Páginas

jueves, 11 de abril de 2019

NO CLAUSTRO DO MUSEO DO PRADO RECIBINDO O PREMIO NACIONAL DE LIX

Os galardoados

Pasou ano e medio dende que me comunicaron que gañara o Premio Nacional de LIX o día 3 de outubro de 2017. Estaba fronte ao mar esa mañá, cando me chamaron.
     poemar nacional. parabéns” enviárame un chisco antes Manuel Bragado ao móbil. Emoción intensa e bágoas. Non o podía crer. parecíame imposible.
     
     O 19 de marzo de 2019 recibín o galardón da man da Raíña Dona Letizia.
      Poemar o mar levaba tempo espallándose pola xeografía nacional, enchendo de ondas poéticas moitos territorios, algúns deles de terra adentro. Nenos e nenas de distintas latitudes bañáronse –e seguen a facelo- no meu mar poético. En galego e en castelán para agrandar o seu efecto mariño-poético.
    
Recibindo o diploma
     O acto foi sinxelo. O lugar, fermosísimo: o Claustro do Museo Nacional do Prado, en Madrid, claro. Excelente o discurso de Rosa Montero e necesarias, as palabras de Blanca Berasategui. Reivindicación  da literatura e chamamento a facer da cultura algo vivo e necesario.
     

     
     Cando subín recoller o diploma pensei en Galicia. Mil sentimentos revoltaron dentro de min en poucos segundos. Ao volver  ao meu sitio, unha estraña sensación de incerteza invadiume. E agarreime inconscientemente á figura de Rosalía. Foron uns segundos de fusión coa gran poeta galega. E lembrei a Rafael Alberti, que tanto me axudou a crer en min. Todo sucedeu moi rápido pero deixoume unha pegada imborrable.

     Unha vez máis sentín no meu interior a emoción da Galicia que amo tan fondamente. De novo, a nosa literatura brillaba e era recoñecida ao máis alto nivel. E cun libro de poesía!
    
Con Susi
     
     Nese marco marabilloso sentinme orgulloso do acadado. E  nel, nun acto tan especial, vivín a felicidade de estar acompañado pola muller que leva ao meu lado máis de corenta anos, Susi, e que tanto fixo para que eu chegase ata onde estou agora. Pero a satisfacción foi maior ao ter alí, á miña beira, a miña filla Noa, acompañada de Iván Ferreiro. Un orgullo.E dous amigos, case irmáns, os que tanto quero como son o poeta Juan Carlos Martín Ramos e a marabillosa Lurdes López. Todos eles e elas arroupáronme nun intre tan intimamente inesquecible e desfrutaron comigo.
 
Lurdes, Susi, Juan Carlos e Iván
            O tempo vai pasando. Eu non deixo de seguir levando a poesía cara ao corazón das persoas, en especial, á rapazada. Precisan dos versos. E gústanlles cando se lles achega con paixón e agarimo.


     Dixen o mesmo día da concesión deste premio que me ía facer estar máis próximo ao lectorado e ás persoas que traballan a prol da divulgación da lectura. Dixen, tamén, que era un enorme recoñecemento á poesía como xénero –tan esquecido- e, xaora, un novo galardón á nosa literatura galega e ao seu idioma, un ben de grandes dimensións que algúns intentan non só minimizar, senón, ademais, borrar con indignas decisións.
     
Con Noa e Susi
     Velaquí queda a mensaxe: ler e ler moito en galego. Porque temos unha lingua que é un tesouro que ninguén nos pode roubar.

     Ah! e lamentar a actitude, verdadeiramente lamentable, da señora Ruiz de la Prada que deu a nota dende que entrou no Claustro (ademais do vestido que lucía) e que me fixo sentir vergonza allea. O que hai que ver!



Feliz, co premio