TÍTULO: O
príncipe carpinteiro.
AUTOR: Manuel Uhía.
EDITORIAL: Galaxia .Colección: Árbore.
A editorial Galaxia
achégalles aos lectores a partir de dez anos este conto cuxa autoría pertence a
un home de ampla e recoñecida traxectoria dentro do mundo da ilustración da LIX
das nosas letras.
Trátase de Manuel Uhía, pintor, ilustrador,
escritor, deseñador gráfico, colaborador con diferentes editoriais, medios de
comunicación e axencias de publicidade, ademais de guionista e director de
documentais de natureza submarina. Desta vez, preséntase coma autor por partida
dobre, ao ser o creador tanto do texto coma das ilustracións.
O príncipe carpinteiro cóntanos a historia de Rodolfo VI, un neno espelido e con
inquedanzas que para nada teñen que ver cos obxectivos depositados nel, mesmo
antes de ter nacido, por parte do seu avó e rei de Paspalia, Gumersindo II.
Ao longo de oito capítulos curtos imos descubrindo a
historia pasada do protagonista, cuxa nai, Priscila,
na súa mocidade xa dera mostras de ter unha personalidade diferente a todas as
princesas do seu tempo, negándose a acatar a vontade paterna de casar cun rico
herdeiro. Este impulso de rebeldía non lle servirá para atinxir os seus desexos
e co paso do tempo, non terá máis remedio que obedecer e casar co que será o
pai de Rodolfo VI. O rei Gumersindo II coidaba
que co nacemento do seu neto chegaría ao seu reino un pouco de tranquilidade,
pois el sería o herdeiro de todo. Pero a realidade non se puxo de acordo coas
ilusións e Rodolfo VI, a medida que ía medrando, tamén se ía afastando do que,
a priori, debería facer un futuro rei: cazar, cabalgar e ser un home de armas.
Porque o noso protagonista agocha un segredo que habita na parte máis afastada
e, xa que logo, prohibida do pazo e que se descubrirá ao final e suporá, a
diferenza da súa nai e avó, a realización dos seus soños.
O feito de que
estea narrado cunha prosa fluída e sustentada sobre todo nos diálogos, onde non
falta o humor, atrae a atención do lector á vez que o convida a interpretar os
personaxes focalizados nas vivas ilustracións.
ALBA PIÑEIRO