TÍTULO: O que
sei do silencio
AUTORA: Andrea
Maceiras
EDITORIAL: Edicións
Xerais. COLECCIÓN: Fóra de Xogo
Estiven ata ben entrada a madrugada para rematar unha
historia que me seduciu moito. Non fun quen de abandonala ata que acabei a derradeira
liña, a derradeira páxina.
Andrea
Maceiras escribiu unha novela máis que interesante:
O que sei do silencio, finalista do Premio Raíña Lupa, 2017. Un relato
estremecedor sobre o acoso escolar. Non
é doado aportar matices novos ás historias sobre este tema que están a
proliferar na LIX actual, pero Andrea Maceiras conseguiuno. E fíxoo a través da
estrutura e da figura de Delia, unha acosadora pasiva con Silke coma vítima,
unha rapaza sueca recén chegada ao instituto para cursar 3º de ESO.
Unha historia de silencios cómplices que
rachan posteriormente cando Delia, pasado un tempo, decide crear un blog para
contar o sucedido. Para contar como se lles foi das mans algo que non debía
suceder. Ela mesma afirma que "son unha covarde". E afirma, tamén, o
inútil que se sentiu (era bastante
asociable e precisaba de amigas que a visibilizasen) e como se deixou levar por
compañeiras acosadoras como Xulia, Lara e Daniela por medo á soidade.
Por iso, Delia abre un blog no que vai
contando o sucedido. Un acerto da autora esta estrutura, porque, ademais das
diversas narracións da rapaza, aparecen testemuños de Marcos, indiferente el ao
longo dos acontecementos, e de persoas alleas que dan as súas opinións arredor
do que len no blog.
Salientar,
tamén, os contos dunha tal Leaena Hiems, recollidos nun suposto volume co nome
de "De cando fun serea". Contos de países remotos, de princesas e
príncipes que teñen unha carga emocional grande e que están en sintonía co
espíritu do relato.
Hai
moita crueldade na novela. Unha crueldade que fere, Pero hai tamén unha visión
da vida que posúe graos diversos de sentimentos, pasos adiante e pasos atrás,
reflexións e remorsos. Hai covardía pero tamén desexos afogados de asumir
actitudes positivas.
Os personaxes están moi ben perfilados
-Silke é unha rapaza admirable- e a acción non só é crible senón que te convida
a pensar fondamente no que alí se conta.
Encántame a escrita de Andrea Maceiras.
Sígoa dende hai tempo e afirmo que é unha das mellores escritoras desta nova
xeración de autoras que non só escriben de marabilla, senón que poñen o dedo na
chaga da realidade que se está a vivir hoxe en día. E fano con vocación
literaria. Un gran mérito pola súa parte. Denunciar, sen esa vocación
literaria, sería todo menos literatura e iso ben o sabe a autora, que
desenvolve a acción con moita medida e con moita intelixencia.
Novela, sen dúbida, moi necesaria O que sei do silencio. Unha novela na
que a palabra acada unha nova dimensión para explicar, literariamente,
silencios que queren deixar de ser crueis para facer máis auténtico o ser
humano.
Altamente recomendable, esta novela é un
paso máis na traxectoria magnífica de Andrea Maceiras que xa demostrou a súa
calidade con libros como Volverás,
golfiño ou Europa Express, tamén editados por Edicións Xerais, entre
outros, e que tanto me gustaran.
Mil parabéns.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO