lunes, 11 de abril de 2022

REMUÍÑO DE LIBROS (78): "O bosque do duque (´s-Hertogenbosch)", de Fran Fernández Davila.

 



TÍTULO: O bosque do duque (´s- Hertogenbosch)

 AUTOR: Fran Fernández Davila

 EDITORIAL Galaxia

 

 Hai unha certa caste de novelas de fantasía que removen as entrañas e marcan tendencia cara ás inquedanzas que, como seres humanos, precisamos posuír. Non me gusta a fantasía porque si. Ás veces é moi baleira e fica ancorada en foguetes artificiais que non conducen a nada.

      Un dos exemplos que sempre seguín como lector de libros fantásticos comprometidos coas persoas foi, é e será Michael Ende.

Na literatura galega interésame o universalismo das historias. Que sexan moi nosas e que, á par, poidan ser entendidas por persoas doutros lugares. Literatura aberta ao mundo.

Isto é o que me atopei cunha novela magnífica de Fran Fernández Davila.

      Editada por Galaxia, O bosque do duque (´s-Hertogenbosch), conta unha historia a cabalo da realidade e da fantasía que nos atrapa e nos induce a sentir todo aquilo que os protagonistas senten.

Sabine, Wilko, Jeroen e Anja son catro amigos inseparables. O día do seu décimo aniversario Sabine recibe un agasallo misterioso. Un agasallo -ou dous, co lapis de bolboretas- que os vai levar por terreos descoñecidos nunha aventura frenética, delirante e que poñerá patas arriba as súas conciencias de xente nova.

      Absorbidos tras un furacán pola porta máxica do concello, os catro amigos emprenden unha viaxe incerta ateigada de situacións descoñecidas para eles, con reivindicacións varias (entre elas a palabra galega) e personaxes incribles, que os van axudar e, por outra parte, outros que lles poñerán unha chea de trampas para que non acaden un dos obxectivos: chegar a un castelo e salvar a raíña.

      Quen son os rozadores? Quen Quercus, Chrys, a rapaza-peixe? Que queren dicir esas palabras galegas que aparecen nalgunhas árbores? Quen son Canilonga ou Amaro? E un tártalo?

        Unha novela de aventuras que sinala. Detrás da fantasía está unha realidade que é criticada: o mal uso social do galego, o concepto de “mercado” que todo o quere xustificar, a queima das fragas para lograr maiores beneficios, a amizade ben entendida, a solidariedade, a importancia da familia ou  a capacidade de chegar a coñecer a fortaleza que os personaxes posúen e non eran conscientes…

Todo se desenvolve entre unha cidade dos Países Baixos e o mundo que se atopa tras as portas máxicas. Un mundo descoñecido e misterioso.

       Novela en 44 capítulos todos eles encabezados polas definicións de árbores que, á súa vez, levan pequenas lendas arredor de cada especie arbórea que enriquecen o texto. Un sinal da loita por preservalas da destrución das fragas. Un sinal de supervivencia da natureza.

       Fran Fernández Davila é un escritor que manexa o seu oficio con enorme sabedoría. Gañador de premios literarios tanto en narrativa coma en poesía, resulta un pracer ler os textos que escribe. Faino dunha maneira precisa, moi correcta tanto no emprego das palabras coma no seu desenvolvemento sintáctico. Unha linguaxe rica e un ritmo pausado nalgún momento fronte a outros, sobre todo no desenvolvemento da aventura que chega a ser vertixinoso.

      Os personaxes, reais ou ficticios, moi ben construídos, aparecen cunhas tinguiduras de humanidade que se agradecen. En ningún momento O bosque do duque (´s-Hertogenbosch)  devén en algo frío nin perde as súas raíces galegas, moi ben suxeridas e moi ben desenvolvidas.

       Unha novela que non ten idades recomendadas como ten que ser a boa literatura

                                                                                                         Antonio García Teijeiro