Páginas

viernes, 21 de abril de 2023

AUDIO DA CONFERENCIA DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO SOBRE POESÍA NO "IES Carlos Casares", de Vigo. Abril, 2023

En plena conferencia



Encántame ir ás escolas e aos institutos para falar de poesía co alumnado, para partillar coa xente nova as emocións que os versos conteñen. Para oír os nenos e nenas recitar, para velos representar, para escoitalos cantar eses poemas que lles chegan de verdade.

Moitos queixámonos de que non se le poesía. É certo.

Sempre mantiven que os adultos -en xeral- lle teñen moito medo e danlle as costas.

O alumnado precisa de mediadores ou mediadoras que lles contaxien con paixón e convencemento as bondades dos textos poéticos.

Nunca falla: cando hai mediadora, os rapaces e rapazas gozan e vibran coa poesía. Nótase no ambiente.

Isto aconteceume, a finais do mes de marzo, na miña visita ao IES “Carlos Casares”, de Vigo.

A profesora, Noa García Garrido fai a presentación


Axiña comprendín que había unha mediadora que amaba a poesía. Noa García Garrido, profesora do centro, reuniu un bo número de alumnos e alumnas de bacharelato (e algún de Secundaria) para manter un encontro con eles. A súa man era evidente que estaba presente nestes mozos e mozas que xa amaban a poesía. Ben que me dei conta.

A experiencia non puido ser mellor. Atentos/as, respectuosos, interesados, notei que as palabras que lles dicía penetraban no seu interior.

Foi unha conferencia das que che deixan un sabor inesquecible.

Impresionante ambiente, moi cálido e cun agarimo cara á palabra poética realmente excepcional.

 

Un momento do acto

Versos e aloumiños non podía deixar escapar a oportunidade para compartir cos lectores e lectoras o meu discurso no centro.

Así que, prezadas amigas e amigos, embaixo queda o audio da miña intervención, por se vos presta escoitala.