sábado, 25 de noviembre de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (36) "O príncipe carpinteiro", de Manuel Uhía







TÍTULO: O príncipe carpinteiro.



AUTOR: Manuel Uhía.



EDITORIAL: Galaxia .Colección: Árbore.





A editorial Galaxia achégalles aos lectores a partir de dez anos este conto cuxa autoría pertence a un home de ampla e recoñecida traxectoria dentro do mundo da ilustración da LIX das nosas letras.
    
     Trátase de Manuel Uhía, pintor, ilustrador, escritor, deseñador gráfico, colaborador con diferentes editoriais, medios de comunicación e axencias de publicidade, ademais de guionista e director de documentais de natureza submarina. Desta vez, preséntase coma autor por partida dobre, ao ser o creador tanto do texto coma das ilustracións.


     O príncipe carpinteiro cóntanos a historia de Rodolfo VI, un neno espelido e con inquedanzas que para nada teñen que ver cos obxectivos depositados nel, mesmo antes de ter nacido, por parte do seu avó e rei de Paspalia, Gumersindo II.
 
Manuel Uhía

     Ao longo de oito capítulos curtos imos descubrindo a historia pasada do protagonista, cuxa nai, Priscila, na súa mocidade xa dera mostras de ter unha personalidade diferente a todas as princesas do seu tempo, negándose a acatar a vontade paterna de casar cun rico herdeiro. Este impulso de rebeldía non lle servirá para atinxir os seus desexos e co paso do tempo, non terá máis remedio que obedecer e casar co que será o pai de Rodolfo VI. O rei Gumersindo II coidaba que co nacemento do seu neto chegaría ao seu reino un pouco de tranquilidade, pois el sería o herdeiro de todo. Pero a realidade non se puxo de acordo coas ilusións e Rodolfo VI, a medida que ía medrando, tamén se ía afastando do que, a priori, debería facer un futuro rei: cazar, cabalgar e ser un home de armas. Porque o noso protagonista agocha un segredo que habita na parte máis afastada e, xa que logo, prohibida do pazo e que se descubrirá ao final e suporá, a diferenza da súa nai e avó, a realización dos seus soños.


     O feito de que estea narrado cunha prosa fluída e sustentada sobre todo nos diálogos, onde non falta o humor, atrae a atención do lector á vez que o convida a interpretar os personaxes focalizados nas vivas ilustracións.


                                                                                                                                                    ALBA  PIÑEIRO