Mostrando entradas con la etiqueta urco editora.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta urco editora.. Mostrar todas las entradas

lunes, 4 de marzo de 2019

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXII): "Sopa de Estrelas", de Pepe Cáccamo











                                           PEPE CÁCCAMO  (Vigo, 1950)








Pepe Cáccamo (Foto Kalandraka)
UN VERSO PARA CANTAR
A CANCIÓN DO UNIVERSO.

                   UN POEMA
PARA SOÑAR CO SISTEMA SOLAR.





SAÍRON OS PLANETAS
  DUNHA MALETA?

    NON. QUE NON.
        ELES SON
ANACOS DE EXPLOSIÓN
DUNHA NEBULOSA ROSA.
 



NO VENTO GRIS DE GAS
 QUE VÉN DE MARTE
  UN DÍA CHEGARÁS
A ALGUNHA PARTE.




SATURNO, FÍXATE NEL.
     SERÁ DE SAL,
Ilustración de Berta Cáccamo
     SERÁ DE SOL,
     SERÁ DE MEL
A LUZ DO SEU ANEL?




VOLTA, VIRAVOLTA,
  BRINCO, PIRUETA,
BAILE DO PLANETA.


    

NON TE METAS,
      NON TE METAS
NA LEA DOS PLANETAS.
Ilustración de Berta Cáccamo

DEIXA QUE XIREN E DANCEN,
QUE SE AFASTEN E SE ALCANCEN.

      MÍRAOS DESDE A TERRA
XOGANDO Á GUERRA.





NEVA EN  VENUS, NEVA, NEVA
   NOVENTA DÍAS NO ANO.
O VENTO LEVANTA E LEVA
AS FOLERPAS PARA URANO.





(Do libro Sopa de Estrelas, editado por Urco Editora, 2015)

domingo, 28 de enero de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (40) "Xandra, a landra que quería voar", de Mercedes Queixas Zas e Paula Pereira Carreiro





TÍTULO:  Xandra, a landra que quería voar

AUTORA:   Mercedes Queixas Zas


ILUSTRACIÓNS:  Paula Pereira Carreiro


EDITORIAL:  Urco Editora


Álbums ilustrados coma Xandra, a landra que quería voar, de Mercedes Queixas Zas e ilustrado por Paula Pereira Carreiro, son os que me enchen de felicidade cando ven a luz. Un álbum, este, que cumpre os requisitos que eu lles esixo aos libros dirixidos ás primeiras idades: claridade expositiva, linguaxe coidada, historias sinxelas ben artelladas, posibilidade de dobre lectura ,facultade de facer pensar e que as imaxes estean ben coidadas.

     De todo isto hai neste álbum editado por Urco Editora. Mercedes Queixas, con sensiblidade e intelixencia, artella unha narración orixinal: unha landra, que agarda o momento de descender polas pólas das árbores, resístese a caer e desexa con todas as súas forzas poder voar. As demais landras esfórzanse en que desista da súa idea, pero Xandra non se dá por vencida.
     
Mercedes Queixas. Foto de Mariña Ramos Queixas

     A protagonista soña, non quere ser coma as demais e loita por ser dona do seu destino. Voa coa ollada e imaxinación cara ao inmenso ceo da devesa. E, pasada a primavera e mais o verán, Xandra nunca esqueceu un segredo que coñecera a través da súa amiga, unha sabia andoriña e que só ela coñecía.
     
     Este é un relato que se desenvolve, como podemos ler, no Courel. Todo el está contido nun medio natural que serve de escenario para que a historia  teña cor e teña identidade. A paisaxe,  coas árbores e toda sorte de paxaros xoga un papel imprescindible para entender moito mellor esas arelas de liberdade da protagonista e consegue un ambiente natural que se agradece. Todo isto nun marco cromático fermoso. Con cores vivas, figuras de trazos planos ben expresivos, limpeza de formas e espírito alegre, Paula Pereiro consegue un discurso aberto que permite dialogar co texto da autora. As súas ilustracións teñen moita vida e son moi nidias.
 
Paula Pereira Carreiro
     
     E se falamos do Courel, non pode faltar unha referencia ao extraordinario Uxío Novoneyra. E fica patente, xaora, nesas liñas que din que Xandra ollaba sen descanso o ceo, na procura da amiga andoriña, que chegara no comezo da primavera, canda o canto do cuco, para aniñar disimuladamente no balcón da Casa do Poeta.

     
A casa de Novoneyra no Courel. Foto toamada do blog "O Courel foto a foto"

     En definitiva, que estamos diante dun álbum magnífico para compartir lectura cos rapaces e rapazas das primeiras idades ( e adultos), establecer con eles un diálogo interesante, do mesmo xeito que Mercedes e Paula o fan a través das palabras e as imaxes.

     
     Libros coma este son os que fan que a literatura prenda nos lectores e lectoras teñan a idade que teñan. Son imprescindibles para que a nosa LIX sexa valorada xa dende o principio.  Fornecen o cada vez máis amplo catálogo de obras que convidan a saborealas dende os primeiros intres das nosas vidas.

                                                                                                    ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO