Onte, 20 de abril, tiven o
pracer de visitar o IES “Ribeira do Louro” en Torneiros, O Porriño.
Agardábame o alumnado dos
segundos da ESO para falar e compartir cos rapaces e rapazas certa traxectoria
poética e que lles falase da miña Triloxía do mar.
Así que parolei da
importancia que a poesía tivo e ten na miña vida, como me axudou a rebelarme
contra o que me oprimía, os mundos que fun descubrindo a través dela e a
necesidade de que estea presente nas vidas das persoas.
Linlles poemas de Rafael Alberti
( o seu poemario Marinero en tierra espertou a miña paixón polo
mar literario), dos meus libros e fíxenlles un xogo poético.
Eles prepararon unha bonita
presentación de min e recitaron poemas dalgúns dos meus libros.
Na parte final do acto houbo preguntas ben interesantes.
Preguntáronme pola relación persoal entre ser poeta
e ser mestre (“estar entre nenas e nenos fixo que eu me dedicase a escribir
literatura infantil e xuvenil”), canto tempo me levaba escribir un libro (“tempo
indefinido, porque eu comezo a escribir na cabeza antes de pasar ao papel”) ou
que lle diría a alguén que quere escribir poesía (“insisir en que lea moita
poesía para acadar a voz de seu e escribir todos os días para que, como me
dixera Cunqueiro, non me limitase a ser un escritor de ocasión”).
Un encontro moi rico, co
profesorado presente, na biblioteca do centro, un respecto total ás miñas
palabras e un desexo profundo de que a poesía poida entrar nos seus intereses
persoais, actualmente como adolescentes e, nun futuro próximo, como adultos.