lunes, 25 de febrero de 2013

A luz das palabras (14) Paco Martín



Paco dedicando un libro na súa casa. Con Susi, Ánxela e Alba

O primeiro libro que lin de Paco Martín custoume 280 pesetas no ano 1982. O seu título: Muxicas no espello. Estaba editado por Edicións Xerais de Galicia, na súa colección Ventobranco. Sorprendeume e gustoume. Eran como minirrelatos de carácter poético e crítico. Ilustrado por Xoán Balboa (como non!), Carlos Casares, no limiar, facía alusión a unha novela, No cadeixo, “que o revelara como un dos narradores  máis orixinales, finos e sensibles da literatura galega moderna.” Casares lía moi ben e no ano 1983 saíu a nova edición, editada por Galaxia, merqueino e fiquei impresionado. No momento que escribo isto, estou a relelo. Paco Martín escribe de marabilla. E faino nun galego con recendos da fala popular, cunha linguaxe moi rica e moi ben empregada. É quen de contar a miudeza da vida, iso si, dun xeito irónico, como é el, e artellar novelas enxeñosas que permiten, tanto á xente nova coma aos adultos, saborear a boa literatura sen adxectivos. Iso aconteceu, por exemplo, con Das cousas de Ramón Lamote (Ed. Galaxia/SM. O barco de vapor). Para min foi a constatación dun feito: estabamos diante dun dos grandes escritores da nosa literatura.  Esta obra, protagonizada por un profesor de chairego, resulta moderna. É de lecturas múltiples e faise atractiva  para calquera clase de lector.Nela, mestúranse personaxes fascinantes que se moven entre a fantasía e a realidade, o humor, a tenrura e a ironía con que o autor "agasalla" a esta sociedade nosa. Con esta obra, gañou o Losada Diéguez en 1985 e o Premio Nacional de Literatura, un ano despois. Eu vexo a Paco Martín coma un discípulo de Cunqueiro e Fole, que logo atopa a voz de seu e consegue facer unha literatura de moita calidade. Posúe unha voz literaria fonda, que non pasa inadvertida , que che fai volver a cabeza e abrir os seus libros para gozar deles.  Pura literatura escrita que, ademais, provoca verdadeira delicia escoitar parágrafos oralmente. Paco é un gran contador de historias. Como é na súa vida cotiá. Paco é unha persoa amable, aberta e agarimosa.  Escribo libros porque é algo que me resulta divertido e, ademais, axuda a facer amigos.Palabras que podemos ler en “Cando o autor fala de si” no seu libro Sevando I , rei do mundo enteiro (Ed. Xerais. Col. Merlín) e que definen con claridade o seu carácter. Paco é, ademais, un home simpático, un gran conversador, dos que case non quedan, que che fai rir coa morea de anécdotas que conta, inventa ou reelabora. A min, paréceme das persoas máis honestas que atopei no mundo da literatura. Coñecelo foi un pracer. Compartir con el camiñadas por certos treitos do Camiño de Santiago, algo gozoso. Admíroo moito e quéroo, como quero a Ánxela, a súa dona, todo un exemplo de discreción e dozura.Pero levo moitísimo tempo admirándoo. Non podo expresar aquí a ledicia que significou  para min editar, na compaña dos meus colegas, o seu libro Lembranza nova de vellos mesteres, número dos da colección Árbore, alá polo ano 1988. Mais non debemos trabucarnos. Paco Martín é inflexible contra todo o que atenta contra a dignidade do ser humano. Contra o que fere. Contra a necidade.E quero dicir, ademais, que houbo máis vida despois de Ramón Lamote. Máis títulos, unha chea de colaboracións en xornais, revistas etc.  e un segundo libro, magnífico, co profesor de chairego anos despois.Tampouco non me esquezo dun libro que utilicei moito, ¿que cousa é cousa...? Libro das adiviñas. (Ed. Galaxia.1985), un dos libros máis completos que lin nunca sobre esta mostra da tradición oral. Paco Martín é un home que che alegra a vida cando estás con el, que nos abriu a súa casa para que compartísemos con eles un anacos da súa vida, que nos levou por Lugo e nos contou vivencias moi curiosas.
E antes de que leamos o texto, Saberes, que nos deixou para Versos e aloumiños, publicado, no seu momento en El Progreso, na súa columna habitual, permitídeme que remate con tres faíscas, con tres muxicas no espello que me permitiron coñecer e admirar a Paco Martín hai ben de anos.



A MULLER

A muller que foi á feira para vender ovos, namorouse do rapaz que vendía bonecos de madeira. Pro decidiu esquecelo. Non quería máis fillos.

O PARVO

Os homes da taberna berrábanlle ao parvo para que non fose de noite polas fragas. 

Dicíanlle:
- Vaite comer o lobo.

Ó parvo gustáballe o viño e non tiña medo do lobo, porque o parvo non razoaba.

Pro  tiña medo dos homes da taberna.

O POETA 

O rapaz sentouse e dispúxose a escribir unha poesía.
Levaba un bó pedazo pensando no que quería decir.
Colleu o lápiz e puxo:
"A la sombra callada de un suspiro la encontré..."
Roeu no lápiz; prendeu un pitillo e xa non fixo máis porque comenzou a pensar nas oposicións a policía segredo.
 
                                                         
Con Antonio onda o recordo da homenaxe que a AELGA lle fixo en xuño de 2012

                                

                                Saberes 
                                                                                             

            Non é esta a primeira vez que aproveito aquí algunha das anécdotas protagonizadas polo Felipiño, aquel cativo miúdo e espelido de enormes e expresivos ollos claros, que coñecín na miña estrea como mestre de escola rural e do que tanto eu aprendín. Del e mais das súas compañeiras e compañeiros, que aqueles eran tempos de familias numerosas e aulas (?) ateigadas. O Felipe do que falamos aínda non fixera os seis anos, que era daquela a idade mínima regulamentada para que lle fose permitido o ingreso no ensino primario, pero estaba xa na escola –e non era o único- polo que hoxe poderiamos chamar razóns sociolaborais e a súa espontaneidade e dilixente entrega ao traballo axudaba a aledar o ambiente e mesmo servía de estímulo a outros alumnos.
Un día, a pouco de comezar o curso e sendo xa á tardiña, entrara o pequeno no único comercio da aldea, que tamén era taberna e algo pousada, na procura dun mandado que lle encargara súa nai. Había alí dúas mulleres que viñeran mercar algo e sete ou oito homes que xogaban á baralla e falaban da vendima. Un deles dirixiuse ao cativo: “Oi Felipiño, seica xa vas á escola.?” “Vou”, e na voz coñecíaselle certo orgullo. “E logo xa saberás moito?”, insistiu o paisano. O neno cavilou uns segundos antes de contestar: “Si señor, sei... Agora, se queres que che conte verdade, o que si que sabe é o mestre, ese sábeo todo...” Riron os alí presentes e sorrín eu, que escoitaba desde a cociña onde estaba a escribir algunhas cartas. Despois, para o meu asombro, non houbo máis comentarios e, ao parecer, todos tomaran a inocente afirmación do pequeno con absoluta naturalidade. Ninguén mellor ca min podía comprender o enganado que o rapaz estaba, pero como nunca souben como había facer para desenganalo sen que ningún dos dous quedara desencantado, acabei esforzándome todo o posible por parecer que si, que el tiña algo de razón e facerme así merecente do seu respecto e, de paso, tamén do dos demais.
Asistimos aos intentos que se están a facer para situar aos mestres no espacio social preciso para que as cousas do ensino marchen mellor do que actualmente están e vólveme á memoria a anécdota aquela. Non sei que foi de ti, amigo Felipiño, pero non creo enganarme moito se supoño que os dous estamos a pensar que esa mesma sociedade que agora se lamenta foi a encargada de decidir que hoxe todo dios saiba máis que o que o mestre sabe para así dispoñer atallos nun camiño que, para ben ser, cómpre andar enteiro.
Tamén, estou seguro, ambos os dous lle desexamos toda a sorte do mundo a canto se faga para que todo isto mellore e sabendo sempre que estas non son cousas que se poidan amañar se cada quen decide labrar o seu propio eido.



Con Xabier P. DoCampo, unha parella inigualable.
      
 Grazas, Paco. Por aquí se vos quere moito
.                       

viernes, 22 de febrero de 2013

Un libro para ler e escoitar de Beatriz Fraga




Estás, como case todos os días, na libraría. Estás na sección de libros en galego. Estás na procura daquel título que desexas levar á túa casa porque alguén cho recomendou.Estás folleando algún de poesía. Estás no medio dun mundo tan apaixonante para ti. E tras moitos estás , aparece  alguén que te coñece e ponche un libro nas mans. Un libro que non está dirixido a ningunha idade en particular. Momento de sorpresa. Colles o libro, xa máis consciente, e les o título: O Rei Portador e outras historias, de Beatriz Fraga  (Euseino? Editores.2012). E resulta que ti coñeces a Beatriz, pero non a Fraga (enténdase ben, estamos a falar só de apelidos). Decides mercalo. E curioso:  a autora está na libraría folleando uns libros. Dimo a libreira. Fico sorprendido e moi contento. Tenme pasado máis dunha vez.  Achégome a ela. Doulle dous bicos co libro na man. Pídolle que mo dedique. “Vou levalo”, dígolle. Ela, coa súa modestia, resístese a que o merque . Eu négome inflexible. Á fin consigo que mo dedique. Parece sentirse algo violenta. Non sei a razón. E escribe unhas palabras que me encantan:  Para Antonio García Teijeiro, pola musicalidade dos seus poemas, con agarimo. Falo un pouco con ela, alégrome moito de que se decida a crear con maior continuidade, inclúo o seu libro entre outros que tiña reservados e marcho. Lereino en canto remate unha novela de Jordi Sierra i Fabra. E así foi. Rematada a novela do meu amigo, abrín O Rei Portador e outras historias. Vin que as ilustracións eran da propia autora. Fenomenal. E ,tras a primeira delas, atopo un pequeno texto de Platón, Timeo 23 b, que di: Dese xeito, desde o principio volvedes ser outra vez coma nenos, sen saber nada do que, nin aquí nin entre vós, aconteceu nos tempos antigos.Fermosa palabras dun texto máis amplo que figura nunha das lapelas. E, ademais, toda unha declaración de intencións. Leo o libro dunha tirada. Hai certas obras que eu sinto cálidas. Obras cuxa lectura me deleitan. Teño unha grande intuición para iso. Eses libros léoos na cama cunha pequena lámpada, para non molestar a quen dorme ao meu lado.  Este libro conseguiu entrar nesta categoría. A categoría dos que aloumiñan e les con pracer. É un libro escrito cunha prosa limpa, cunha cadencia ben medida, cunha linguaxe nada afectada, moi natural.  Son historias moi ben contadas polas que pasan  Atlas, Atenea, Odiseo, o cabalo de Troia, o Coloso de Rodas, Ptolomeo III ou Berenice.” Historias que”, en palabras da autora, “naceron dun xeito inesperado, sendo a primeira  A torre que quixo acadar o ceo, que xurdiu despois de mirar atentamente o cadro de Pieter Brueghel, O Vello, A gran torre”. Historias baseadas nunhas lendas que veñen de lonxe e que aterran, nos nosos días, frescas e próximas, da man de Beatriz Fraga. Historias contadas con enerxía controlada, con sinxeleza , que non con simpleza, e que reforza no lector ou lectora o gusto por ler e, mesmo, por escoitar, dada a sonoridade do estilo empregado pola autora. Si, porque eu considero, dende o punto de vista de lector, que este libro posúe tres características importantes: lese con moito agrado, ten un  gran sentido da oralidade e percibes  nestas lendas un discurso, en moitos momentos, completamente actual.Non perden vixencia. Cando rematei, sentinme moi ben. Quería máis historias. Iso fala moi ben do libro. Gocei con el e sentinme acariñado polas súas verbas.
E remato dicindo que Beatriz Fraga é mestra de Educación Infantil no “CEIP García Barbón” de Vigo. Que ama a palabra en todas as súas versións, que traduce textos variados e que no 2009 esta muller nacida en Carballo publicou Marcelo o morcego  na colección Tartaruga da Editorial Galaxia. Como non o teño, mercareino na miña libraría.
Parabéns, Beatriz. O teu libro arroloume con agarimo e esa noite durmín moito mellor.


                                 ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO




miércoles, 20 de febrero de 2013

A luz das palabras (13) Mar Guerra



Mar Guerra
Coñecín a Mar Guerra lendo o seu magnífico libro, gañador da XXIIIª edición do Premio Merlín, Xenaro e o misterio da mochila verde. Encantoume esta historia por diversos motivos: o dominio da linguaxe é incuestionable. Iso permítelle xogar con ela dun xeito moi enxeñoso. E ademais introduce o humor, co que fai que sorriamos en moitas páxinas do libro. Fala da amizade nas súas variadas maneiras nas que aparece no noso mundo real. E a min resultoume unha novela moi tenra, con aventuras e que nos fai reflexionar sobre a diferenza.  Lembro que lera unhas opinións súas no Faro de Vigo tras acadar o premio: Os máis pequenos aínda están a tempo de recuperar a decencia e a dignidade. Para engadir despois: Xenaro é un rapaz ao que lle gusta xogar coas palabras e ler. O que quero reivindicar é que ser diferente non é ser distinto nin estraño, senón especial. Fermosas verbas que subscribo completamente.Quedei moi impresionado e feliz de que obtivese este galardón. Pero non a coñecía persoalmente. Terá que ser, pensaba eu, unha muller máis que interesante para falar con ela. Vivimos unha época de individualismo terrible e poder falar con persoas que pagan a pena é un tesouro. O seu libro semellaba que as cousas poderían ir por ese camiño.
O destino xuntounos dous anos despois. O Premio Merlín cumpría as súas XXV primeiras edicións. E, dende a editorial, decidiran que estaría ben que o xurado o formasen cinco gañadores do certame nesta ocasión. Por este motivo, reunímonos no castelo de Soutomaior, a representante de Edicións Xerais, Helena Pérez e os escritores e escritoras Jacobo Fernández, Gloria Sánchez, An Alfaya, Mar Guerra e mais eu. Foi nesta primeira xuntanza cando coñecín a Mar. Encantadora, xovial, xa dende o principio, caeume de marabilla. Tras desa primeira xuntanza, tiñamos unhas datas despois, o momento da decisión final na sede da editorial. Como quedaramos en Soutomaior fun buscala ao hotel onde se aloxaba. Baixou riseira con Xenaro e a hucha do indiano, outro libro do seu engaiolante personaxe e agasalloumo. Fomos andando un bo treito e non deixamos de falar. Eu sabía que residía na Coruña, que era Licenciada en Ciencias da Información e que traballara para distintos medios de comunicación, agencias de noticias e emisoras. Mentres andabamos fomos falando da vida, da literatura en xeral, do mundo literario e dunha sociedade que a ningún dos dous nos gustaba. Un paseo fascinante que se repetiu á volta, despois de rematar a xuntanza final que outorgou o premio ao libro de Teresa González Costa, A filla do ladrón de bicicletas.Non me trabucara na miña sensación de que Mar era unha muller de conversa fácil pero fonda. Coido que houbo química entre os dous. Dende aquela, porque houbo afecto, seguimos en contacto por correo electrónico. Mar é moi sensible e contaxia optimismo sen estridencias. Se precisas dela sempre podes agardar a súa proximidade. Hai que ver que correos tan afectivos me envía! E, ademais, que ben escribe esta muller! Un día envioume Manorroja, un libro seu escrito en castelán.(Edebé, 2010). Volvo dicir: Que ben escribe esta muller!  Non hai moito recibín dedicado unha xoia, Señor Meco (Ed. Xerais. Merlín.2012), unha desas historias que pican no corazón do lector e, cando o rematas, sentes unha sensación deliciosa de acougo.
Vémonos na Illa de San Simón, nos Premios Xerais, e a alegría resulta evidente.Eu son feliz cando recibo os seus correos cálidos dunha muller agarimosa, amable, amiga, que escribe cun estilo literario indiscutible, tanto nos temas escollidaos da vida mesma como na forma. Si, pura literatura, sen dúbida.
E hoxe Versos e aloumiños deixa que ela nos conte o que lle apeteza. Pura humanidade.

Con Antonio na Illa de San Simón




Unha achega mándame facerlle Antonio


Acordades aquela encarga dun soneto que lle fixo ao Lope de Vega unha tal Violante? E como se aprestou el a cumprir co mandado da suposta dama malia confesar de entrada que nunca noutra tan gorda se vira denantes?... Agora entendedes, logo, o transo no que rebulo. Antonio mandoume facerlle unha achega para a súa Luz das palabras: a min, que encomendas coma esta na miña vida tiven de diante. E vai ser mágoa grande, e moito desproveito, porque se coa artimaña de lle dar gusto a dona imaxinaria, o fénix sacou do maxín o que ía consagrarse coma o paradigma dos sonetos, o soneto por excelencia, un exemplo inevitable á hora de falarmos de fiar hendecasílabos... ese, ai, non pode ser nin de lonxe o caso desta achega miña. Ca. Por moita leria que eu puidese chegar a matinar para compracer ao mestre –e polo camiño ver de inmortalizar estes parágrafos asemade-, coma ao enxeñoso don Félix non me ía saír de chusco endexamais o engano, que cada un é cadaquén e a que abaixo asina aínda non pasou duns cantos libros publicados. Iremos aló, así e todo, que burla burlando xa vai un bo esborrancho. Seica teño eu que falar de poesía, polo tanto. Ou era de literatura, quizais, ao cabo a mesma cousa, só que máis a monte ou menos fina. Poñamos que había de opinar arredor da escrita en xeral e acabouse. O labor de ensarillarmos palabras con xeito e sentidiño, coido que tal debe de ser o propósito. O que se di unha reflexión persoal pero transferible co gallo desas letras amoreadas enriba dun papel ou dentro dunha pantalliña que damos en chamar escritura, nunha palabra. Ten o seu aquel, a tarefa, e como ben mandada de todo non son, empezarei por declarar o meu abraio diante desa teima callada de lle chamar oficio a isto de xuntar letras, ora prosaicas ora poéticas. Porque traballiño xuntalas dá, pero de comer pouco e mal. Ou a tolería igual de enraizada no común de que os escritores, vates ou non vates, buscan gloria na terra e posteridade no alén, cando do anonimato máis absoluto libran catro nomes contados, e aínda por riba tres son sempre españois e o cuarto catalán, e ademais non escribe ningún para rapaces, que todo o Olimpo sabe que a boa literatura, a de verdade, esa que vai con maiúsculas, non é contiños de femias para non crecidos, senón unha arte propia e exclusiva dos homes adultos. O que me leva a esoutro ruxerruxe tan simpático e estendido sobre a satisfacción que dá isto da escrita, das alegrías que che mete, do moito que engancha ceibares por personaxe interposta canto pensas e sentes; ese privilexio que tes de teu, oh afortunado –dito sexa todo seguido e abreviando. E se llelo parece, bendición a escritura haberá de ser, pero algún dos envexosos do noso tería que me explicar como pode constituír unha sorte ou vantaxe ou lotaría estar a desbaldir a vida diante dun caderno ou dun ordenador, afastados do mundo e as súas tentacións, sós e illados, penando decote fronte a sintaxe e mais a ortografía... Non. Non tal. Nego a maior. Discrepo. Xuntar letras, escribir, non é oficio nin beneficio, moito menos glorioso e menos que nada gozoso. De non se ter por actividade voluntaria e abrazada libremente polos seus confrades, de ser, sería unha cruz. Mais eu prefiro crer que a literatura, sexa ensaio, poesía ou drama, feita a man ou lida, pirateada o pasada por caixa, é diante de todo paixón, abismo, un imán, vicio. Lévala dentro ou non a levas, pero se che gana para a causa, xa non te ceibas. Posúete. Convértese no bafo do teu alento, tres de cada seis batidos no peito, a boca do estómago, cuarto e metade das tripas que enches e as túas parellas de neuronas por xunto todiñas todas. Iso é a escrita, a literatura, a poesía. É así e non hai que lle faceres. Outra arteria de teu que che dá folgos, unha vena de máis que te limpa os humores. Tal é o que eu sinto. O meu pensamento. E quero crer que, mal que ben, enche de vez o mandado de facerlle unha achega que me pedira Antonio. Agora contade vosoutros se é que acheguei algo, e queda feito.

UNHA PASAXE DE ALGÚN DOS MEUS CONTOS

 Xenaro, meu rei, os poderosos, os tiranos, adoitan pensar que, en efecto, os libros supoñen unha ameaza. Mesmo os prohiben ou censúranos. Sabes por que? Porque os libros nos aprenden a ser libres. As nosas lecturas achégannos coñecemento, sabedoría, cultura, criterio, e daquela permítennos ter unha opinión e decidir. Elixir con coñecemento de causa, se queres... Mais por outra banda, ruliño, non esquezas que, ao cabo, un libro non deixa de ser máis ca un libro, non é?

Xenaro e a hucha do indiano (Xerais, 2010)

Mar Guerra nas Tablas de Daimiel