Mostrando entradas con la etiqueta xaquín marín. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta xaquín marín. Mostrar todas las entradas

domingo, 19 de junio de 2016

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS ( L) : Manuel María (2)




                MANUEL  MARÍA (2)  (Outeiro de Rei, 1929 – A Coruña, 2004)




A CIDADE



A cidade ten Castelo
Manuel María
e muralla medieval,
o museo –hai que velo!-
e unha rúa principal.

Que conxunto tan fermoso
con igrexas e xardíns
e cun río caudaloso
beireado de xasmíns…!

A cidade ten cafeses,
whisky-clubs e polución,
cemiterio con cipreses
e un fermoso Malecón.

A cidade ten escolas
e ten cines e teatros.
Ten douscentos parvacholas
e trescentos maragatos!

A cidade ten paseos,
barrios vellos, arrabais,
chabolismo, rañaceos
e gardas municipais.

A cidade nunca tivo
nin industria e desenrolo,
só un comercio cativo
e o seu consabido tolo…!




O SEMÁFORO


O semáforo
é un couso
medio garda,
medio guía,
medio monstro,
medio espía.

O semáforo
é un ollo
matemático,
inflexíbel,
inhumano,
case terríbel.

O semáforo
é unha flor
ateigada
Ilustración de Xaquín Marín
de ledicia,
traspasada
de color.

Os sinais
do semáforo:
verde-chumbo
e vermellón
ditan leis
ao peatón,
ao turismo
e ao camión.

O semáforo
é unha luz,
unha acesa
claridade
que ilumina
docemente
a tristura
da cidade!




A FALA


O idioma é a chave
con que abrimos o mundo,
Ilustración de Xaquín Marín
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o cóitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós,
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
máis grande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte de que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
Precisamos a lingua
se queremos vencer!





(Do libro As rúas do vento ceibe, corrixido polo autor e reeditado pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos, 2015)