Mostrando entradas con la etiqueta relato. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta relato. Mostrar todas las entradas

jueves, 22 de abril de 2021

A LUZ DAS PALABRAS (87) Diego Giráldez

 





Tiñamos que escoitar de novo a súa voz, tanto literaria como humana. Esa voz que reloce neste mundo tan duro e insolidario. Porque Diego Giráldez posúe unha forza enorme que fai que te sintas disposto a loitar no eido da inxustiza. Diego non anda con andrómenas. Fai da literatura unha ferramenta eficaz -e artística- para fustrigar o que nos rodea.  E faino dende a ironía, a honestidade e a intensidade literaria.

     Dende que lin o seu libro de relatos Galería de saldos, quedei enfeitizado pola forza da súa prosa. E, ademais, pola capacidade que ten o autor para permitir que nos identifiquemos cos personaxes, eses que sentimos tan próximos, malia que teñan actitudes delirantes moitas veces e que sentimos próximos porque os consideramos dos nosos.

     A miña lectura da súa novela Hotel para coleccionistas discretos chegou a sacudirme fondamente e a fortalecer a miña opinión de que estamos diante dun escritor diferente e de grande interese.

     En Versos e aloumiños non podemos estar máis felices de que as súas palabras enchan de luz este espazo.

     Grazas, Diego, pola xenerosidade con que nos agasallas por segunda vez.



                                        Diego Giráldez       (Foto de Mateo H. Soto)



Menos mal que estás

 

                                   

                                 Diego Giráldez

 

 

 

             Gustaríame absorber toda a insurrección que flúe por baixo da area das praias. Pasar centos de miles de millóns de anos sendo arrastrado polo vento canda as cunchas de moluscos e restos de corais desintegrados e poder así formar parte da parte convexa do teu corpo. Integrarme na forma do teu esqueleto tumbado cara a abaixo e rebozado nos materiais típicos que conforman o areal. 

         Porque só podo agarrarme a ti para saír desta. Es a única que me salva da desmotivación diaria de sentirme inválido. Xa non teño vida propia, camiño pola casa deixando que as paredes marquen o meu itinerario. Por iso quero ser area de praia amotinada na túa sensibilidade, espallada e tanxible, e subirme á estrutura tan linda dos teus sentidos para recuperar o entusiasmo. Menos mal que está aquí o teu cerebro.

         Coñecinte a principios dos 90 e nunca deixei de sentir o poder desa  novidade. Sempre es primicia. Todo o que me dás a diario é innovador. Incluso o que teño perfectamente estudado: o teu sistema nervioso central, as pestanas de corchea, os muros da túa vaxina e a melena calcetada polas correntes de aire. Menos mal que está aquí o teu corpo.

         Entrei na apatía logo de ser embestido pola traizón dunha morte inesperada. O roubo. Iso provocou que a miña columna vertebral se convertese nun material brando. Notala así cando espertas non é agradable, o teu corpo non responde ao compás que debería porque a razón está desafiuzada. Fuches ti a que me desprazaba as sabas para convidarme a saltar e entrar no cuarto dos nenos para obrigarme a bicalos. Apura o café. Proba a escribir. Renace. Menos mal que está aquí o teu amor insistente.

         Que importante é que esteas ao meu carón para continuar traballando por sobrevivir. Co teu sorriso de area que, polo de agora, non leva nada de min. Mais, despois desta erosión, cos fragmentos de rochas e minerais fusionados, conseguirás por fin revolucionarme. Menos mal que estás.


                     Diego Giráldez    (Foto de María Díaz)




Se queres saber máis de Diego...


Diego Giráldez (O Porriño, 1976).  Exerceu o xornalismo en distintos medios escritos e dixitais. Ademais de coordinar varias cabeceiras, colaborou como columnista de opinión nos xornais A Nosa Terra ou Xornal de Galicia e, a través de reportaxes culturais, con El País.

Na actualidade, colabora no diario dixital Praza Pública e a revista Luzes. Fundou e dirixiu as revistas Malladoura e CanZine e ten escrito diversos libros relacionados coa arquitectura e a historia económica de Galicia.

En 2016, publicou “Galería de saldos”, o seu primeiro traballo literario de narrativa, da man da editorial Xerais. Este libro de relatos curtos, valeulle o aplauso unánime de crítica e público, sendo elixido “Autor galego do ano” pola revista Fervenzas Literarias. En 2019, publica con Galaxia a súa novela “Hotel para coleccionistas discretos” e colabora cos seus relatos en varias obras colectivas, da man da mesma editorial (O libro dos trens, A secreta melancolía da garza).

En 2010, recibiu o Premio Literario “José Saramago” de relato curto; en 2015, fíxose co primeiro accésit do Certámen Nacional de Narracións Breves “Modesto R. Figueiredo” e un ano despois gañaba o premio literario “Manuel Murguía. En 2020 quedou finalista do XVII Premio de Xornalismo “Francisco Fernández del Riego”.

 







miércoles, 17 de marzo de 2021

A LUZ DAS PALABRAS (85) Andrea Maceiras

 





É, dende hai uns anos, unha das escritoras da LIX galega que máis me gustan e me interesan. Cando a literatura sae da alma para facer felices aos demais, nótase e ben. Ela mesma apunta que se chegou a interesar pola literatura infantil ao escribir uns contos que tiñan a súa irmá como destinataria.

Andrea Maceiras escribe moi ben e a emoción dos seus textos é unha das súas características que me conmoven. Fun moi feliz cando souben que gañara o Premio Merlín en 2020 e que axiña verá a luz.

Para min, que sempre crin nela, todo isto -e máis- supón unha enorme ledicia.

O conto que nos escribe -e do que fala na introdución- é unha marabilla. Un luxo. Versos e aloumiños agradécello fondamente e, con el, “A luz das palabras”brilla aínda máis.

Grazas por seres como es, Andrea.


Andrea Maceiras

Leaena Hiems é unha autora ficticia que creei para a miña novela O que sei do silencio. A obra relata a historia de Delia, unha rapaza que, a causa da influencia do seu grupo de amigas, acaba por converterse en acosadora pasiva dunha compañeira de clase. A través do seu blog, Delia explica como foron eses meses nos que gardou silencio. E inclúe tamén os relatos de Leaena Hiems porque falan dos temas que a preocupan, como a soidade, a diferenza e a crueldade.

Este é o conto número 1. Titúlase Princesa de cinsa.

 

Había unha vez un país remoto e terrible chamado o País da Dor. Certo día, acertou a pasar por alí unha princesa que facía unha longa viaxe. A princesa non quería deterse no País da Dor pero, como era inverno, a noite caeu moi cedo e os membros do seu séquito suxeríronlle que sería mellor esperar ata o amencer para continuar a travesía. O que ningún deles sabía é que naquel país as noites eran tan longas como mil días e o sol, cando aparecía, apenas era un resplandor distante. Así, dentro daquela negrura longa e inesperada, a princesa e a súa corte tiveron que arranxarse para sobrevivir moito tempo sen axuda dos nativos. Os habitantes do país parecían só dedicados á guerra: para ela adestraban, por ela vivían e por ela morrían. A princesa e o seu séquito agocháranse nun lugar remoto do bosque e, desde aquel campamento real, observaban sen dar creto as crueldades daqueles homes e mulleres. E non se atrevían a saír do seu escondedoiro por medo a ser capturados como moitos outros camiñantes aos que aquela xente facía prisioneiros.

Despois dalgún tempo, nostálxica da luz e da felicidade, a princesa cubriuse cunha pel de animal e achegouse ao poboado por ver se pescudaba algo de interese. O que alí viu deixouna aínda máis abraiada: os nativos vivían nun permanente estado de abatemento, rabia e tristura que os empurraba a atacarse os uns aos outros constantemente. Non tiñan idioma propio nin se comunicaban por palabras, pois só comprendían a linguaxe da violencia. Ninguén reparou na súa presenza e así ela puido comprobar o caos que alí reinaba. Camiñou polas rúas, espreitou a través das xanelas das casas e, cansa e tristeira, sentou a descansar ao abeiro dunha árbore centenaria.

Entón aparecéuselle o Trasno, do que tanto oíra falar nos contos que as súas neneiras lle relataban durante a infancia.

-Que acontece, princesa?

-Non comprendo este lugar. Non comprendo o odio, o enfado e a pena profunda destas xentes.

O Trasno meditou un segundo antes de responder.

-Non é culpa deles, princesa. O resío deste reino é extremadamente frío, vai filtrándose nas meniñas dos ollos e facendo que o miren todo do revés. Os froitos deste país son tamén tóxicos, ábrense paso nas vísceras de quen os come, sementando odio e confusión no máis fondo do corpo. Os paxaros deste lugar son de cristal afiado. Os seus cantos atravesan a pel e crávanse no corazón dos homes e das mulleres.

A princesa quixo preguntar algo máis, pero o Trasno xa desaparecera. De súpeto, a princesa decatouse de que cara ela avanzaba un enorme tropel de xente con fachos acendidos.

-Bruxa! –exclamou a multitude- Falas con seres que non existen! A túa pel e branca e os teus cabelos dourados e nós nunca vimos nada así! A pesar de ser muller e fráxil, viaxas soa, acompañada só por uns cantos vasalos desarmados! E nós imos queimarte nunha fogueira para que non podas facernos dano, porque sentimos un odio fondo cara ti e todo o que ti representas.

-E que represento eu? –preguntou a princesa, desafiante.

-Ti representas o que está máis alá, todo o que descoñecemos e tememos. Es unha bruxa!

-Bruxa! Bruxa!

A princesa asentiu, aínda que en realidade non comprendía nada. Desconcertada como estaba, deixouse arrastrar cara un claro no bosque onde colocaran moitos madeiros que agardaban o momento de se converter en fogueiras. A princesa, que tiña o ánimo moi apagado despois de tantos días naquel país maldito, deu en pensar que quizais aquela morte a liberase de todos os pesares. Esquecera xa o motivo da viaxe que a levara ata alí accidentalmente: xa non lembraba cara onde se dirixía e sentía que nada importaba. Non lles dixo a aqueles homes e mulleres que ela non precisaba de escolta armada porque era unha princesa guerreira. Non lles contou que descendía da lendaria e arcana tribo das amazonas, que nunca bordara nin puxera flores nos seus cabelos senón todo o contrario: ela tamén fora adestrada para loitar, aínda que doutro modo moi diferente. Estaba tan cansa que non dixo nada de todo aquilo.

Porén, xusto no momento de ser queimada, despois de moitas horas de espera, un resplandor lene abriu o ceo. A princesa observou abraiada que se trataba do sol. E comezou a contar a aqueles homes e mulleres que prendían madeira ao seu redor a súa historia.

-Había unha vez un pais remoto e terrible chamado o País da Dor. Certo día, acertou a pasar por alí unha princesa...

A medida que o lume consumía o corpo da princesa, aquelas xentes ían comprendendo o que ela trataba de dicirlles. Asentían coa cabeza, entre admirados e conmovidos, experimentaban por primeira vez con aquel relato a sensación de entender algo descoñecido, algo que estaba máis alá do resío, dos froitos tóxicos e dos paxaros de cristal afiado. Comprendérono todo. Comprenderon que vivían no eco dos odio que eles mesmos crearan. E para cando a última lapa esmoreceu, estaban totalmente transmutados. Xa non eran os mesmos, nin o país se chamou nunca máis País da Dor.

Por desgraza, para entón a princesa xa non estaba con eles. As súas cinsas formaban remuíños no aire.

De cando fun serea,  Leaena Hiems, conto número 1.





Andrea Maceiras



Se queres saber máis de Andrea...


Nacín na Coruña en 1987.  O meu amor polas historias chegou un pouco despois. E a destinataria dos meus primeiros contos foi a miña irmá pequena. Quizais por iso me sinto tan cómoda na literatura infantil e xuvenil. Son doutora en Filoloxía Hispánica e licenciada en Filoloxía Galega. E autora de nove novelas en lingua galega, algunhas das cales están traducidas ao español e ao inglés. Obtiven, entre outros o Premio Jules Verne 2015 por Europa Express, o premio Lazarillo 2018 por Conta nove estrelas e o Premio das Bibliotecas escolares de Galicia no 2020, ano no que tamén gañei o Premio Merlín por A folla azul, que se publicará proximamente.

Ás veces creo que escribo por todas as cousas que foron, serán ou puideron ter sido. Outras que leo porque existo. A literatura é para min unha forma diferente de viaxe. E así me sinto moitas veces: pasaxeira.