDAL MARTÍNEZ   ( Pontevedra 1910 – 2005)





DURME, RAPACIÑO

Durme, rapaciño, curazón de pomba,
no teu leito de arumes e froles,
que baixan os sapos á beira do río
a cantarlle ó sono, que chega de lonxe.

As meigas nodrizas da cova dourada
ordeñan a branca e milagreira leite;
xa veñen de présa, no lombo da lúa,
pra arrolar ó roibo meniño do berce.

Aurora Vidal Martínez
Durme, meu meniño, co vento que zoa
antre as follas secas dos milleiros doces;
que oubean os lobos camiño do río,
e tremen as somas nos peitos dos montes…





O CORVO

Cabaleiro do pinal,
o pelengrino sin nome
coberto de brilo e somas
polos camiños da noite.

Soio na rama do vento,
mirando as boiras que corren
por enriba do silenzo,
que vén triste de lonxe.

Cabaleiro do pinal,
negro fantasma da noite;
si ti parolas tiveras
foras máis nobre que os homes.








POESÍA

             ¡Ai!, miña lúa de prata,
               dona da terra e do ceo;
              irmán da noite e do río,
              compañeira do labrego…




A lúa baixa á campía
polos penedos do monte,
garda catro paxariños
no pano negro da noite.

Vén cunha estrela na man,
caraveliño da sorte,
i-un curazón de rapaza
feito de arumes de froles.

A lúa baixa á campía
polos penedos do monte;
parouse a lavar a cara
na ágoa mansa da fonte…





                                     (Do libro Poemas de nenos e paxariños, editado pola Libraría Follas Novas/Follas Novas Edicións, 2010)

sábado, 23 de noviembre de 2013

"BISA BEA, BISA BEL", un libro de ANA Mª MACHADO, entre a tenrura e a vida mesma.



Que os nenos e nenas precisan de libros intelixentes, non me cabe a menor dúbida.
Que as historias para eles teñen que ser literatura de verdade e non de consumo, é algo, para min, innegociable.
Que non se está a facer en demasiadas aulas o labor a prol da lectura como cumpriría, non debe sorprender a ninguén. (Que me perdoen as mestras, mestres e bibliotecarios/as que si traballan, porque cren que é imprescindible para o alumnado. Son un exemplo a seguir.)
Ás veces hai falta de ganas (imperdoable!); outras, falta coñecemento do que se publica ou non existe motivación ningunha (imperdoable!). E moitas outras veces, o profesorado manda ler un libro que non leu e, por riba, ponlles aos seus alumnos un exame sobre el. (mil veces imperdoable!)
 Hai textos magníficos para todas as idades. Mais debemos peneirar entre o publicado para que os nenos e nenas reciban o libro máis axeitado para eles. Un esforzo que paga a pena.
Ben, pois un deses libros intelixentes, que dan moito xogo nas aulas arredor da reflexión, da posta en común tras a súa lectura é Bisa Bea, Bisa Bel. Unha historia tenra, chea de vida, escrita pola escritora brasileira Ana María Machado, Premio Andersen de Literatura no ano 2000. Acaba de publicalo en galego a Editorial Galaxia, na súa colección Árbore, coa tradución de Ramón Nicolás e as ilustracións de Almudena Aparicio.
Á esquerda, unha ilustración de Almudena Aparicio

Tiven a sorte de coñecer e escoitar a Ana María, nunhas Xornadas en Baeza. A súa implicación no fenómeno da LIX e no da lectura é moi potente. Escoitala resulta un pracer. Seguir as súas orientacións, algo básico. Unha auténtica delicia. Todo exposto, ademais, cunha claridade meridiana. Ten, mesmo, algún libro publicado sobre o tema.

A novela que hoxe nos ocupa, Bisa Bea, Bisa Bel, é unha tenra historia de amor entre unha rapaciña, Isabel, e a súa bisavoa. O planteamento da historia non pode ser máis orixinal: contado en primeira persoa pola nena, unha fotografía desencadeará  unha relación tan especial que chega a emocionar. A través desa relación veremos a contraposición entre as mentalidades de ambas, as diferenzas en tempo e espazo, os costumes tan contrapostos, ademais das vivencias tan profundas das dúas personaxes.


Preséntanos o libro o desenvolvemento cotiá da rapaza na escola, os seus “primeiros amores infantís”, os comportamentos dos nenos cun ton fresco, cheo de dozura, coas súas alegrías e desgustos. Pero Bisa Bea, Bisa Bel, sinala as inxustizas sociais, nalgunha das súas páxinas, cunha intensidade que te emociona. E faino con naturalidade, a través dunha linguaxe limpa e coidada, servíndose de dous irmáns xemelgos, María e Vítor, que son un acerto na narración.

A historia, na que os personaxes viven, está chea de humor, de ironía, de tenrura. Os nenos e as nenas, nestas páxinas,choran, rin, ilusiónanse, namóranse, denuncian, contan, son crueis e, deseguida, tenros…A sensibilidade está presente ao longo de todas as páxinas. Ana María Machado sabe moi ben para quen escribe (ollo! para adultos, tamén, eh?), coñece perfectamente a psicoloxía humana e comprende a necesidade de que a LIX sexa sólida e sexa LITERATURA, por riba de todo. Conségueo. Claro que o consegue, como leva conseguídoo durante tantos anos.
 
Con Ana María Machado en Baeza
Ana María Machado xa pertence a ese grupo especial dos considerados clásicos da literatura infantil. Calquera dos seus libros é unha recomendación magnífica. E este, que vendeu, máis de dous millóns e medio!!! de exemplares no Brasil non é unha excepción. Un grande acerto da Editorial Galaxia, a súa publicación.

                                                                                                                         ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

jueves, 21 de noviembre de 2013

PASEO POÉTICO (VI) Con María Canosa.




Estaba sentado nun banco de pedra ollando o mar.
Fixábame nas ondas. Semellaban durmidas. As gaivotas pairaban cortando un ceo azul manchado por algunha nube caprichosa.
Pero o mar roncaba. Ou, alomenos, iso parecíame a min. Un ruído xordo detonaba no aire. Non sei se os paseantes que por alí andaban decatábanse do feito. Mais eu estaba seguro. Si, o mar roncaba.
Estiven naquel banco ben de tempo. Eu lía poemas de Rafael Alberti, que consegue enfeitizarme cos seus poemas mariños:

El mar. La mar.
Rafael Alberti
El mar. ¡Sólo la mar!
¿Por qué me trajiste, padre,
a la ciudad?
¿Por qué me desnterraste
del mar?
En sueños, la marejada
me tira del corazón.
Se lo quisiera llevar.

Padre, ¿por qué me trajiste
acá?

Dende logo que a min a marusía envolve o meu corazón e turra del como se mo quixese roubar.
Tras permanecer un tempo indefinido pousando os meus ollos na marea, decidín dar un paseo literario. Despedinme das ondas que se convertían en escuma e do poeta gaditano e, coa miña carteira sempre chea de libros, dirixinme á alameda que estaba ateigada de rapazolos corricando como paxariños dun lado a outro.
  
Case sen me decatar, os meus pés leváronme cara á Avenida Ronca o mar, precisamente. Unha avenida poética que, xustamente, bordea o mar. Outra vez esa masa inxente de auga salgada que me chamaba cos seus ronquidos.
 
María Canosa
E foi naquel paseo onde me atopei cun ser marabilloso, tenro, intelixente. Era María Canosa. Ela, algo tímida, pareceu recoñecerme e dixo en voz alta:

Ronca o mar,
feren as ondas cos seus dentes,
escacha a escuma,
verque o sal…

Eu levaba o seu libro, tireino da carteira e acariñeino docemente.

Xa non había dúbida: o mar estaba a roncar. Saudámonos con agarimo e comezamos a andar co recendo salgado que enchía a Avenida.  Eu referinlle, coas páxinas movéndose polo vento, nese momento, maino, o seguinte: Rouca o mar ao lonxe e engadín: Mentres nós, agardamos. María é moi agradable. Cando me decatei, levaba da man a Aniña. Eu pensaba que non andaba. Agora, se o penso, xa non estou tan seguro… Deixémolo así. Eu fíxenlle á meniña un aloumiño mentres lle dicía: E o mar bate nas caras / que son de caramelo. María permanecía atenta á conversa e comentou en voz alta: Ferve o azucre nas fazulas, / o sal proe / e esgazámonos a pel coas unllas, / crebando o horizonte, vermello. Fermosas e duras palabras. Poesía pura. Encantáronme eses versos. Non puiden estar calado e díxenlle que eu “soñaba en silencio, baixiño / fico no mar, / que roxe con forza / contra os penedos, / e estoupa no aire…” E quedei calado. A nena ollábame un pouco confusa. María pasoulle a man pola cabeza e, tras mirarme, púxose seria ao dicir: Golpe de morte, / forza do vento. / Peta o mar nas ás das gaivotas; e ronca ao lonxe. Si, María, ao lonxe, farfullei. E deseguido volvín  falar: “escoitamos como a noite / creba as nosas faces… e detívenme. Magnífico poemario, pensei coa mirada posta no horizonte. Borrei do meu campo de visión as dúas meigas. Sentín como uns anxos non eran quen de voar malia que batían as ás.  Case os vía entre as nubes brancas. Referíndome a eles pregunteille interesado:
-                                        E as súas ás teñen plumas?


Ela contestoume que pesaban, que pesaban, que pesaban e que os anxos caen / escachan onda ti, / onda min. E Aniña miraba para nós, cunha cara de anxo, precisamente. E sinalando a rapaciña afirmei: Ela é un anxo que abraza, que ten un sorriso enfeitizante, que engaiola. Sorriu María. Sorriu a nena, como se entendese as miñas verbas. E pensei no ronquido dos náufragos, as ilusións dos inmigrantes escachadas no espello do mar, a loucura das pateiras, a vileza das mafias, nos corpos exhaustos que dormen nas areas das praias.O seu berro, comenteille a María, é máis rouco ca o do mar.
María, toda tenrura, asentiu coa cabeza e recitou : Caen no profundo, / mentres ao lonxe, / ronca o mar.  Calamos a boca os dous. O vento principiaba a zoar, tratando de acalar os ronquidos mariños.


Sentamos nun banco de madeira da Avenida.

Volvín a fitalas e dirixíndome a María pregunteille se me permitía recitar en voz alta un poema moi belido do seu libro. Afirmou en silencio coa cabeza. Aniña pousaba a súa mirada con dozura no rostro da nai. Eu recitei lendo:

Pasan as horas
mirándonos aos ollos,
doéndonos por dentro
           ata o fondo da escuridade,

          ata o máis interno
          do cerne do peito,

          ata que os nosos ollos,
          enfermos de tanto buscarnos,
           non atopen o mínimo indicio de tenrura.

                                    Xa ninguén sabe se existe a beleza,
                                    a frialdade ou a paixón.

Como me gusta este poema!

María permaneceu muda durante uns segundos que se fixeron eternos. Aniña sorría á marxe do que ocorría ao seu redor.

Daquela, a poeta pediume o libro e leu:

Somos albatros
brancos e grises.

Navegantes solitarios,
evitando naufragar
lonxe da ribeira.

Tamén nós
Aniñamos no chan.

Precioso estoutro poema, na súa voz.

Comezaba a anoitecer. O tempo pasara raudo, veloz. Erguérase unha brisa algo fría. Sería tamén un poema emerxendo dende as areas? Quizais. Mais non nos detivemos a averigualo.

Despedímonos con simpatía. Fíxenlle unhas garatuxas á nena. Vinas marchar pola Avenida. Eran coma dúas sereas saídas do mar que agora parecía silencioso.

Eu quedei no banco e comecei a ler, desta volta, para min:
Tampouco hai estrelas no ceo. / Un arao romeiro / meteunas en nasas para, / ao seu carón, / poderse quentar.

Pechei os ollos e retornei a Rafael Alberti que, en soños, me dicía: Si mi voz muriera en tierra, / llevadla al nivel del mar…


Poema manuscrito de Rafael Alberti


                                                                                                     O POETA PASEANTE