XOÁN CARLOS DOMÍNGUEZ ALBERTE (Escudeiros-Ramirás, 1966)
MERCEDES QUEIXAS ZAS (A Coruña, 1968)
Na anatomía corporal
(im)perfeccións ocultas
só descobren a nudez
na palabra.
Embigo.
Dedicarse á contemplación
cobiza o ensimesmamento
íntimo
en inútiles bólas corporais
de amidón.
Ou termos man
do cordón umbilical da historia
do propio sangue.
Punto límite
de non retorno.
transfórmase en palabra de sedución.
É
este
o tempo
dos sucos novos.
Espertemos
de sonos de antano
en barola amolecidos
e gocemos
plenamente
das estreliñas
mareiras
de cinco puntas
violetas
que penduran
na rede
dos nosos soños.
Quero ser violeta.
Quero ser violeta.
Repite comigo.
Porque non podo
comigo mesma.
Acabarei por facer do poema a biografía.
Luísa Villalta, Ruído
Escribo en ti.
Á rebusca das palabras
que tenten do papel
o canto da folla
malia o teu silencio
arrepórseme
en fíos
encadeados
de palabras
indelébeis
a bruaren
en min
Escribo para min.
Para non me perder
ao atravesaren
escorregadizas
o medidor do
tempo
máis aló do
meu tempo.
Para Ramón Luís Acuña,
na lembranza.
Na nosa escola había mestres
que falaban claro
a lingua
dun tempo solleiro
de ar limpo en cantos
de paxaro sobrevoando
a fertilidade
das agras.
Forza de animal salvaxe acantazou
a fiestra das palabras.
Furia incontida esnaquiza a luz
en pequenos anacos de miolos
cortantes de impotencia.
Voo morto de paxaros
en agros sen semente.
Ollada en liberdade
xa sen as fírgoas
dun tempo maldito
que amerou para sempre a flor
fecunda da colleita.
Percorrer o areal húmido
do teu verso
para sentir
vertixe
entre as dedas
nestes vidros
Repensármonos
para circunvalar as ce(n)suras
das nosas mans
chuchameles
De cando en vez
as palabras
botan o pulso
gañador
Non hai maior mentira
que o silencio
Ordenar gabetas
para desacordar lembranzas.
(Do poemario Partituras, editado por Laiovento, 2019)